O Corán ou Alcorán (en árabe: القرآن al-qur'ān, literalmente "a recitación"; tamén Al Qur'ān Al Karīm ou "O Nobre Corán") é o libro sagrado do islam.

Os musulmáns cren que o Corán é a transcrición da palabra literal de Deus e a culminación da revelación de Deus á humanidade, transmitida a través do profeta Mahoma durante un período de 23 anos polo anxo Jibreel (Gabriel). O Corán consiste de 114 suras, ou capítulos, cun total de 6.236 aleias (versículos). O Corán retoma moitos personaxes que aparecen nos libros sagrados do xudaísmo e do cristianismo (Torah e Biblia) e na literatura devota (apócrifos), con moitas diferenzas de detalle. Personaxes bíblicas moi coñecidas, como Adán, Noé, Abraham, Moisés, Xesús e Xoán o Bautista aparecen mencionados como profetas.

miniatura|Exemplares do Corán.|esquerda Orixe e desenvolvemento do Corán O recitado orixinal miniatura|Mahoma recibindo a Revelación do arcanxo Gabriel. Miniatura do libro Jami al-Tawarij, elaborado en Tabriz a principios do século XIV. Segundo a tradición, Mahoma non sabía ler nin escribir e limitouse a recitarlles aos seus compañeiros o que lle era revelado para que estes o escribisen e memorizasen. Esta tradición de memorización existe aínda entre os musulmáns. Os crentes sosteñen que o texto literal do Corán tal e como se transmite hoxe correspóndese exactamente co que lle foi revelado a Mahoma, ou sexa, son as mesmas palabras que Deus lle comunicou a Mahoma a través de Jibreel (Gabriel).

O recitado comezou unha noite do ano 610, cando Mahoma, que na altura contaba 40 anos, durmía no mes de Ramadán. Escoitou unha voz que o chamaba exhortándoo "Recita! Recita! Recita!" O anxo recitoulle tres versos e, ao espertar, tíñaos, dicía Mahoma, inscritos no corazón. A partir de entón, sóubose profeta e mensaxeiro de Deus, o derradeiro dunha liña sete que comezara con Abraham e tivera en Xesús Cristo ao sexto. A súa misión era transmitir a derradeira e máis importante das mensaxes de Deus, a Recitación en árabe, ou Alcorán (tamén transcrito como Qur'an). As xentes de Deus (xudeus e cristiáns) desviáranse do camiño e o propósito do Corán era reconducilas.

Ese recitado volvería a Mahoma en moitas ocasións. El repetía o que escoitaba e os seus seguidores memorizábano. Nalgúns casos tamén se transcribía o texto no soporte que estivese dispoñíbel. O Corán, xa que logo, foi un texto fundamentalmente oral durante a vida de Mahoma. Pero era tamén un texto fluído: conforme se lle engadían versículos e se reorganizaba o texto, os seguidores debían volver a memorizar o texto á luz das adicións e mudanzas. Mahoma repudiou certos versículos que se lle revelaran acusándoos de seren versículos "satánicos", ditados non por Gabriel senón por Satán, e foron expurgados.miniatura|Corán abásida, século XCorán interprétase habitualmente como "recitación", o que indica que non pode existir como un simple texto. Para poder orar (unha das obrigas dos musulmáns) hai que aprender polo menos algunhas suras do Corán. Normalmente comézase pola primeira sura, al-Fatiha, coñecida como "os sete versículos moi repetidos" e progresando logo aos máis curtos cara ao final. Quen coñece o Corán enteiro recibe o nome de Qari' (قَارٍئ) ou Hafiz, que queren dicir "recitador" ou "memorizador", respectivamente. Mahoma foi o primeiro Hafiz.

Os compañeiros de Mahoma comezaron a recoller as suras por escrito antes de que este morrese (en 632), e hai constancia disto na tradición, como na historia da conversión de Umar ibn al-Khattab (estando Mahoma aínda na Meca), cando se menciona que a súa irmá estaba a ler o texto da sura Ta-Ha e dise que en Medina uns 65 "compañeiros" (sahaba) actuaron como escribas nalgún momento e que Mahoma recorría con frecuencia a eles cando lle viña unha revelación.

A compilación

Segundo unha tradición posterior, a primeira compilación do Corán nun volume único realizouna Zayd ibn Thabit en tempos do primeiro califa, Abu Bakr. Zayd ibn Thabit "recolleu o Corán de varios pergamiños e anacos de óso e dos peitos (ou sexa, as recordacións) dos homes". Esta copia gardaríase na casa de Hafsa bint Umar pero non está claro se era unha versión completa nin se tiña carácter oficialJane Dammen McAuliffe ( 2006) The Cambridge Companion to the Qu'ran Cambridge:Cambridge University Press, p. 31. miniatura|Manuscrito en pergamiño correspondente aos de Saná (século VII) Durante o califato de Uthman ibn Affan tivo lugar unha disputa sobre o uso de varios dialectos (ahruf) no recitado do Corán. Tamén causaron preocupación as diverxencias que se producían nos recitados da revelación, especialmente entre os novos musulmáns. Como resposta, arredor de 650 Uthman decidiu codificar e estandarizar o texto. Segundo algunhas tradicións islámicas, Uthman encargoulle a un comité no que participaron Zayd e varios membros destacados de Quraysh a redacción do texto padrón, baseado nunha compilación que estaba en poder de Hafsa.

Ao rematar, Uthman enviou copias a varios recantos do Imperio islámico e ordenou a destrución de todas as copias non coincidentes. Varios manuscritos, entre eles o manuscrito de Samarkanda, pretenden ser unha desas copias orixinais, o cal é discutido. De entre os manuscritos descubertos recentemente en Saná, parece que tres polo menos datan de antes do ano 50 da héxira. Os restos de inscricións dátanse de algo máis tarde: arredor do ano 50.

Ademais das primeiras versións coñecidas de Abdallah Ibn Masud e Ubay Ibn Ka'b, tense noticia dunha versión xiíta supostamente compilada por Alí, o xenro de Mahoma, á que renunciou en favor da colección de Uthman. Os eruditos musulmáns aceptan que as diferenzas entre as versións consistían maiormente en variantes ortográficas e léxicas e un cómputo distinto dos versos. Todos os tres mencionados (Ibn Masud, Ubay Ibn Ka'b e Alí) tiñan un posición de autoridade que lles permitiría oporse a calquera variación que existise entre a súa colección e a de Uthman e, porén, todos os tres apoiaron a compilación de Uthman e continuaron a servir a este califa.

As recitacións

Dado que a versión de Uthman non contiña marcas diacríticas e podía, en consecuencia, ser lida de varias maneiras por quen a memorizasen, arredor do ano 700 iniciouse o desenvolvemento dunha versión para a oralidade. O exemplar máis antigo que se garda é do século IX. Hoxe en día o Corán publícase con todas as vogais.

Existen actualmente dez recitados canónicos e catro non canónicos. Un recitado canónico debe cumprir tres condicións: Debe axustarse á compilación de Uthman, letra a letra. Debe seguir as regras sintácticas do árabe. Debe seguir unha continuidade (isnad) até ao Profeta Mahoma a través de tawatur, isto é, ten que ter sido transmitido por un grupo de xente amplo a través da cadea da isnad. miniatura|Icona caligráfica da verba Corán Ibn Mujahid recolleu sete destes recitados e Ibn Al-Jazri engadiu tres. Son:

Nafi` de Medina (169/785), transmitido por Warsh e Qaloon. Ibn Kathir de Makka (120/737), transmitido por Al-Bazzi e Qonbul. Ibn `Amer de Damasco (118/736), transmitido por Hisham e Ibn Zakwan. Abu `Amr de Basora (148/770), transmitido por Al-Duri e Al-Soosi. `Asim de Kufa (127/744), transmitido por Sho`bah e Hafs. Hamza de Kufa (156/772), transmitido por Khalaf e Khallad. Al-Kisa'i de Kufa (189/804), transmitido por Abul-Harith e Al-Duri. Abu-Ja`far de Medina, transmitido por Ibn Wardan e Ibn Jammaz. Ya`qoob do Iemen, transmitido por Ruways e Rawh. Khalaf de Kufa, transmitido por Ishaaq e Idris. Estes recitados difiren na vocalización (tashkil تشكيل) dunhas poucas palabras, o que lle dá un significado complementar á palabra en cuestión de acordo coas regras da gramática do árabe. Por exemplo, a vocalización dun verbo pódeo facer mudar entre as súas voces activa e pasiva. Pode modificar tamén a formación léxica, implicando intensidade, por exemplo. As vogais pódense facer longas ou curtas e as paradas glotais (hamzas) pódense engadir ou eliminar, de acordo coas regras de cada recitado concreto. Por exemplo, o nome do arcanxo Gabriel pronúnciase diferente nos diferentes recitados: Jibrīl, Jabrīl, Jibra'īl, e Jibra'il. O nome "Qur'ān" pronúnciase sen a parada glotal ("Qurān") nun dos recitados e o nome do profeta Abraham pronúnciase Ibrāhām noutro.

As narracións máis usadas son as de Hafs (حفص عن عاصم), Warsh (ورش عن نافع), Qaloon (قالون عن نافع) e Al-Duri (الدوري عن أبي عمرو). Os musulmáns cren ferventemente que todos os recitados canónicos foron recitados polo Profeta mesmo, citando a cadea da narración isnad propia, e acéptanas como válidas para o culto e como referencia para as regras da xaria. Os recitados non canónicos chámanse "explicativos" polo seu papel de dar unha perspectiva diferente dun ayah concreto. Varias ducias de persoas hoxe en día reciben o título de "Memorizador dos Dez Recitados", considerado como a honra suprema nos estudos coránicos.

A lingua do Corán A tradición islámica considera que o Corán lle foi revelado a Mahoma en árabe. A base desta idea está no propio texto coránico, pois no versículo 103 da sura 16 afírmase que lle foi dado ao profeta nun árabe "claro", "elocuente" ou "puro" (en árabe: لِسَانٌ عَرَبِیٌّ مُّبِیۡنٌ).

Tradicionalmente afirmábase que a variedade orixinaria era o dialecto dos Quarish, a tribo de Mahoma. Porén, os estudos filolóxicos actuais desbotan esta posibilidade ofrecendo dúas teorías: a maioritaria, considera que a lingua é a koiné árabe empregada na poesía preislámica ('arabbiya) con trazos dialectais do Hejaz (a rexión da Meca e Medina), mentres que a outra acha que primeiramente era recitado en dialecto mequí e que logo foi escrito no árabe poético preislámico.

A Crítica Textual e o Corán miniatura|Corán manuscrito por Hibatallah al-Husayni para o emperador mogol Akbar (século XVI) A crítica textual bíblica revolucionou o Xudaísmo e o Cristianismo ao cuestionar asuncións moi establecidas sobre as orixes da Biblia; algúns críticos textuais están a facer o mesmo co Corán. Indican que partes do Corán están baseados en historias dos Tanakh (a Biblia hebrea), o Novo Testamento, a Biblia cristiá e outras obras cristiás non canónicas. As diferenzas entre as versións bíblicas e as coránicas suxiren que estas historias non se tomaron directamente dos textos escritos, senón que eran parte das tradicións orais da Península arábica en tempos de Mahoma. Para os musulmáns, as historias xudías e cristiás son simplemente corrupcións textuais dun orixinal divino case perdido que se reflicte no Corán.

Esta crítica procura tamén atopar probas da evolución do texto e das disputas sobre a transcrición no islam primeiro. O recente descubrimento dos "Cemiterios do Corán" no Iemen parece que poderá achegar nova luz sobre a materia.

Interpretación do Corán

De acordo cos testemuños máis antigos, escritos todos eles por crentes, o Corán foi revelado aos poucos durante o período extenso. Cada sura, e ás veces mesmo cada versículo individual, ten as súas propias circunstancias específicas. Nalgúns casos, estas menciónanse nos coñecidos tafsirs (por exemplo, a sura Iqra, ou moitas partes, incluídos os ayat 190-194, da sura al-Baqarah); noutros casos (por exemplo, a sura al-Asr), o máis que se pode dicir é en que cidade vivía o Profeta na altura (dividindo entre as suras de Makkan e as de Medina). Nalgúns casos, tal e como na sura al-Kawthar, hai diverxencias sobre as circunstancias e tradicións diferentes fornecen unha relación diferente. Porén, cando son coñecidas, as circunstancias considéranse unha axuda importante para comprender o significado pretendido de cada versículo. O telón de foro máis xeral do Corán, especialmente o histórico, tamén ten valor para a súa interpretación. Por exemplo, non sería posíbel entender ben a sura al-Fil sen coñecer o que os primeiros historiadores árabes contan do Ano do Elefante. miniatura|Nena da etnia salar con táboas con versos coránicos. Fotografía tirada en 1933 na provincia chinesa de Qinghai.