Susana Maria Alfonso de Aguiar, coñecida como Mísia, nada no Porto o 18 de xuño de 1955, e finada en Lisboa o 27 de xullo de 2024, foi unha cantora portuguesa, maiormente de fado.
Deulle nova mirada á música tradicional portuguesa, cantando en portugués, francés, napolitano, catalán e español; unha mestura de tendencias, diferentes culturas e sons, que rende homenaxe ás raíces do fado.
Traxectoria De familia paterna portuguesa e materna catalá, foi intérprete de fado, aínda que tamén explora outros xéneros musicais como o tango ou bolero no seu disco Drama box. Comezou a súa carreira a principios dos anos 90 e foi considerada unha das voces emblemáticas do fado moderno, recibindo numerosos galardóns ao longo da súa carreira de máis de tres décadas, entre eles a Orde das Artes e das Letras de Francia e a Ordem de Mérito da República Portuguesa.
Os seus inicios foron como bailarina de cabaré en El Molino de Barcelona. Mísia chegou ao fado cando regresou a Portugal despois de actuar no Paralelo de Barcelona, a cidade da súa nai, e despois de cantar un tempo na postmovida de Madrid.
Mísia é coñecida por revitalizar o xénero tradicional portugués, incorporando elementos de teatro e poesía nas súas actuacións e discos, reinterpretando autores clásicos da música e literatura portuguesas, como Amália Rodrigues, Pessoa ou Lobo Antunes.
O seu álbum debut, Mísia, foi lanzado en 1991. O disco inclúe temas de Joaquim Frederico de Brito, José Niza, José Carlos Ary dos Santos, Carlos Paião, entre outros.
En 1993 volveu con Fado, que foi producido por Vitorino Salomé e que contén temas como "Liberdades Poéticas", de Sérgio Godinho, "Nasci Para Morrer Contigo", de António Lobo Antunes e Vitorino, "Fado Adivinha" de José Saramago e António Vitorino de Almeida e tamén versións de "Velhos Amantes", de Jacques Brel, "As Time Goes By" e "Nome de Rua" de Amália Rodrigues.
O seguinte disco, Tanto menos, tanto máis foi lanzado en 1995 e inclúe nomes como António Lobo Antunes, Fernando Pessoa ou João Monge.
O disco Garras dos Sentidos foi publicado en 1998. Canta poemas de Fernando Pessoa, Mário de Sá Carneiro, Natália Correia e António Botto e tamén de contemporáneos como José Saramago, Mário Cláudio, Agustina Bessa-Luís ou Lídia Jorge. O álbum recibiu o premio Charles Cros en Francia.
No 1999 lanzou o disco Paixões Diagonais,que conta coa colaboración da pianista Maria João Pires. En 2001 publicouse Ritual, baseado en cancións de Carlos Paredes e poemas de Vasco Graça Moura. Publicou Canto en 2003. O disco Drama Box, publicado en 2005, contou con Fanny Ardant, Miranda Richardson, Ute Lemper, Carmen Maura, Maria de Medeiros e Sophia Calle.
Pura vida (2019) veu despois da primeira operación de cancro, con catro letras de Diego Torres Silva e un choque forte entre o acústico e o sentimental.
Animal sentimental (2022) foi un álbum cuxos temas foron escollidos a partir dos capítulos do seu libro co mesmo título e foi estreado nun concerto no Museo do Oriente de Lisboa. Contén: "Qué he sacado con quererte", de Violeta Parra, "De alguna manera", de Luis Eduardo Aute, ademais dunha composición de Rodrigo Leao, "Fico a cismar". Están Tiago Torres da Silva, Fernando Pessoa, Mário Cláudio, Natália Correia, Vasco Graça Moura e Lídia Jorge.
Ten cantado no Teatro Nacional de São Carlos, en Lisboa, o Town Hall de Nova York, o Teatro Real Carré de Ámsterdam, o Teatro María Guerrero de Madrid, o Palau de la Música en Barcelona, a Cour d’Honneur du Palais des Papes, en Avignon, o Teatro Piccolo, en Milán e o Teatro Coccoon de Tokyo. En París, nas salas como o Olympia, o Thêatre des Bouffes du Nord (con programación de Peter Brook) e a Cité de La Musique. Tamén no Gran Auditorio Culturgest de Lisboa, o Festival de Avignon no Théatre du Châtelet de París, a Berliner Philharmonie de Berlín, o Arts Festival de Hong Kong ou o festival WOMAD.
Discografía Mísia (1991) Fado (1993) Tanto menos, tanto mais (1995) Garras dos Sentidos (1998) Paixões diagonais (1999) Ritual (2001) Canto (2003) Drama box (2005) Ruas (2009) Senhora da noite (2011) Delikatessen Café Concerto (2013) Para Amália (2015) Do primeiro fado o último tango (2016) Pura vida (Banda sonora) (2019) Animal sentimental (2022)
Filmografía
Passione, de John Turturro (2010) Mísia, la voz del fado (2003) de Carmen Castillo.
Libros
Animal sentimental (2022). Oficina do Livro.
Premios
1996: Premio da Academia Charles Cros, Francia 2004: Grand Médaille de Vermeil de la Ville de Paris, Francia 2004: Ordem Chevalier des Arts et des Lettres, Francia (19 de xaneiro) 2004: Premio da crítica discográfica, Alemaña. 2004: Disco Canto Premio do Festival International du Film d’Art et Pédagogique, Francia 2005: Comandante da Ordem do Mérito, Portugal 2010: Premio Renato Carosone, Italia 2011: Ordem Oficcier des Arts et des Lettres, Francia 2012: Premio Amália Rodrigues, Portugal 2012: Premio Gilda de Cinema, Italia. Película Passione dirixida por John Turturro 2016: Academie Charles Cros, Coup de Coeur-Mémoire Vivante. Disco Para Amália 2019: Premio da crítica discográfica, Alemaña. Disco Pura Vida (banda sonora) 2020: Academia Charles Cros, en París, premio «In Honorem» pola traxectoria e innovación no fado.
Véxase tamén Ligazóns externas Web sobe Mísia
Categoría:Músicos de Portugal Categoría:Personalidades do fado Categoría:Cantantes de Portugal Categoría:Nados no Porto Categoría:Nados en 1955 Categoría:Cantantes en lingua portuguesa Categoría:Cantantes en lingua francesa Categoría:Cantantes en lingua catalá