A Economía de Haití é a máis pobre de América e do Hemisferio Norte. É dicir, Haití é o país con menor PIB per cápita e un dos máis desiguais do mundo: 80% da súa poboación está por baixo da liña da pobreza, e o 54% vive nunha pobreza abxecta. A súa renda per capita estímase nunha décima parte da dos seus veciños da rexión do Caribe.
A pesar da recuperación da súa economía en anos recentes, cun crecemento positivo no 2005, catro tormentas tropicais no 2008 danárono severamente xunto coas súa infraestrutura de transporte e o sector agrícola. O país espera o perdón duns 525 millóns de dólares da súa débeda externa a mediados de 2009, no programa de axuda ós países altamente endebedados.
Política económica recente
O PIB decreceu no ano fiscal do 2001 logo de seis anos de crecemento. A caída foi de 1.1% e 0.9% nos anos fiscais de 2001 e 2002. A estabilidade macroeconómica foi fortemente afectada pola incerteza política, o colapso de cooperativas bancarias informais, grandes déficits orzamentários baixos investimentos e reducido fluxo de capitais internacionais, incluíndo a suspensión de préstamos por atrasos con BID e o Banco Mundial.
A economía haitiana estabilizouse en 2003. Aínda que o ano fiscal 2003 iniciou coa depreciación do gourde debido a rumores de que os depósitos en dólares íanse a nacionalizar e a eliminación do subsidio aos combustibles, o goberno puido estabilizar o gourde ao tomar a decisión de deixar flotar os prezos dos combustibles de acordo aos prezos mundiais e elevar as taxas de interese. O goberno fixo acordos co Fondo Monetario Internacional nun programa monitorado, seguido do pago de atrasos por $32 millóns ao BID en xullo. Estes pagos abriron o camiño para novos préstamos con esta institución financeira. O BID desembolsou $35 millóns dun préstamo de $50 millóns en xullo e comezou a desembolsar préstamos previamente acordados totalizando $146 millóns. O BID, o FMI e o Banco Mundial tamén analizaron a posibilidade de novos préstamos co goberno. Moito disto dependería da adhesión do goberno ás metas fiscais e económicas, como o pago dos atrasos co Banco Mundial ($30 millóns, ao 30 de setembro de 2003).
O PIB per cápita en 2002 era de $425 e prevíase que continuase decrecendo debido ao crecemento de 1.3% da poboación. O principal elemento son as remesas, as cales reportaron $931 millóns en 2002. A axuda financeira internacional decreceu desde 1995, o ano en que o goberno electo foi restaurado no poder; cando máis de $600 millóns en axudas foi provisto pola comunidade internacional. Os traballadores en Haití teñen dereito a asociación. O pago mínimo legal de 36 gourdes por día (aproximadamente US$ 1,80) aplica á maioría dos traballadores do sector formal.
Recentemente o presidente René Préval, reelixido para un segundo mandato en 2006 adheriuse á iniciativa ALBA e estableceu lazos estratéxicos con países da rexión que apuntan a un cambio na orientación xeral das políticas económicas das últimas dúas décadas.
A economía do país sufriu un duro revés en xaneiro de 2010, cando un terremoto de magnitude 7,0 destruíu gran parte do seu capital, Port-au-Prince e áreas veciñas. O terremoto causou máis de 7,8 mil millóns de dólares en danos e produciu unha contración do PIB de 5,4% naquel ano. A pobreza, a corrupción, a vulnerabilidade a desastres naturais e o baixo nivel de educación da súa poboación son os máis serios obstáculos ao crecemento económico.
Notas
Haiti Categoría:Haití