O anarquismo é unha ideoloxía política, corrente filosófica e movemento social radical que chama á oposición e abolición de toda autoridade, xerarquía e forma de control social por consideralas non desexables, innecesarias e nocivas.O Dicionario da Real Academia Galega , por exemplo, define anarquismo coma a "doutrina política que propugna unha sociedade sen estado nin institucións que priven ó individuo da súa liberdade". Os tipos de autoridade rexeitados inclúen os de tipo político (o Estado), económico (o capitalismo), relixioso (a Igrexa), cultural (o patriarcado), industrial (o especismo) ou calquera outra forma de opresión e explotación. Do mesmo xeito, o anarquismo pretende abolir todo tipo de tratados ou normas impostas (é dicir, aquelas que sexan establecidas por imposición e sen a aprobación, mediante consenso, de todas as persoas), así coma as súas principais ferramentas de coerción e violencia, para conseguir acabar cos diversos tipos de dominación do ser humano polos seus conxéneres.
A intención é desenvolver e conseguir a anarquía, que recoñece a plena liberdade e autonomía dos individuos, configurando sociedades a escala humana ou, máis exactamente, en comunidades, baseadas no modelo libertario de comuna autónoma. Os fundamentos desta son a asociación voluntaria, a horizontalidade, a iniciativa individual e o apoio mutuo ou solidariedade recíproca. Existen varios métodos propostos polas diversas escolas e tendencias xurdidas no movemento anarquista para a consecución destes fins, sempre a través de medios concordantes con eles como son os conceptos da autoxestión, a acción directa e de base.
Con movementos precursores dende a antigüidade, o anarquismo desenvólvese no século XIX a través de diversas tendencias. Ao longo do século XX tiveron lugar algunhas das experiencias libertarias máis significativas. Dende entón converteuse nun movemento presente de forma continua en múltiplos temas contemporáneos.
miniatura|O anarquismo segundo Ricardo Mella. Discurso no Círculo Federal de Vigo
Etimoloxía O termo anarquismo deriva do grego ἀναρχος, anarchos, que significa "sen líder, director ou xefe", do prefixo ἀν- (an-, "ausencia de") + ἄρχή (archê, "soberanía, dominio, maxistratura") + -ισμός (ismos, do lexema -ιζειν, -izein). A etimoloxía do termo designa, dun xeito xeral, o que está desprovisto de principio director e de orixe. Isto tradúcese por «ausencia de apriorismo», «ausencia de norma», «ausencia de xerarquía», «ausencia de autoridade» ou «ausencia de goberno».
Dende un sentido negativo, a anarquía evoca o caos e a desorde, a anomia. Dende un sentido positivo, trátase dun sistema en que os individuos son liberados de toda autoridade. Este último sentido aparece en 1840 da pluma do teórico socialista Pierre Joseph Proudhon (1809-1865). Na súa obra Qu'est-ce que la propriété? (Que é a propiedade?), o autor declárase anarquista e precisa que é o que entende por anarquía: «unha forma de goberno sen amo nin soberano».
Anomia A idea popular de anarquismo como absoluto caos e desorde, que os estudosos chaman de anomia (ausencia de normas), é rexeitada por tódolos anarquistas tradicionais citados anteriormente. Os anarquistas conciben os gobernos como as actuais fontes de desordes defendendo, polo tanto, que a sociedade estaría mellor ordenada sen eles.
Esta convención ten fortes connotacións e historicamente foi empregada como unha deficiencia por grupos políticos contra os seus opoñentes, sendo notable o caso dos monárquicos contra os republicanos nos últimos séculos. Namentres, a anomia foi abrazada por movementos de contracultura.
Principios e conceptos anarquistas O anarquismo fundaméntase nunha serie de principios comúns que, na súa maioría, se desprenden do seu inherente rexeitamento á autoridade coercitiva. Non todas as escolas e correntes anarquistas avalan de igual xeito os mesmos principios pero, en liñas xerais, poderiamos enunciar os seguintes conceptos:
Antiautoritarismo O anarquismo rexeita o principio de autoridade, ao que opón a autonomía ou soberanía individual e o libre pacto. Calquera autoridade, sexa imposta ou voluntariamente aceptada, é rexeitada polos anarquistas. Por norma xeral preténdense substituír as relacións autoritarias por relacións de consenso, sendo a asemblea o método organizativo máis común para a toma de decisións no espectro ácrata. Este principio é o piar fundamental doutros conceptos básicos anarquistas:
Autonomía individual Este concepto ético e político baséase na crenza de que o individuo é soberano de si mesmo e, xa que logo, o único capacitado para tomar as decisións que a el concirnen. Deste xeito as relacións sociais deben desenvolverse por pactos voluntarios entre individuos libres, non deixando nas mans de terceiros o control das rendas da súa propia vida e dotando a persoa do dereito moral de autogobernarse e da responsabilidade sobre si mesma. Polo exposto, este principio entra en contradición coa xerarquía, a autoridade e calquera concepto de soberanía que implique a submisión individual a regras que non sexan voluntariamente aceptadas.
Acción directa É o concepto en base ao cal a resolución de conflitos se debe tratar polos implicados sen delegación nin mediación ningunha. Fundaméntase en que os individuos deben implicarse eles mesmos na consecución dos fins que perseguen sen recorreren a terceiros, xa que do contrario a autonomía individual é diluída e o resultado non será o máis adecuado ás necesidades exclusivas dos afectados. Trátase da autoorganización dos implicados na consecución dun fin concreto. Polo xeral adoita asociarse o termo acción directa a accións violentas, non obstante a acción directa é simplemente a resolución dun conflito por parte dos implicados sen intermediarios, o que non implica necesariamente accións violentas. Espérase que a acción directa sexa tamén propaganda polo feito, ou acción ou experiencia que mostre a posibilidade de se rebelar ou de formas sociais non autoritarias en forma exemplificativa tanxible, a outros.
Autoxestión É a xestión cooperativa dunha asociación, na que participan todos os seus integrantes de forma libre e igualitaria e independentemente de factores externos á mesma. A autoxestión ten dous obxectivos principais: promover a participación nunha actividade dos implicados nesta, sen delegar noutras persoas e sen relacións de autoridade entre os participantes; e tamén afastarse das axudas que puidesen dar ou recibir sectores inimigos á asociación autoxestionada, sendo así independentes de calquera factor político ou económico externo. Isto último é o motivo principal que empurra a moitas organizacións anarquistas de todo tipo (sindicatos, escolas, librerías e incluso grupos de música) a levaren á práctica a autoxestión organizándose de tal xeito que sexan totalmente independentes de calquera organización política ou económica.
Federalismo Como alternativa ás formas políticas centralistas e oligárquicas do estado-nación moderno así como dende unha postura antiimperialista, no anarquismo propóñense como alternativa política á orde existente a asociación voluntaria de localidades. Estas poden desexar se coexisten en apoio mutuo con outras dentro dun esquema descentralizado e autonómico. Así pois Proudhon propuxo ao federalismo coma forma política de libre asociación das localidades nun esquema que pode dende abaixo cara a riba constituírse en sistemas de federacións con escalas dende as máis pequenas locais ata as continentais e inclusive globais. Así tamén se propón a estrutura en rede. Estes conceptos remítense a instancias de autogoberno local e de alcance máis alto que se deron historicamente entre comunidades campesiñas autónomas ata instancias de consexismo revolucionario coma a Comuna de París, os soviets na revolución rusa ou a revolución española de 1936. Así tamén coma alternativa á representación nos partidos políticos e os políticos profesionais se propón a asemblea, coma forma política de democracia directa.
Pedagoxía libertaria O ensino é un piar fundamental da loita antiautoritaria. O movemento anarquista emprega a educación para tratar de construír o individuo librepensador, consciente e crítico que sexa quen de construír a futura sociedade anarquista. Para isto utilízanse milleiros de recursos tales como ateneos libertarios, publicacións periódicas, edición e difusión de texto, e creación de alternativas educativas ás establecidas. Neste sentido, pódense citar como exemplo a escuela moderna. Por outra banda, considérase que a educación é intrínseca a toda relación humana, polo tanto a fronteira entre educado e educador dilúese ata o punto de que independentemente da idade que se teña, toda persoa ten algo que ofrecer e algo que aprender. Tamén algúns autores defenden a non escolarización como forma de aprendizaxe, xa que consideran que a escola perpetúa uns roles de poder e polo tanto de xerarquías entre o profesor e o alumno.
Desobediencia civil Para debilitar a autoridade do Estado, os anarquistas propoñen ignorar sistematicamente as leis que os diferentes gobernos impoñen, guiándose tan só pola estrita ética persoal ou colectiva. A longo prazo, isto habería de supor a inviabilidade do aparato represivo do Estado e a súa disolución.
A desobediencia civil implica accións non violentas e coordinadas polo máximo número de persoas posible, co obxecto de que o Estado se vexa desbordado á hora de reprimir as masas. Esta forma de loita tamén é propulsada por outros movementos, de carácter pacifista, a fin de obteren determinados dereitos individuais ou colectivos.
Apoio mutuo Este principio, enunciado nun primeiro momento por Piotr Kropotkin, afirma que a cooperación é beneficiosa para os individuos que cooperan entre si, así coma un factor evolutivo de suma importancia no desenvolvemento dos seres vivos e, no plano humano, un motor indispensable no desenvolvemento das sociedades. Xorde coma oposición ao concepto da competencia (tanto no biolóxico coma no social) coma principio único ou primordial da existencia, tan en voga trala publicación das teses de Darwin e do darwinismo social, que deron coma resultado a concepción de que o capitalismo é a adaptación económica da orde natural das cousas. Polo contrario, o apoio mutuo afirma que a asociación cooperativa é o mellor sistema de relacións sociais, o máis xusto e o que máis beneficioso pode resultar ao final para as partes que o integran.
Violencia e non-violencia