O can de palleiro é unha raza de can de tamaño medio orixinaria de Galicia. Tradicionalmente, era o can por antonomasia do agro galego e a súa función era a de can pastor e tamén de garda, mais hoxe en día hai exemplares adicados a distintas funcións, como axuda a discapacitados, cans de terapias, cans de salvamento ou en competicións deportivas como o canicross e o agility. É unha das catro razas de cans autóctonas de Galicia, xunto co guicho, o perdigueiro e o podengo galego.

Estivo a piques de desaparecer por mor dos cruzamentos con outras razas. O seu proceso de recuperación comezou na década de 2000, e en decembro de 2017 había 1 275 cans inscritos no libro xenealóxico do Club da Raza Can de Palleiro. En 2023 había un total de 2.332 exemplares, o que supón un aumento do 67% con respecto ao ano 2018, cando había 1.395.

Nomes Recibe o seu nome en alusión ó palleiro onde tradicionalmente adoitaban durmir estes cans. Tamén é coñecido por outros nomes segundo as zonas, como "can do gando", "can das vacas", "can da casa", "can lobo" ou "can lobeiro".

Historia miniatura|esquerda|Cadeliños de palleiro. Orixe A orixe da raza remóntase ós cans pastores que empregaban as tribos das rexións do centro de Europa, os antepasados comúns doutras razas de cans como o pastor alemán, o pastor belga e outros cans pastores europeos. É un can do tronco indoeuropeo, o seu agrotipo foi o principal antepasado dos cans de pastoreo do centro de Europa, acompañando os pobos precélticos atlánticos, centroeuropeos e nórdicos que poboaron a vertente atlántica do noroeste da Península Ibérica.

A súa área de distribución tradicional abrangue gran parte do agro galego, con animais identificados por terras de Lalín, Dozón, Rodeiro e Agolada (Pontevedra), nos concellos ourensáns de Allariz, Celanova, Xinzo de Limia, A Merca, O Irixo, en terras dos Ancares e interior da provincia de Lugo, así como por distintas zonas da provincia da Coruña.

Recuperación O cruzamento con outras razas de cans traídas doutras partes de Europa durante as décadas de 1960 e 1970 (sobre todo pastor alemán e belga) case provoca a súa desaparición. A recuperación da raza comeza no ano 1999, ano no cal a Xunta de Galicia empeza a verificar a existencia deste can. Mediante a identificación dos exemplares no rural galego, comprobouse a existencia do mesmo tipo de can en diferentes lugares de Galicia, de distintas capas e con distintos nomes. No ano 2001, publicouse o estándar oficial da raza, e foi recoñecida oficialmente polo Ministerio de Agricultura como raza autóctona de Galicia por medio da publicación en BOE do Real Decreto 558/2001, o 25 de maio de 2001.Real Decreto 558/2001Directiva 91/174/CEE do Consello, de 25 de marzo de 1991 O estándar racial deste can baséase en nove exemplares orixinais con trazos ben definidos que subsistiron sen cruzarse con ningunha outra raza. No ano 2002, creouse o Club Can de Palleiro, que é a principal iniciativa de promoción, protección e difusión da raza, baixo a supervisión da Xunta de Galicia.

Descrición miniatura|dereita|Can de palleiro adulto. Aparencia xeral É un animal de tipo lupoide e tamaño medio, cunha alzada até a cernella de 59–65 cm nos machos e 57–63 cm nas femias. O seu peso rolda os 30–38 kg nos machos e os 25–33 kg nas femias. Ten unha constitución forte, con ósos anchos, mais as femias adoitan ter un aspecto máis lixeiro e de proporcións máis lonxilíneas.

Ten o pelo mesto e tupido, máis durante o inverno. A pel é grosa, sen flaccidez, adherida ó corpo e á testa. O seu manto é normalmente uniforme, con gran variedade de tons, presentando cores areas, canelas, castañas, leonadas e mesmo negras. En ocasións poden presentarse exemplares coa capa binaria alobada (pelos de cor amarela e nas puntas, negra), con mestura de pelos amarelos e escuros, amarelando no pescozo, gorxa, peito e extremidades.

Temperamento e comportamento Destaca pola súa intelixencia e pola súa grande estabilidade psíquica, propia dun can pastor. Ten un temperamento forte, e pode desenvolver unha personalidade de sobreprotección pola súa familia e territorio. Ten un carácter doce e tranquilo e amosa unha gran fidelidade cara ó seu amo.

Na cultura popular Ditos populares "Non quedou can tras palleiro, todo canto e gato hai" "[Can de palleiro] só lle falta falar" "Can de palleiro non quere compañeiro" "Can merendeiro garda mal o palleiro"

Literatura O can de palleiro é mencionado por Rosalía de Castro nun anaco do seu poema "Vanidade" de Follas Novas, onde a autora fai unha defensa da infancia empobrecida da que ela foi testemuña en Compostela e no resto de Galicia. O can de palleiro funciona como metáfora e unha crítica aberta á pobreza e o analfabetismo.

O can de palleiro tamén está presente na literatura galega, como no libro Unha espía no reino de Galicia de Manuel Rivas (2004), no cal dedica un capítulo a este animal, chamado "O país do glorioso can de palleiro".

Música Un dos temas máis coñecidos do cantautor Bibiano ten por título "Can de palleiro", e é unha composición chanceira e crítica coa ditadura que foi quen de pasar a censura franquista.

Campañas de comunicación No ano 2015, o can de palleiro foi o protagonista da campaña de publicidade dos Supermercados Gadis "Presumamos como galegos", que tivo unha gran repercusión social e espertou o interese pola raza en toda Galicia e tamén no estranxeiro. Isto supuxo un aumento significativo na demanda destes cans a partir dese ano.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Club do can de palleiro Can de palleiro, Consellería de Medio Rural Reportaxe na TVG (2009)

Categoría:Razas de cans Categoría:Razas autóctonas de Galicia Categoría:Artigos destacados sobre Galicia