Francisco Javier Lodeiro Gómez, coñecido como Paco Lodeiro, nado en Caracas o 14 de xuño de 1965, é un músico, humorista, actor e presentador de televisión galego.
Traxectoria Naceu en Venezuela, sendo fillo de dous emigrantes galegos: Paco Lodeiro Barbeito, orixinario de San Tirso (Abegondo) e Dora Gómez, de Lugo. Cun ano de vida mudouse coa súa familia a Betanzos e con tres instalouse na Coruña, na rúa Arxentina. Estudou no colexio dos Escolapios e no Instituto Masculino e na década de 1980 realizou estudos de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas en Madrid. En 1988 aprobou unhas oposicións para mestre de informática na educación secundaria e deu clases no CIFP Rodolfo Ucha de Ferrol. Durante a súa xuventude tamén practicou fútbol e vestiu as camisetas de varios clubs como o Galicia Gaiteira, o Vioño ou o Sin Querer.
En 1991 presentouse a unha proba para actor de dobraxe na Televisión de Galicia, pero acabou sendo contratado para o programa de humor Fatal, fatal, fatal, presentado por Antonio Simón e no que coincidiu con Manuel Manquiña ou Morris entre outros. Nos seguintes anos apareceu en numerosos programas da TVG como colaborador e presentador, e presentou tamén ¡Que serán? na Televisión Española en Galicia. Ademais deu clases na Escola de Imaxe e Son da Coruña e en 1993 publicou o seu primeiro disco en solitario como cantante, actuando tamén coa súa banda, La Sonora Callejera.
Nesa época comezou a traballar tamén na radio, facéndose popular no programa de RadioVoz Corre carmela que chove!!, onde realizaba imitacións de personaxes famosas como Arsenio Iglesias ou Augusto César Lendoiro, sendo especialmente célebres as súas imitacións do alcalde da Coruña Paco Vázquez. Máis tarde pasou á Radio Galega, onde coloborou en numerosos programas. Apareceu habitualmente xunto a Carlos Jiménez Díaz, co que traballaba dende a década de 1990 e co que formou o dúo Risoterapia. Na Radio Galega presentou o programa Nunca tal oíra e participou en seccións nos programas dirixidos por Santiago Davila e Xusto López Carril. Tamén participou de xeito habitual no magazine presentado por Kiko Novoa Galicia por diante.
No ano 2000 fixo as súas primeiras incursións no cine, con breves papeis nos filmes Arde amor e Blanca Madison, e posteriormente actuou en series como Pratos combinados, Mareas vivas ou Libro de familia, interpretando nesta última ao taberneiro Ramiro. No 2002 participou na gravación do disco Agora é sempre de Los Tamara. En paralelo á súa carreira audiovisual, licenciouse en Publicidade na Universidade Aberta de Cataluña.
Entre 2002 e 2010 presentou en Telemadrid o concurso de éxito Cifras e letras, e entre 2006 e 2013 fixo o mesmo na versión galega do concurso na Televisión de Galicia. Entre as dúas versións presentou máis de 3.000 programas deste formato, co que acadou gran sona. En 2013 participou no espectáculo Heicho cantar, con Rosa Cedrón e Miguel Ladrón de Guevara, no que interpretaban clásicos da música galega e boleros con bandas de música. Participou tamén no disco Cantando a Galicia con Rosa Cedrón e Sito Sedes,
Entre 2014 e 2015 presentou xunto a María Canosa e Jorge Mira na TVG Verbas Van, un formato da súa creación. Tamén en 2014 dirixiu o programa Laretando presentado por Kiko Novoa. Dende 2017 e ata 2021 dirixiu e produciu o concurso Coma un allo e no verán de 2019 presentou e produciu para a TVG o programa A liga dos cantantes extraordinarios. En 2020 colaborou no disco Sempre Pucho coa orquestra Los Satélites.
alt=Lodeiro presentou A Liga dos Cantantes Extraordinarios|miniatura|Lodeiro presentando A Liga dos Cantantes Extraordinarios No verán de 2021 comezou a presentar para a TVG o concurso Atrápame se podes, labor que realizou ata 2025.
Traballos
Presentador de televisión
¡Café Café? (1993) Salsa Verde (1996) ¡Qué serán? (1993) Cifras y letras (2002-2010) Cifras e letras (2006-2013) Pequeno gran show (2006-2007) Verbas Van (2014-2015) Atrápame se podes (2021-2025)
Actor de televisión
Pratos combinados (2000-2001). Terra de Miranda (2001). Galicia Exprés (2001). Mareas vivas (2002). Como Lou Ferrados. Libro de familia (2005). Como Ramiro. Efectos secundarios (2007). Escoba! (2011-2012).
miniatura|Lodeiro cantando na Praza da Quintana.
Actor de cine
Arde amor (2000). Blanca Madison (2000). Os mortos van á présa (2009).
Presentador de radio
El Expreso de Galicia Nunca tal oíra
Produtor de televisión Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo Os Satélites, unha orquestra de lenda Sempre Pucho Laretando Verbas Van Coma un allo
Discografía Marea interior (1993). Magia negra (2001). Agora é sempre con Los Tamara (2002) Cantando a Galicia con Rosa Cedrón e Sito Sedes (2013) Sempre Pucho con Los Satélites (2020).
Recoñecementos Premio ATV ao mellor programa de entretemento de televisión 2006. Premio da Academia Galega do Audiovisual ao mellor comunicador 2007 Premio Galicia de Comunicación ao mellor programa de radio 1996 (por "Corre Carmela que Chove"). Premio Deputación da Coruña ao mellor guión de apropósitos 1999.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Presentadores da TVG Categoría:Personalidades da radio en galego Categoría:Humoristas de Galicia Categoría:Actores de Galicia Categoría:Galegos de Venezuela Categoría:Nados en Caracas Categoría:Nados en 1965 Categoría:Cantantes en lingua galega Categoría:Enxeñeiros de Galicia Categoría:Enxeñeiros informáticos