Nelson Rolihlahla Mandela, nado en Mvezo o 18 de xullo de 1918 e finado en Xohanesburgo o 5 de decembro de 2013, foi un activista, líder político e filántropo surafricano, presidente do país dende 1994 ata 1999. Foi o primeiro xefe de estado de raza negra do país e o primeiro elixido nunha elección democrática completamente representativa. O seu goberno centrouse na disolución do apartheid procurando combater o racismo institucionalizado e fomentar a reconciliación racial. De ideoloxía nacionalista africana e socialista, presidiu o Congreso Nacional Africano (CNA) dende 1991 ata 1997.

Mandela naceu no seo da familia real tembu do pobo xhosa. Estudou dereito na Universidade de Fort Hare e na Universidade de Witwatersrand antes de traballar como avogado en Xohanesburgo. Alí comezou a involucrarse na política nacionalista africana e anticolonialista, uníndose ó CNA en 1943 e cofundando a súa Liga Xuvenil en 1944. O CNA encomendouse á disolución do apartheid, o sistema de segregación racial establecido polo goberno de raza branca minoritaria dominante do Partido Nacional. Mandela foi nomeado presidente da rama de Transvaal do CNA, acadando notoriedade coa súa participación na Campaña de Desafío de 1952 e no Congreso do Pobo de 1955. Foi arrestado en varias ocasións por sedición e xulgado no chamado Xuízo por Traizón de 1956, quedando en liberdade. Influenciado polo marxismo, uniuse en segredo ó Partido Comunista Surafricano (PCS). Malia que inicialmente comprometeuse coa protesta pacífica, cofundou a organización armada Umkhonto we Sizwe en 1961 xunto con outros membros do PCS e liderou unha campaña de sabotaxe contra o goberno. En 1962 foi arrestado por conspirar para derrocar o estado e sentenciado a cadea perpetua no Xuízo de Rivonia.

Pasou os seguintes 27 anos en prisión, primeiro na illa Robben e posteriormente na prisión Pollsmoor e na prisión Victor Verster. Tras unha crecente presión doméstica e internacional e temendo unha guerra civil racial, o presidente F. W. de Klerk liberouno en 1990. Mandela e de Klerk negociaron a fin do apartheid e organizaron as eleccións xerais multirraciais de 1994 nas que Mandela liderou ó CNA para obter a maioría converténdose no presidente do país. Liderando un goberno de coalición que promulgou unha nova constitución, Mandela centrouse na reconciliación entre os grupos raciais do país e creou a Comisión para a Verdade e a Reconciliación para investigar abusos dos dereitos humanos no pasado. Economicamente, a súa administración mantivo o marco liberalista do seu predecesor malia as súas propias crenzas socialistas, introducindo tamén medidas para promover reformas territoriais, combater a pobreza e mellorar a sanidade. No marco internacional actuou como mediador no xuízo do bombardeo do voo 103 de Pan Am e actuou como secretario xeral do Movemento de Países Non Aliñados dende 1998 ata 1999. Rexeitou presentarse de novo ás eleccións do seu país e foi sucedido polo seu adxunto Thabo Mbeki. Mandela converteuse nun home de estado e centrouse en combater a pobreza e a SIDA por medio da súa fundación ata a súa morte no ano 2013 por mor dunha infección respiratoria.

Mandela foi unha figura controvertida durante gran parte da súa vida. Mentres que os críticos da dereita política denunciárono por terrorista comunista, a esquerda radical considerouno demasiado aberto a negociar unha reconciliación cos simpatizantes do apartheid. Porén, acadou a aclamación internacional polo seu activismo e está considerado unha icona da democracia e da xustiza social. Recibiu máis de 250 distincións, incluíndo o premio Nobel da Paz, e pasou a ser unha personalidade de culto. Obtivo un profundo respecto no seu país, onde adoita ser chamado polo seu nome de clan xhosa Madiba, sendo descrito en ocasións como o "Pai da Nación".

Traxectoria Primeiros anos Infancia: 1918–34 Mandela naceu o 18 de xullo de 1918 na vila de Mvezo en Umtata, naquel entón parte da provincia do Cabo. Recibiu o nome de Rolihlahla, un termo xhosa que coloquialmente significa "problemático", en anos posteriores pasou a ser coñecido polo seu nome de clan, Madiba. O seu patrilineal bisavó por parte paterna, Ngubengcuka, fora rei do pobo tembu nos territorios de Transkei do Cabo Oriental. Un dos fillos de Ngubengcuka, chamado Mandela, era o avó de Nelson e a fonte do seu apelido. Xa que Mandela era descendente dunha esposa do rei pertencente ó clan Ixhiba, os descendentes da súa rama cadete da familia real eran morganáticos, inelixibles para herdar o trono mais recoñecidos como conselleiros reais hereditarios.

O seu pai, Gadla Henry Mphakanyiswa Mandela, era un xefe local e conselleiro do monarca dende o ano 1915, dende que o seu predecesor neste posto fose acusado de corrupción. En 1926 o propio Gadla foi expulsado por corrupción, malia que a Nelson lle dixeron que o seu pai perdera o traballo por enfrontarse ás irracionais peticións do maxistrado. Devoto do deus Qamata, Gadla era polígamo e tiña catro esposas, catro fillos e nove fillas, que vivían en vilas diferentes. A nai de Nelson era a terceira muller de Gadla, Nosekeni Fanny, filla de Nkedama e membro do clan amaMpemvu do pobo xhosa.

Mandela afirmou posteriormente que os seus primeiros anos de vida estiveran dominados polos costumes tradicionais dos tembu e polo tabú. Criouse xunto a dúas irmás no kraal da súa nai na vila de Qunu, onde atendía o gando e pasaba o tempo xunto a outros nenos. Os seus pais eran iletrados, pero sendo unha devota cristiá, a súa nai enviouno á escola metodista cando tiña uns sete anos. Bautizado como metodista, Mandela recibiu o nome inglés de Nelson. Cando tiña uns nove anos, o seu pai foi a Qunu a pasar unha tempada, falecendo alí por mor dunha doenza non diagnosticada que segundo o propio Mandela tería sido unha doenza pulmonar. Segundo o propio Mandela, trala morte do seu pai sentiuse "á deriva", afirmando que herdara a "rebeldía orgullosa" e o "testudo sentido de xustiza" deste.

A súa nai levouno ó pazo "Great Place" en Mqhekezweni, onde foi encomendado baixo a tutela do rexente tembu, o xefe Jongintaba Dalindyebo. Malia que non volveu a ver a súa nai durante moitos anos, sentiu que Jongintaba e a súa muller Noengland o trataron como o seu propio fillo, criándoo xunto ó seu fillo Justice e a súa filla Nomafu. Asistindo á misa tódolos domingos xunto ós seus titores, o cristianismo pasou a ser unha parte significativa da súa vida. Asistiu a unha escola relixiosa metodista situada ó carón do pazo, onde estudou inglés, xhosa, historia e xeografía. Alí desenvolveu un gusto pola historia africana, escoitando as historias que contaban os visitantes máis anciáns do pazo, e viuse influenciado pola retórica antiimperialista dun dos xefes visitantes, chamado Joyi. Porén, naquel entón consideraba os colonialistas europeos non como opresores, mais como humanitarios que trouxeran educación e outros beneficios a África do sur. Ós 16 anos de idade viaxou xunto a Justice e varios outros rapaces ata Tyhalarha para someterse ó ritual de circuncisión ulwaluko, que marcaba de forma simbólica a súa transición de nenos a homes, recibindo o nome tribal de Dalibunga.

Clarkebury, Healdtown e Fort Hare: 1934–40 miniatura|dereita|arribaádereita|Mandela en Umtata en 1937.

Procurando aprender o necesario para converterse en conselleiro privado da casa real tembu, en 1933 Mandela comezou a súa educación secundaria no Instituto Metodista de Clarkebury en Engcobo, unha institución de estilo occidental que naquel entón era a escola máis grande para africanos de raza negra en Tembulandia. Obrigado a socializar con outros estudantes en termos de igualdade, Mandela afirmou que alí perdeu a súa actitude "fachendosa", comezando a practicar deportes e desenvolvendo unha afección pola xardinería. Completou o seu Certificado Júnior en dous anos, pasando á escola Healdtown de Fort Beaufort en 1937. Nesta escola o director promulgaba a superioridade da cultura e goberno ingleses, pero Mandela interesouse cada vez máis na cultura nativa africana, influenciado por un dos seus profesores favoritos, un xhosa que rachara o tabú do seu pobo ó casar cunha muller sotho. Pasou gran parte do seu tempo libre en Healdtown practicando o atletismo de longa distancia e o boxeo, converténdose en prefecto no seu segundo ano.

Co apoio de Jongintaba, en 1939 comezou a traballar para obter a súa licenciatura en humanidades pola Universidade de Fort Hare, unha institución de elite para membros de raza negra en Alice, Cabo Oriental, cun total duns 150 estudantes. No seu primeiro ano estudou inglés, antropoloxía, política, administración nativa e dereito romano e neerlandés, desexando traballar no Departamento de Asuntos Nativos. Mandela residiu no dormitorio universitario Wesley House, trabando amizade con K. D. Matanzima e Oliver Tambo. Tomou clases de baile de salón, actuou nunha obra teatral sobre Abraham Lincoln e impartiu clases sobre a Biblia na comunidade local como parte da Asociación Cristiá de Estudantes. Malia que tiña amigos con conexións no Congreso Nacional Africano (CNA) que desexaban unha Suráfrica independente do Imperio Británico, Mandela evitou involucrarse co movemento antiimperialista, e apoiou publicamente o esforzo de guerra británico cando comezou a segunda guerra mundial. Colaborou na fundación dun comité de estudantes de primeiro ano que desafiou a dominación dos estudantes de segundo ano, e a finais do seu primeiro ano involucrouse nun boicot do Consello Representativo de Estudantes pola falta de calidade na comida, algo polo que foi expulsado da universidade, á que nunca volvería para completar a súa graduación.

Chegada a Xohanesburgo: 1941–43 Á súa volta a Mqhekezweni en decembro de 1940 Mandela descubriu que Jongintaba concertara o seu matrimonio e o de Justice, polo que ámbolos dous fuxiron a Xohanesburgo a través de Queenstown, chegando en abril de 1941. Mandela atopou un traballo como vixiante nocturno nas minas Crown, pero foi despedido cando o induna (cacique) descubriu que era un fuxitivo. Permaneceu cun curmán seu en George Goch Township, quen lle presentou ó axente inmobiliario e activista do CNA Walter Sisulu, que lle conseguiu un traballo como administrativo no bufete Witkin, Sidelsky and Eidelman, unha empresa dirixida por Lazar Sidelsky, xudeu liberal simpatizante da causa da CNA. Alí trabou amizade con Gaur Radebe, membro xhosa do CNA e do Partido Comunista, e con Nat Bregman, un comunista xudeu que se converteu no seu primeiro amigo de raza branca. Mandela asistiu a reunións do Partido Comunista, quedando impresionado coa mestura de europeos, africanos, indios e coloureds como iguais. Posteriormente afirmaría que non se uniu ó Partido Comunista por mor do conflito que supoñía o ateísmo coa súa fe cristiá, e porque consideraba a loita surafricana como unha cuestión racial no canto de ser unha loita de clases. Para continuar coa súa educación, apuntouse a un curso por correspondencia da Universidade de Suráfrica, traballando na súa licenciatura polas noites.

Cun salario modesto, Mandela alugou unha habitación na casa da familia xhoma en Alexandra, que malia a pobreza, crime e contaminación foi sempre un lugar especial para el. Malia sentir vergoña pola súa pobreza, saíu brevemente cunha muller swazi antes de intentar cortexar sen éxito a filla do seu caseiro. Para aforrar cartos e estar máis preto do centro de Xohanesburgo Mandela trasladouse ó complexo da Asociación de Traballadores Nativos de Witwatersrand, vivindo entre mineiros de varias tribos que recibían as visitas de varios xefes tribais. A finais de 1941 Jongintaba visitou Xohanesburgo e perdoou a Mandela pola súa fuxida antes de volver a Tembulandia, onde faleceu no inverno de 1942. Tras aprobar os exames da súa licenciatura a comezos de 1943, Mandela volveu a Xohanesburgo procurando unha carreira na política como avogado no canto de converterse en conselleiro en Tembulandia.

Actividade revolucionaria Liga Xuvenil do CNA: 1943–49