Hércules é a quinta constelación en tamaño das 88 constelacións modernas, que recibe o seu nome do heroe mitolóxico, Hércules. Tamén era unha das 48 constelacións de Tolomeo.

Características destacables Non ten estrelas de primeira magnitude, sendo a máis brillante β Herculis con magnitude 2,78. Mu Herculis atópase a 27,4 anos luz da Terra. O Ápex solar (punto do ceo que indica a dirección cara á que se move o Sol na súa órbita ó redor do centro da galaxia) fica dentro de Hércules, preto de ξ Herculis.

Estrelas principais α Herculis (Ras Algethi ou Rasalgethi), de magnitude 3,31, é un sistema estelar triplo, onde a súa estrela principal é unha xigante vermella variable. β Herculis (Kornephoros), a máis brillante da constelación con magnitude 2,78, unha estrela xigante amarela. γ Herculis, xigante branca de magnitude 3,74. É unha binaria espectroscópica cun período orbital de 11,9 días. δ Herculis (Sarin), estrela branca de magnitude 3,12. ζ Herculis, a segunda máis brillante da constelación con magnitude 2,89, estrela dobre formada por dúas estrelas amarelas de desigual brillo. μ Herculis, sistema estelar próximo á Terra, dista a uns 27,4 anos luz. π Herculis, xigante laranxa de magnitude 3,16. ω Herculis (Kajam), de magnitude 4,57. 14 Herculis, anana laranxa a 59,2 anos luz cunha anana marrón ou planeta xigante ó redor. No 2006 descubriuse un posible segundo planeta, pero aínda non foi confirmado. 30 Herculis (g Herculis), xigante vermella e variable semirregular cun brillo que oscila entre magnitude 4,3 e 6,3 nun ciclo de 89,2 días. 89 Herculis, superxigante amarela de magnitude 5,48. HD 147506, anana amarela cun dos planetas máis masivos que se coñecen. HD 149026, estrela subxigante cun planeta de masa semellante á de Saturno. HD 154345, anana amarela a 58,91 anos luz cun planeta extrasolar. HD 155358, estrela de baixa metalicidade con dous planetas que interactúan gravitacionalmente. GD 362, anana branca cun anel semellante ós de Saturno.

Obxectos notables do espazo profundo Hércules contén dous dos máis sobresaíntes cúmulos globulares, M13 e M92.

M 13 (NGC 6205 ou Gran Cúmulo de Hércules), o cúmulo globular máis brillante do hemisferio norte. Situado entre ζ Herculis e η Herculis, a súa magnitude visual conxunta é de 5,80. O cúmulo está bastante próximo á Terra, a uns 25.100 anos luz. As estrelas variables de M13 poden ser observadas cun telescopios de afeccionado (20 a 30 cm) equipados con cámaras CCD. M 92, tamén un magnífico cúmulo globular de magnitude 6,5, atópase a 6º20' ó norte de π Herculis. NGC 6207, galaxia espiral situada 30' ó nordeste de M13. NGC 6181, tamén galaxia espiral ó sur de Kornephoros (β Herculis). NGC 6482, unha galaxia elíptica de magnitude 11,9. NGC 6210, nebulosa planetaria situada 4º ó nordeste de Kornephoros (β Herculis). Abell 39, nebulosa planetaria cunha forma esférica case perfecta.

Mitoloxía Hércules (na mitoloxía romana, Heracles na mitoloxía grega) foi un semideus, fillo de Zeus e Alcmena. Sen dúbida algunha foi o heroe máis importante dos gregos, coñecido pola súa forza sobrehumana. Existen moitas lendas sobre a súa vida, incluíndo o relato das doce tarefas de Hércules.

Tamén era coñecida esta constelación como o Axeonllado, e Eratóstenes dicía que nela Heracles estaba esmagando cun dos seus xeonllos á serpe que gardaba as mazás das Hespérides.

Hixino mencionaba outras posibles personaxes cos que podería identificarse o Axeonllado: Ceteo, o músico Tamiris cegado polas Musas, Orfeo morrendo a mans das mulleres de Tracia, Ixión cos brazos atados, Prometeo encadeado, Hércules loitando cos Ligures ou Teseo levantando a pedra baixo a que estaba a espada do seu pai Exeo.

Visualización alternativa miniatura|300px|dereita|Diagrama do xeito alternativo de conecta-las estrelas de Hércules. O heroe é representado nunha pose atlética, sostendo un garrote. A cabeza do heroe vén formada por un cuadrángulo de estrelas: π Her, η Her, ζ Her e ε Her coñecidas coma o asterismo "Chave de Pedra". Este cuadrángulo está entre dúas estrelas moi brillantes: Vega na constelación de Lyra e α CrB (Gemma, ou Alphecca) na constelación de Corona Borealis. É o gran guerreiro de Kiaish.

Na perna dereita do heroe, dúas estrelas brillantes de terceira magnitude: α Her (Ras Algethi) e δ Her (Sarin); a última é o xeonllo dereito. A perna esquerda contén estrelas máis febles de cuarta magnitude que non teñen designación de Bayer pero si teñen designación de Flamsteed.

A estrela β Her pertence á man dereita estendida do heroe, chamada tamén Kornephoros.

O Cúmulo Globular M13 queda na parte superior da cabeza do heroe, entre as estrelas η Her e ζ Her. É feble, pero pode ser visto a simple vista nunha noite clara. Tamén está o cúmulo globular M92. A orientación tradicional auténtica é coa cabeza como α Herculis, porque Ras Algethi significa literalmente "cabeza do Axeonllado." A man esquerda apunta cara a Lyra dende o seu ombreiro (Delta Herculis), e Beta Herculis forma o seu outro ombreiro. A súa estreita cintura está formada por Epsilon e Zeta Herculis. Finalmente, a súa perna esquerda (con Theta coma xeonllo e Iota coma pé) está esmagando a cabeza de Draco, o dragón ou serpe que Hércules venceu e sobre a que fai fachenda por toda a eternidade.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Hércules dereita|250px|miniatura|Imaxe de Hércules ou Heracles.

Ligazóns externas Varios estudios de las estrellas variables de M13 por aficionados Imágenes de los cúmulos M13 y M92 Messier 13 capturado desde el Instituto de Astrofísica de Canarias Messier 92 capturado desde el Instituto de Astrofísica de Canarias The Deep Photographic Guide to the Constellations: Hercules The clickable Hercules Star Tales – Hercules