Francisco Javier Cobián Salgado, nado na Estrada o 7 de febreiro de 1944 e finado en Pontevedra o 28 de agosto de 2021, foi un xestor administrativo e político galego.
Traxectoria Trasladouse coa familia de neno a Pontevedra. Mentres o pai estaba enfermo a nai fíxose cargo da empresa familiar, unha xestoría administrativa. Acabou os estudos preuniversitarios e de preparou oposicións. Aprobounas e comezou a traballar de técnico auxiliar de Facenda en Vigo, pero ben logo se trasladou a Pontevedra. Posteriormente empezou a traballar na xestoría familiar en Pontevedra, canda seu irmán. A xestoría estaba situada na glorieta de Compostela.
Membro do Partido Popular, presentouse como cabeza de lista dese partido ás eleccións municipais de 1987, logo de que o alcalde Rivas Fontán decidise ir como independente, pero quedou de terceira forza por detrás do propio Fontán, que revalidaría a alcaldía, e mais do PSOE. Porén, xa coa rebeldía de Rivas Fontán fóra de carreira, nas eleccións municipais de 1991 encabezou a candidatura popular e foi elixido alcalde de Pontevedra, mando que mantivo dende o ano 1991 ata o 1995 en representación do Partido Popular de Galicia.
Presidiu a comisión polo campus da Universidade de Vigo en Pontevedra. Durante o seu mandato o cuartel de San Fernando quedou transformado na facultade de Belas Artes. Logo dun enfrontamento con Manuel Fraga pola localización da Escola universitaria de Forestais, que finalmente foi para Lugo, deixou a política e non se presentou á reelección nas seguintes eleccións municipais. Tras deixar a alcaldía rexentou unha xestoría en Vigo, onde seguiu colaborando ata o seu falecemento.
Vida persoal Casou en Vigo con Teresa Mosquera Pérez e foi pai de Mónica, María e Cayetana Cobián Mosquera.
Notas
Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Pontevedra Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados na Estrada Categoría:Nados en 1944 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Finados en 2021