O accidente de Montrove foi o accidente de aviación máis grave da historia de Galicia. Produciuse ao esnafrarse entre unha densa néboa un SE 210 Caravelle da aeroliña comercial Aviaco nas proximidades do aeroporto de Alvedro, o 13 de agosto de 1973. O accidente produciuse debido a un erro humano debido a querer aterrar pese a densa néboa, no canto de proceder ao aeródromo alternativo que figuraba no plano de voo. Faleceron 85 persoas.

Accidente A aeronave, un SE 210 Caravelle con matrícula EC-BIC, cubría o voo 118, de liña regular entre o aeroporto de Barajas e o aeroporto de Alvedro. O avión engalara en Madrid ás 9:14 da mañá (hora local) e unha hora máis tarde, ás 10:14, ponse en contacto coa torre de control para realizar a aterraxe. Hai unha mesta brétema e recoméndaselle que agarde. O avión realiza unha aproximación para comprobar a visibilidade real, pero volve situarse nos 2000 metros de altura. Tras unha segunda manobra de aproximación, ás 11:20 a torre avisou o piloto, Rafael López Pascual, de que a néboa esvaía, que a visibilidade horizontal aumentara a 1500 m e a vertical a 300 m. O avión tenta achegarse, pero un novo banco de néboa faino desistir. Ás 11:39 volve realizar outra manobra de aproximación, pero bate contra uns eucaliptos e esnáfrase en posición invertida no Pazo do Río (Liáns, Oleiros), a carón de Montrove.

A causa oficial do accidente foi un erro humano, ao tentar o piloto a aterraxe con condicións de visibilidade reducidas.

Falecidos miniatura|esquerda|Monumento no cemiterio de Santo Amaro da Coruña. Como consecuencia da colisión, o aparato incendiouse e faleceron no acto 78 pasaxeiros e os 6 membros da tripulación. O único sobrevivente foi trasladado ao Hospital Juan Canalejo, hoxe Hospital A Coruña, onde faleceu horas máis tarde. Foron un total de 85 os falecidos.

As vítimas foron enterradas nunha fosa do cemiterio de Santo Amaro. O 13 de agosto de 2014 inaugurouse nese espazo un monumento á súa memoria.

Aeroporto O aeroporto levaba aberto dez anos, dende 1963 pero estivera pechado ata dúas semanas antes do accidente por obras de remodelación e ampliación da pista.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Accidentes aéreos en Galicia Ligazóns externas Accidente aéreo de Montrove (13-08-1973) Ficha do accidente na web da Aviation Safety Network

Montrove Categoría:Oleiros Categoría:1973 en Galicia Categoría:Accidentes e incidentes de Sud Aviation Caravelle Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 1973 Categoría:Accidentes e incidentes de Aviaco