Xoán Piñeiro Nogueira, nado no Hío (Cangas de Morrazo) en 1920 e finado no Porriño en 1980, foi un escultor galego.
Traxectoria
De orixe campesiña e mariñeira, foi durante ata a mocidade un modesto pastor, aínda que xa daquela tallaba as súas primeiras figuras a punta de navalla nas pólas dos carballos e castiñeiros.
A Deputación Provincial concedeulle unha bolsa para realizar estudos na Escola de San Fernando de Madrid, o que fixo con grande esforzo, por ter unha formación escolar moi escasa. Trasladouse despois a Santander para traballar nun obradoiro de imaxinaría do escultor José Capuz, mestre que lle aprendeu o oficio. O primeiro galardón acadouno na exposición de bolseiros de Escultura, en 1950, despois do éxito obtido no salón de outono madrileño, e de obter outra bolsa do concello de Cangas de Morrazo.
Residiu en Madrid, onde traballaba e expuña. En 1953 acudiu á Bienal Hispanoamericana de Barcelona. En 1962 rompeu coa vida madrileña e regresou a Galicia, establecéndose en Vigo ata que en 1965 montou o seu obradoiro definitivo en Goián, parroquia natal da súa muller, moitas veces modelo do artista e curmá do pintor Xavier Pousa, discípulo do mestre Antonio Fernández Gómez, co que o escultor trabou amizade inmediatamente.
Empezou a realizar monumentos públicos que lle deron prestixio, como o de José Calvo Sotelo en Tui, ó que seguiron o do arcebispo Lago, tamén en Tui, o de José Millán-Astray na Coruña e ó mar en VigoObras públicas de Xoán Piñeiro Nogueira . Frustrouse o seu proxecto de homenaxe a Martín Codax, pola incomprensión dun alcalde vigués que non entendeu a imaxinación do artista, que fai arte relixiosa para as igrexas de San Xosé obreiro e dos Apóstolos, en Vigo.
Prodigáronse as súas exposicións. Á inicial escultura realista, con forma amarrada e clásica, sucédea un mundo de formas curvas, con ocos nos que se combinan a pedra co bronce. Foi habitual nas mostras colectivas. Alternou a súa vida entre Vigo e Goián, e o seu afán por volver ó obradoiro, por traballar, por sentirse a gusto no seu medio de creación, custoulle a vida. Tras asistir a unha homenaxe íntima que un grupo de artistas lle rendeu ó escultor galego Reinaldo, Piñeiro decidiu, de madrugada, ir a Goián a traballar. Faleceu o domingo 21 de decembro de 1980 pouco despois do amencer, ao envorcar o seu Land Rover no cruzamento do Porriño cara a Tui.
Desde entón as exposicións da súa escultura, que coidan a súa viúva e as súas fillas, repetíronse en numerosas cidades, sempre en calidade de homenaxe a un mestre morto prematuramente.
María Cruz Piñeiro Álvarez (Cuqui Piñeiro), filla do artista, continúa coa labor do seu pai no seu antigo obradoiro familiar de Goián, hoxe reconvertido en fundición artística.
A obra de Xoán Piñeiro atópase en varios museos galegos e españois, nalgúns de África e en coleccións institucionais.
Empezou as súas tarefas con influencias da escultura de posguerra, desde Clará a Capuz e desde Macías a Peanes. Tallaba con pedra -mármore, granito-, tarefa na que exerceu maxisterio cerca de Maxín Picallo Durán e outros escultores novos. Recorda a Victorio Macho nas obras de dobreces acusadas, de grandes arestas e angulosidades. Tras ver a obra de Henry Moore e as súas curvas e os seus ocos, ideou un novo sentido de volume, de concepto abstractivo, con espirais, formas de identificación vexetal ou relacionables coas fachadas de Gaudí e Jorge Oteiza. A textura invita a unha contemplación morosa. Parece que domina a mitoloxía precolombiana.
Fundación Xoán Piñeiro A Fundación Xoán Piñeiro foi presentada o 16 de marzo de 1999.
Adicou especial atención a pór en marcha o compromiso do Padroado da Fundación coa incorporación dos concellos de Tomiño, Cangas de Morrazo e Vigo a través dos seus representantes máximos, pola vinculación que o artista tivo con estas tres localidades e precisamente para romper co factor localista en relación co lugar onde se localiza a Fundación.
Seguidamente iniciouse o traballo de ampliación dos seus fondos coa doazón de obras orixinais de artistas, con pezas singulares, que precisamente son as que lle dan o contido que a Fundación establece nas súas fins.
O 9 de decembro tivo lugar a inauguración pública dunha praza en Vigo co nome de Xoán Piñeiro, a colocación dun relevo feito polo artista Manolo Buciños e unha réplica do autorretrato de Xoán Piñeiro, ambas pezas doadas pola Fundación.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Alonso Eliseo: Xoan Piñeiro. A Guarda, 1981 Pablos, Francisco: Xoan Piñeiro. Pontevedra, Deputación provincial, 1982. Pablos, Francisco: Plástica galega. Vigo, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981. 20 años de arte en Pontevedra. Pontevedra, Deputación provincial, 1989. Recordo de Xoan Piñeiro. (Colectivo). Vigo. Delegación Local de Cultura, 1982. Xoan Piñeiro Nogueira. A Coruña, Concello (s.a.) Chamoso Lamas. Manuel: «Arte» en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976. Sobrino Manzanares, María Luisa: Historia de Galicia. Vol. II. Barcelona, Edit. Planeta. 1980. Plaza Molina, Gabriel: «Arte» en Galicia. A Coruña, Edic. do Castro, 1981.
Ligazóns externas
Arte Bronce Fundición Fundación Xoán Piñeiro Esculturaurbana.com
Categoría:Escultores de Galicia Categoría:Nados en Cangas de Morrazo Categoría:Nados en 1920 Categoría:Finados en 1980