O Reino de León foi un dos reinos medievais da Península Ibérica que perviviu administrativamente ata o século XIX e que tivo a súa orixe no chamado territorio legionese, aquel que circundaba a cidade de León e que lle deu o nome ao reino.

Orixe e problemática historiográfica A historiografía española atribúelle un papel protagonista na denominada Reconquista e na formación dos sucesivos reinos cristiáns do occidente peninsular. Considera a súa creación no ano 910 cando Afonso III é destronado polo seu fillo máis vello García quen leva a corte real desde Oviedo ata o antigo campamento romano de Legio, xermolo da cidade de León, e que en definitiva lle daría o nome ao territorio gobernado polo reis asentados nesa cidade. A historiografía castelá primeiro, e española despois denominaron a ese territorio gobernado polos reis legionenses ou leoneses, como Reino de León. Porén, gran parte da historiografía galega actual reivindica o nome histórico que durante a Idade Media se lle deu a este chamado Reino de León, que non foi outro que Galicia, tal e como viña sendo dende finais do Imperio Romano.

Se o Reino de León nace no ano 910 para a tradicional historiografía española-castelá, gran parte da galega defende que tras esa denominación e da de Reino de Asturias ocúltase o nome de Galicia como propio do reino. Para esta parte da historiografía é indiscutible a pertenza da cidade de León e do seu territorio a Galicia, que tanto a cartografía medieval como os documentos dos séculos IX e X expresan nitidamente.

A transformación da "terra de foris", o inicial "territorivm legionense" asociado á corte real do século X, nunha entidade política diferenciada do reino de Galicia houbo ser un proceso lento ao que resulta difícil asignar data inicial. Este territorio foise individualizando nun proceso paulatino, até aparecer nos documentos como un territorio á parte situado após os "Alpes de Galicia".

A primeira referencia explícita á existencia dun reino de León non aparece até o século XI, na chamada Crónica Silense. Este manuscrito menciona por primeira vez o "Legionis regnum" e fai ademais cincuenta e dúas mencións a León, a maioría como cidade. Porén, deixa claro que é o reino de Galicia o obxecto da súa narración, pois este aparece citado como reino vinte e oito veces e sinala como reis de Galicia a Bermudo II, Afonso V e Fernando I, entre outros.

Malia a interpretación do período establecida pola historiografía española, a cal confunde o nome da corte real co do reino, existen múltiples referencias históricas nas que se denomina Galicia ao estado cristián do noroeste peninsular. Por exemplo:

A Historia Compostelá, narración dos principais acontecementos políticos do reino entre os anos 1100 e 1140, non fai referencia ningunha á existencia dun reino leonés. No texto aparece o reino galego baixo a denominación de "regnum Hispanie" en vinte ocasións, cando inclúe as terras hispanas gañadas aos musulmáns (taifa de Toledo), e como "regnum Gallaecie" en dezasete, ao referirse ao reino tradicional. A Historia cita tamén tres veces o "regnum Aragoniae", e nunha ocasión o "regnum Toleti" e o "regno Portugalensi"; non existen máis reinos na crónica xelmiriana.

O Códice Calixtino tampouco recolle referencia ningunha ao reino de León. No seu libro IV, a Historia Turpini, enuméranse as vilas e cidades de Galicia (e España) sen incluír León entre elas. No libro V, a coñecida como Guía do peregrino, atribuída ao monxe francés Aymeric Picaud, detállanse as xornadas e pobos no seu tránsito polo camiño de Santiago facendo só unha mínima referencia a Léon.

Na Chronographia do monxe belga Sixeberto de Gembloux (†1112), crónica universal dos máis importantes acontecementos entre os anos 379 e 1111, dise que "o reino que é a terceira parte da Hispania, o cal chamamos de Galicia […] continúa intacto, que coa protección de Deus segue inexpugnábel".

A Chronica Adefonsi Imperatoris, escrita entre o ano 1153 e o 1157, reflicte as mudanzas políticas do territorio. No ano 1139, cando o emperador Afonso VII inicia a campaña militar contra o castelo de Oreja, congrega as "milicias de toda Galicia, da terra de León e de Castela". No Poema de Almería (ca. 1147), apéndice épico da crónica, destaca a primacía do territorio galego sobre os demais dominios imperiais ao describir a orde de marcha dos exércitos. Os galegos lideran a expedición seguidos pola cabalaría da cidade de León, a "urbis legionis".

Galicia aparece citada na crónica do monxe xermano Ekkehard de Aura (†1126), entre as nacións que acoden ao chamamento do papa Pascual II para reforzar a recente conquista de Xerusalén.

Nun texto das illas británicas, os Annales Cambriae ou cameracenses, enuméranse tres imperios cristiáns para o ano 1159: o xermánico, o bizantino e o galego.

Na Narratio de Itinere Navali,Narratio de Itinere Navali itinerario de cruzados do ano 1189, descríbense cinco reinos na Península Ibérica: Aragón, Navarra, o dos españois (musulmáns), Galicia e Portugal.

Os textos épicos franceses dos séculos XII e XIII recoñecen extensamente a correcta denominación do reino galego; así, entre a toponimia da chanson de geste francesa, "Galice" aparece 50 veces en 35 textos, "Saint Ja(c)ques" 65 en 35 textos, "Compostel(l)e" 9 en 6 textos, en tanto que "Lion" só figura nun par de ocasións. Un exemplo atópase no máis antigo dos seus exemplares, o Cantar de Rolán (ca. 1170), onde Galicia aparece citada dúas veces.

O historiador británico Roger de Howden (†1201) tamén elude a mención do suposto reino leonés na súa Chronica Magistri. Nesta obra, cando se refire ao reino galego faino baixo a forma "a terra do rei de Sancto Jacobo", é dicir, a terra de Afonso VIII de Santiago de Compostela. Igualmente, no itinerario marítimo De Viis Maris, atribuído ao propio Howden e composto entre 1191 e 1193, que describe a ruta desde York até a Terra Santa, o reino aparece coa mesma fórmula, precisándose ademais que se lle chama "Galicia". miniatura|esquerda|240px|Mappamundi medieval do Beato de Burgo de Osma. No noroeste da Península Ibérica apreciase o nome "Gallecia" e na súa franxa costeira norte "Asturias", sen que exista alusión algunha a León. Catedral de Burgo de Osma. Ano 1086.

Tradición galega Fragmentación política do reino de Galicia (1065) miniatura|dereita|200px|Mapa que amosa a fragmentación do reino despois do ano 1065, dividíndose da seguinte maneira:

Coa morte de Vermudo III, o trono de Galicia recaeu na irmá Sancha que por dereito sucesorio herdaba todo o reino, conseguindo o seu marido navarro, Fernando, ser coroado como rei consorte de Galicia (domus Fernandus princeps super omnem Galletiam)Documento n. 534 do Tombo de Celanova, ano 1060., gobernando dende a cidade de León. Ambos conseguiron non só manter o territorio herdado senón tamén amplialo, recuperando algunhas cidades perdidas como a importante Coímbra, que volvía render vasalaxe ós reis galegos, pese a que o seu gobernador fose musulmán.

A morte do rei Fernando I en 1065 supuxo un novo conflito interno, pois no canto de recaer a coroa nun único herdeiro, o goberno foi disputado polos seus tres fillos maiores, que pasaron a gobernar autonomamente os territorios nos que conseguiran establecer relacións familiares. Se ben é verdade que parte da historiografía considera tal feito como un repartimento xa predisposto por Fernando I antes da súa morte, a titulación de Sancha como raíña aínda, e a ausencia de calquera documento de repartimento feito por Fernando I ou Sancha induce a pensar que non existiu tal repartimento. Anos máis tarde, cada un dos tres fillos aparecía gobernando diferentes territorios en calidade de reis, así o maior, Sancho II dominou as terras orientais, o condado de Castela grosso modo, Afonso VI a capital, León, e as súas terras próximas así como Asturias, o terceiro García II herdou as terras galegas entre Coímbra e o Cabo Ortegal. Aínda que esta situación tivo por consecuencia a fragmentación política do reino de Galicia, "Galicia" seguiu sendo o termo que se empregue para denominar o conxunto destas terras.

García II restaurou as sés de Tui e Braga (a antiga metrópole sueva), e venceu varios conatos de anexión, pero finalmente foi derrotado polos exércitos dos seus irmáns Sancho II de Castela e Afonso VI en 1071Esta historia chegou a inspirar a Victor Hugo a creación da epopea Le Petit Roi de Galice (traducida como O reiciño de Galicia ), incluída na primeira serie da obra La Légende des siècles., que o encarceraron no Castelo de Luna (León) sendo prisioneiro ata a súa morte no ano 1090. Os irmáns de García II asinarían xa no ano 1071 co título de reis de Galicia na documentación galega do momento. García morreu no marzal de 1090 na prisión do castelo, e sempre se lle recoñeceu a dignidade real.

Esta nova situación non se acadou sen resistencias, pois García II contaba con nobres leais que se opuxeron á usurpación de Afonso VI, tales como o conde Rodrigo Ovéquiz que encabezou unha rebelión no ano 1080 abertamente respaldada polo bispo de Santiago Diego Páez. Este foi finalmente deposto no Concilio de Husillos (1088), e entre os motivos de tal deposición cítase un presunto intento de concertar un acordo con Guillerme o Conquistador.

Trala morte de García II en prisión, en 1096 Afonso VI dividiu o territorio galego en dous condados, un correspondente ás terras galegas e o outro ás portuguesas que doou a Henrique de Borgoña, pai do primeiro rei de Portugal Afonso Henriques.

Tradición castelá Séculos IX-X: Inicios A cidade de León foi incorporada ao Reino de Asturias a mediados do século IX grazas a Ordoño I en 856, quen reconstrúe as murallas da cidade. León sería un punto estratéxico pola súa historia e porque era unha poboación ao sur da cordilleira cantábrica así como un centro neurálxico do territorio ástur, cuxa capital atopouse nas guerras contra os romanos vinte quilómetros ao sur, na cidade de Lancia. O seu fillo, Afonso III o Magno regis Galleciae et Asturiae, segundo os Annales Regni Francorum, reincorporará o territorio leonés á coroa.

Tras a morte de Afonso III, o Reino de Asturias divídese e queda repartido entre os seus fillos: García I recibe León, Áraba e Castela, fundando de feito o Reino de León. Ordoño II recibiu o Reino de Galicia. Froila II obtén Asturias.

Ao morrer García I en 914 sen descendentes, Ordoño II trasladouse a León onde foi aclamado rei, co que sería rei de León e de Galicia, e o que trasladaría definitivamente a capital da coroa desde Oviedo a León. Co que se creará un novo reino, o Reino de León, que aglutinará a Asturias, xa que Froila II permaneceu en Asturias, pero recoñecendo a primacía do reino leonés.

Coa formación do novo reino continuará a reconquista contra os musulmáns e ata a loita contra outros reinos cristiáns como o de Navarra.

Ramiro II foi o máis importante rei de León, vence a Abderramán III en Madrid, Simancas, Talavera e en Osma. Bermudo III (ou Vermudo III). Rei de León do 1027 ó 1037, busca a alianza con Castela, cuxo conde García Sánchez estabelece o seu matrimonio coa irmá do rei, Dona Sancha. Ó ser asasinado o conde castelán en vésperas da voda pola familia rival (os Velas), herda o condado de Castela o rei navarro Sancho III que o cede ó seu fillo Fernando quen remata con casar con Dona Sancha. Fernando I convértese así no primeiro rei de Castela. O novo reino de Castela terá problemas con León por cuestións territoriais. Bermudo III é vencido na batalla de Tamarón, co que o reino de León pasa tamén a Fernando I. Así remata a dinastía asturiana e serán reis de sangue navarro os que reinen en Castela e León.

Séculos XI-XII: o expansionismo leonés