Amy Jade Winehouse, nada en Londres, Inglaterra o 14 de setembro de 1983 e finada na mesma cidade o 23 de xullo de 2011, máis coñecida simplemente como Amy Winehouse, foi unha cantante e compositora inglesa recoñecida polo seu alcance vocal contralto, descrito como "acusticamente poderoso" e capaz de expresar "profunda emoción", destacando pola mestura ecléctica de xéneros musicais, incluíndo soul (ás veces denominado como blue-eyed soul e neo soul), rhythm and blues, jazz e reggae.
O seu álbum de debut do ano 2003 Frank foi valorado positivamente pola crítica especializada e foi comercialmente un éxito no seu país natal, o Reino Unido, e foi candidato ó premio Mercury Prize. O seguinte álbum de Winehouse do ano 2006, Back to Black, levou cinco premios Grammy, igualando naquel entón a marca de maior número de triunfos nunha única noite para unha artista feminina, e foi a primeira muller británica en gañar cinco premios Grammy, incluíndo a Mellor Artista Revelación, Gravación do Ano e Canción do Ano. Gañou ademais un World Music Award e tres premios Ivor Novello; no 2004 á Mellor Canción Contemporánea por Stronger Than Me, no 2007 de novo Mellor Canción Contemporánea, esta vez por Rehab e no 2008 Mellor Canción Lírica e Musicalmente por Love Is a Losing Game, tamén gañou o premio Brit á Mellor Artista Feminina Británica de 2007, sendo tamén candidata ó Mellor Álbum Británico con Back to Black, entre outros premios de prestixio.
Recibiu a atención dos medios de comunicación por causas alleas ó seu talento musical, fixándose na súa polémica vida persoal. O seu estilo distintivo, as tatuaxes e o peiteado beehive, os seus problemas xurídicos constantes, dependencia das drogas e mais do alcohol e as complicacións médicas polo seu comportamento autodestrutivo foron fonte de titulares dende o 2007. Morreu por intoxicación etílica o 23 de xullo de 2011 á idade de 27 anos, revelándose o motivo meses despois da súa morte, que nun principio fora asociada ás súas múltiples adiccións. O seu álbum Back to Black converteuse, postumamente e durante un tempo, no álbum máis vendido do Reino Unido no século XXI. No 2012, Amy Winehouse colocouse no posto 26 na lista das "100 mellores mulleres da música" elaborada pola VH1. A BBC denominouna como "o talento vocal preeminente da súa xeración".
Traxectoria 1983-1998: A infancia Amy Winehouse naceu o 14 de setembro de 1983 en Southgate, ó norte de Londres. Criouse no seo dunha familia humilde de ascendencia xudíaWinehouse, Mitch (2012), os devanceiros de Amy Winehouse eran xudeus de orixe rusa e polaca chegados a Londres ó longo do século XIX. O seu pai, Mitchell "Mitch" Winehouse, traballou como cristaleiro e despois como taxista. Súa nai, Janis (nada Seaton), era farmacéutica. Amy tiña un irmán 4 anos máis vello, Alex (nado no 1979), e seus pais traballaron arreo para manter a familia. De nena acudiu a escola primaria de Osidge. Os pais separáronse en 1993, cando ela tiña 9 anos. Trala separación, Janis trasladouse a North Finchey, Barnet, os fillos vivían con ela e pasaban as fins de semana con seu pai e mais a moza deste en Hatfield Heath, Essex. Amy adquiriu o característico acento arrabaldeiro cockney durante a infancia.
Seus pais gustaban da música. Amy medrou escoitando jazz, blues, R&B ou soul; na súa casa ouvíase a Etta James, Sarah Vaughan, Dinah Washington, Ella Fitzgerald ou Frank Sinatra, creceu nela o espírito da música. Seu pai Mitch cantaba a miúdo cancións de Frank Sinatra para ela. Os irmáns de súa nai eran músicos de jazz profesional. Súa avoa paterna, Cynthia Winehouse (nada Gordon; 21 de outubro de 1927 – 5 de maio de 2006), fora cantante, Ronnie Scott, a lenda do jazz británica, fora seu mozo. Con todo, a Winehouse de nena tamén lle gustaban, igual que ós seus amigos, Kylie Minogue e Madonna, "con seis ou sete escoitaba The Immaculate Collection cada día", logo descubriu Salt-N-Pepa e TLC.
A avoa Cynthia era importante na vida de Amy, apoiouna e animouna a ser cantante e ía con ela ás audicións, porén tamén soubo ser disciplinada cando Janis fraqueaba na tarefa. Amy sentía un apego especial por súa avoa, co tempo fixo no seu brazo dereito unha tatuaxe dedicada a Cynthia.
Cando Amy tiña 8, súa avoa Cynthia suxeriu a Escola de Teatro Susi Earnshaw, asistiu os sábados para continuar a súa educación vocal e aprender a bailar. Acudiu á Escola de Teatro Susi Earnshaw durante catro anos. Ós dez anos Winehouse fundou un efémero grupo de rap chamado Sweet 'n' Sour coa súa amiga da infancia Juliette Ashby, inspirado en Salt-N-Pepa, "por suposto eu era Sour (en inglés: amargo)", dixo nunha entrevista anos máis tarde.
Con 12 anos Amy solicitou unha bolsa na Escola de Teatro Sylvia Young sen contarllo a ninguén. Cando foi admitida para as audicións interpretou On the Sunny Side of the Street por consello de súa avoa. Esta interpretación valeulle para entrar na Escola Sylvia Young e continuou a súa formación a tempo completo. Winehouse era unha nena rebelde. Foi expulsada ós 14 por "non ser aplicada", e ó parecer por perfora-lo nariz para facer un piercing. Porén, Sylvia Young nega ter expulsado a Winehouse, malia desaprobar os piercings e considerar que non estaba centrada, era unha nena moi lista e a cantante máis brillante. Algúns alumnos da Escola Sylvia Young participaron no programa da BBC The Fast Show, actuaron nun episodio en 1997, entre eles estaba Amy Winehouse. Abandonou a Escola de Teatro Sylvia Young ós 15 anos de idade. Súa nai cambiouna tralos malos resultados á Escola Mount de Mill Hill, un centro de ensino só para nenas que Amy odiaba. Pasou tamén pola Escola Ashmole para finalizar na Escola BRIT de Selhurst.
A primeira tatuaxe de Amy Winehouse, unha pequena Betty Boop no cadril dereito, fíxoa con 15 anos. Sobre o parecer de seus pais acerca da tatuaxe, Winehouse comentou: "os meus pais decatáronse que eu faría sempre o que quixera, iso foi todo, en verdade".
1998-2003: Inicio na música profesional Winehouse adquiriu a súa propia guitarra con 14 anos, após ter enredado coa de seu irmán. Empezou a escribir música un ano despois. Foi daquela cando descubriu a marihuana e abandonou definitivamente a escola. Tentou facer por vida, presentouse nos pubs de Londres e axiña empezou a dar concertos cunha banda de jazz, a Bolsha Band, compaxinando esta actividade con outros traballos esporádicos. Pouco a pouco foi abríndose camiño nos pequenos pubs de Londres. Comezou a padecer bulimia con 17 anos, xunto con algunha das súas amigas, nunca se recuperou e padeceu este trastorno toda a súa vida.
Cando tiña 16, un amigo íntimo, o cantante de soul Tyler James, coñecido seu dende a Escola de Teatro Sylvia Young, após asistir a un dos seus concertos propúxolle gravar unha demo. A gravación desa sesión axudoulle a progresar na súa carreira profesional. Tyler James presentouse coa cinta diante de Nick Shymansky, da axencia de relacións públicas Brilliant!, con quen Tyler James acababa de asinar un contrato. Impresionado, Nick Shymansky mostroulle a cinta ó seu xefe en Brilliant!, Nick Godwyn, a canción chamábase Estrogenius, un poema de 6 minutos mal interpretado coa guitarra mais a súa voz destacaba. Convocou a Amy Winehouse para facer unha audición e ficou sorprendido ó escoitala cantar. Andaban na procura dunha cantante de jazz e asinou con ela un contrato de representación artística. As influencias de Winehouse nesa época eran Dinah Washington, Billie Holiday, Frank Sinatra, o álbum Tapestry de Carole King, James Taylor, non era o que unha adolescente adoitaba escoitar.
Porén, Brilliant!, foi adquirida ó pouco por 19 Entertainment de Simon Fuller. A cantante asinou entón un contrato de representación con Simon Fuller, que a remunerou con 250 libras semanais (cifra que sería descontada de futuros beneficios) para que que se concentrase en desenvolver as súas calidades musicais e non precisase traballar durante este período. Con todo, continuaba a dar concertos nalgúns pubs londinienses, no Club Cobden ou no Bush Hall. Mudouse a vivir a Candem coa súa amiga da infancia Juliette Ashby. Espertou ademais o interese doutros representantes musicais, como os da Virgin Records ou da EMI Music Publising. En consecuencia, acabou asinando un contrato de administración dos dereitos de autor con Guy Moot, representante encargado da división de artistas e repertorio da EMI Music Publising, que a destinou a traballar cos produtores Salaam Remi e Gordon Williams, pero decidiu, nun principio, mantela en segredo para a industria discográfica. Viaxou daquela a Miami para coñecer ó produtor Salaam Remi, naquel intre Winehouse compuxera un bo fato de cancións mais só unhas poucas foran gravadas realmente.
Darcus Beese, representante de Island en Londres, soubo de Winehouse por azar. Nunha reunión cuns produtores no seu despacho, para oír algunhas cancións que estaban producindo, escoitou casualmente unha gravación da súa voz, quedou impresionado e quixo contratala decontado. Cando Beese preguntou quen estaba cantando, o director dixo que non estaba autorizado a responder. A Beeze levoulle preto de seis meses atopala cantante. Neste momento Winehouse apenas gravara material, pois estaba aínda en fase de desenvolvemento, e Beese organizou unha audición nas oficinas da Universal en Londres. O xefe de Beese en Island, Nick Gatfield, alcanzou con ela un trato e con 19 anos Winehouse asinou pola discográfica Island, que sería a responsable dos seus lanzamentos no Reino Unido, corría o ano 2002.
2003-2006: O álbum debut Frank miniatura|esquerda|190px|Amy Winehouse en concerto no North Sea Jazz Festival da Haia en xullo de 2004. O seu álbum debut, Frank, denominado así en honor a Frank Sinatra, inspirado igualmente no hip hop e no jazz, foi editado en Miami no 2003 e lanzado o 20 de outubro do mesmo ano. Foi producido principalmente por Salaam Remi e, agás as dúas versións, Winehouse co-escribiu tódolos temas. O álbum recibiu os eloxios da crítica especializada e comparouse a vocalista británica con Sarah Vaughan, Macy Gray e outras figuras. Malia todo Amy nunca se mostrou plenamente satisfeita co seu primeiro álbum, sentíase desconforme cos arranxos dalgunhas cancións, desgustada coa comercialización e coa promoción.
O álbum Frank situouse arriba nas listas de éxitos do Reino Unido cando foi nomeado no 2004 ós Premios Brit, nas categorías de Mellor Intérprete Británica Feminina e Mellor Artista de Música Urbana. Alcanzou o disco de platino. Winehouse acadou o premio Ivor Novello á Mellor Canción Contemporánea por Stronger Than Me, compartido con Salaam Remi. O álbum tamén foi candidato ó premio Mercury Prize no 2004. Ese mesmo ano, Winehouse presentouse no Festival de Glastonbury, no Festival Internacional de Jazz de Montreal e no V Festival.