O xurelo ou chicharro (tamén xixí ou chincho cando son xuvenís) é un peixe mariño, de nome científico Trachurus trachurus (Linné, 1758), pertencente á familia dos Carangidae.

Distribución xeográfica O xurelo vive no océano Atlántico, desde o mar do Norte até Suráfrica, penetrando no Índico até a altura de Maputo. Así mesmo ocupa todo o mar Mediterráneo.

Hábitat miniatura|dereita|275px|Xurelos Por profundidades, os individuos máis novos ocupan zonas de ata uns 20 m de fondo, mentres que os adultos de maior idade móvense entre 225 e 300 m. Excepcionalmente poden achegarse até os 1 000 m de profundidade.

Reúnese en grandes bandos nas augas costeiras superficiais durante a época estival, e nos fondos da plataforma continental en inverno. Os individuso novos agrúpanse baixo a umbrela de grandes medusas (sobre todo da especie Rhizostoma pulmo), na que achan protección e sen perigo, pois son inmunes ao veleno dos nematocistes, comportamento que se observa noutros Carangidae.

Descrición É un peixe fusiforme e algo comprimido, que cando adulto adoita alcanzar un talle medio de 20 a 30 cm aproximadamente. O tamaño máximo pode chegar até 70 cm e 2 kg de pesoFishBase:Trachurus trachurus. A cor do dorso é negro azulado ou verdoso, con flancos prateados e ventre abrancazado. Ten unha mancha negra na marxe superior do opérculo. As aletas son grises e vermellizas.

Está cuberto de pequenas escamas lisas. Na liña lateral, de cor verdosa e irisacións vermellas, presenta unha serie de escudetes, nunha cantidade de entre 66 e 76. A boca é grosa e oblicua, con queixo inferior prominente, e dentes pequenos nunha soa fileira. O primeiro arco branquial posúe de 15 a 18 branquiespiñas superiores e de 41 a 48 inferiores. Ten dúas aletas dorsais, a primeira formada por espiñas, a segunda cunha espiña e de resto raios. A aleta anal é relativamente curta, con tres espiñas, dúas delas pouco visíbeis, e o resto son raios. Os pectorais son falciformes e a aleta caudal en forcada.

Reprodución e fases de vida A época de reprodución pode variar segundo as zonas: é de xaneiro a febreiro nas latitudes altas e entre novembro e decembro na zona do Atlántico Centro-Leste. A femia pon até 140 000 ovos de cada, pero a fecundidade absoluta varía segundo temperaturas: a óptima para os xurelos é de 18 °C a 21 °C, polo que pode efectuar postas que varían entre 22 e 345 millóns de ovas. As postas son peláxicas e as ovas miden entre 0,9 e 1,1 mm.Cfr. S.M. Overko e N.J. Mylnikov, Biologie e pêche du chinchard (Trachurus trachurus L.) de l'Atlentique Centre-Est. Hai discrepancia a respecto do tamaño, pois FishBase dá desde 0,5 mm..

As crías ao cabo dun ano miden sobre 12 cm. O tamaño medio alcánzase con maior rapidez arredor dos trópicos, onde veñen a alcanzalo ó cabo de 2 e 3 anos, en tanto que no Grand Sol tardan entre 4 e 5 anosOverko e Mylnikov, ibídem..

Alimentación Aliméntase de invertebrados (crustáceos, cefalópodos), doutros peixes e de fitoplancto.

Nomes galegos Xurelo e chicharro son os nomes habituais galegos desta especie. En termos de repartición xeográfica, pódese dicir que o primeiro é máis propio da costa sur, das grandes rías, entanto chicharro é usual nas Rías Altas e costa de Lugo. Pola contra a variante xurela para indicar o individuo de gran tamaño é propia da zona entre Muxía e a ría de Ortigueira; nas rías meridionais adoita denominarse moscón. A designación de chincho para o xurelo pequeno é propia das Rías Baixas, mentres na Costa da Morte o sinónimo é xixí. De resto poden usarse os diminutivos xureliño e chicharriñoCfr. Ríos Panisse, M.C., Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. Santiago. Universidad de Santiago de Compostela. 1977, páxs. 358-363..

Étimos Chicharro presenta un étimo pouco claro. É posíbel que veña do bretón chinchard e desde aí polas linguas do litoral atlántico e cantábrico (francés, gascón, vasco) pasou ao galego e outros idiomas. Chincho sería unha formación regresiva de chicharro. Xurelo é remisíbel ao latín vulgar *sorellus, diminutivo de saurus, e este do grego saûros "lagarto e xurelo". Fronte á anterior, esta variante é claramente mediterránea, como pode observarse no apartado seguinteCfr. as apostilas de Antón Santamarina in Ríos Panisse, M.C., ibídem..

Nomes noutras linguas Portugués: carapau (e garapau), chicharro, sorêlo. Castelán: jurel, chicharro, escribano. Catalán: sorell. Vasco: txitxarro. Bretón: chinchard, craennik. Francés: chinchard, caringue e carangue, saurel, maquerelle, maquereau bâtard. Gascón: chichàrrou. Italiano: lacierti, sauro, sorello, sciuro. Inglés: horse mackerel, scad, pollock. Holandés: horsmakreel Alemán: Stöcker, Bastardmakrele. Serbo-croata: sarun.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Trachurus trachurus L. (ficha FishBase . Bioloxía e pesca do chicharro no sitio da FAO . Fichas de diferenciación e recoñecemento de especies pesqueiras do mercado galego Xunta de Galicia.

Outros artigos Os peixes na cultura popular galega

Categoría:Caránxidos