A hiperpotasemia é un trastorno hidroelectrolítico que afecta ao potasio no que os niveis sanguíneos deste ión están elevados por riba de 5,5 mEq/kg. O potasio é un ion fundamentalmente intracelular, que se introduce na célula cando actúa a insulina, nunha descarga β adrenérxica ou na alcalose. Á súa vez, sae da célula nas acedoses.
Pseudohiperpotasemias Cando unha extracción sanguínea se complica e pasa moito tempo sen que algún tecido reciba sangue, pode ocorrer unha pseudohiperpotasemia. Cando falta sangue aparecen procesos necróticos e acedose, co que o potasio sae da célula xerando na mostra de sangue unha aparente hiperpotasemia. Porén, a concentración do potasio nestas mostras non é representativa da potasemia sistémica.
Causas de hiperpotasemias Existen varios tipos de causas de hiperpotasemias: Escasa excreción renal: o ril non é quen de eliminar o suficiente potasio. Por exemplo, nalgúns enfermos tratados con IECAs. En enfermidades que cursen con elevada morte celular, por exemplo nas hemólises intensas.
Manifestacións clínicas Aparecen nos casos moderados ou graves (potasio por riba de 6 ou 7 mEq/kg). As manifestacións máis notables acontecen a nivel cardíaco. Reflíctense no electrocardiograma con atraso do segmento Q-R e unha maior intensidade da onda T. Nos niveis máis graves aparecen arritmias, descenso da velocidade de condución, taquicardia e finalmente fibrilación.
Tratamento O tratamento primordial deste trastorno baséase en tratar a súa orixe. Por outra banda, é preciso reducir a concentración sérica de potasio mentres actúa o tratamento etiolóxico. Para iso empréganse: Gluconato cálcico: que protexe a función cardíaca. Insulina, que introduce o potasio dentro da célula. Resina de intercambio iónico Ión bicarbonato, para alcalinizar a ouriña e favorecer a excreción renal de potasio.
Véxase tamén Outros artigos Potasio Hipopotasemia
Categoría:Trastornos hidroelectrolíticos