Diego Gerardo Seoane Castro, nado en Lucerna o 30 de outubro de 1978, é un exfutbolista e adestrador suízo de orixe galega. Dende 2025 adestra o Young Boys, da Super Liga suíza.
Traxectoria
Como xogador Naceu na cidade suíza de Lucerna, sendo fillo de dous emigrantes galegos da Brea, en Carballo. Comezou a súa carreira na canteira do FC Rothenburg, pasando logo polo FC Luzern e o FC Sion.
En 1998 foi traspasado por 150 millóns de pesetas ao Deportivo da Coruña, asinando un contrato por cinco anos co presidente Augusto César Lendoiro e instalándose así na terra de seus pais. Foi presentado diante de 3.000 afeccionados no estadio de Riazor, pero o adestrador Javier Irureta non contou con el para o primeiro equipo, no que o centro do campo estaba ocupado polos internacionais brasileiros Mauro Silva e Flávio Conceição. A pesar de adestrar sempre co primeiro equipo disputou con este só dous partidos de Copa do Rei contra o Jerez CF, mentres que o resto da tempada xogou co Fabril en Segunda B. Co filial disputou 31 encontros na súa primeira tempada, anotando catro goles, o primeiro deles na xornada 12 contra o Lugo, pero o equipo descendeu á Terceira división.
En marzo do ano 2000 marchou cedido ata o final da tempada ao AC Bellinzona, da segunda división suíza. Ao remate da cesión regresou á Coruña, onde xogou dúas tempadas máis no Fabril, chegando a ser o capitán do equipo. No verán de 2002 volveu saír cedido a Suíza, esta vez ao FC Aarau, da primeira división. Ao ano seguinte continuou no Aarau xa en propiedade e de aí pasou ao Grasshopper de Zürich no 2004.
A comezos de 2007 volveu ao FC Luzern, onde ao pouco de chegar rompeu a tibia e o peroné. Con todo, continuou no club tres anos máis, retirándose no 2010, como capitán do equipo.
Selección suíza Foi internacional coa selección suíza sub-21 en 18 ocasións, e anotou tres goles.
Como adestrador Despois da súa retirada traballou como técnico nas categorías inferiores do FC Luzern, e no 2013 foi durante un partido o adestrador interino do primeiro equipo. Entre 2014 e 2017 foi adestrador do equipo sub-21 do Luzern, e en xaneiro de 2018, despois do despedimento de Markus Babbel, fíxose cargo do primeiro equipo ata o final da tempada. O equipo ocupaba as derradeiras prazas da táboa no momento no que Seoane colleu as rendas do equipo, pero acabou subindo ata o terceiro posto, clasificándose para a previa da Europa League.
A continuación foi fichado polo Young Boys, para substituír a Adi Hütter. Dirixiu o equipo de Berna durante tres anos, gañando tres ligas suízas consecutivas e a Copa de Suíza en 2020. Na súa terceira e derradeira tempada no club, o dominio do equipo na liga foi tal, que se proclamou campión a falta de sete xornadas, rematando con 31 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Basel. Conseguiu ademais levar o Young Boys á Liga de Campións na edición de 2018/19, cousa que non sucedía dende a 1986/87.
En maio de 2021 foi anunciado como novo adestrador do Bayer Leverkusen para a tempada 2021/22 da Bundesliga. Completou a súa primeira campaña co terceiro posto en liga, o mellor resultado do club en seis anos, e clasificou así o equipo para a Liga de Campións despois de dous anos de ausencia. Na Europa League logrou a primeira posición do seu grupo na primeira fase, pero caeu eliminado nos oitavos de final contra o Atalanta. Comezou a tempada 2022/23 con malos resultados, logrando só cinco puntos nas oito primeiras xornadas. O 5 de outubro de 2022, co equipo en postos de descenso, e un día despois de sufrir unha derrota diante do Porto na Liga de Campións, a dirección do club decidiu cesalo e substituílo polo vasco Xabi Alonso.
En xuño de 2023 foi contratado como novo técnico do Borussia Mönchengladbach. Na súa primeira campaña en Mönchengladbach acabou na 14ª posición da Bundesliga e na seguinte subiu ata o 10º lugar. Continuou no banco do club para unha terceira campaña consecutiva, pero en setembro de 2025 foi destituído, cando o equipo ocupaba a antepenúltima posición da táboa.
O 31 de outubro de 2025 regresou ao banco do Young Boys, onde ocupou o lugar do cesado Giorgio Contini. A pesar de ser o conxunto máis goleador da liga e de contar cos dous máximos artilleiros do campionato (Christian Fassnacht e Chris Bedia), o equipo de Berna só puido ser sexto. Na penúltima xornada do campionato conseguiu unha ampla goleada por 3-8 sobre o campión, o Thun de Mauro Lustrinelli.
Palmarés como adestrador Young Boys
Super Liga suíza (3): 2018/19, 2019/20 e 2020/21. Copa de Suíza (1): 2019/20.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do adestrador en Transfermarkt .
Categoría:Nados en 1978 Categoría:Nados no cantón de Lucerna Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Suízos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas de Suíza Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Luzern Categoría:Xogadores do FC Sion Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do AC Bellinzona Categoría:Xogadores do FC Aarau Categoría:Xogadores do Grasshopper-Club Zürich Categoría:Adestradores de fútbol de Suíza Categoría:Adestradores do FC Luzern Categoría:Adestradores do BSC Young Boys Categoría:Adestradores do Bayer Leverkusen Categoría:Adestradores do Borussia Mönchengladbach