A arte (do latín ars, artis, a través do seu acusativo singular artem) é entendida xeralmente como calquera actividade ou produto realizado polo ser humano cunha finalidade estética ou comunicativa, a través do que se expresan ideas, emocións ou, en xeral, unha visión do mundo, mediante diversos recursos, como os plásticos, lingüísticos, sonoros ou mixtos.
A arte é un compoñente da cultura, reflectindo na súa concepción os substratos económicos e sociais, e a transmisión de ideas e valores, inherentes a calquera cultura humana ó longo do espazo e do tempo. Adoita considerarse que coa aparición do Homo sapiens a arte tivo en principio unha función ritual, máxica ou relixiosa, pero esa función cambiou coa evolución do ser humano, adquirindo un compoñente estético e unha función social, pedagóxica, mercantil ou simplemente ornamental. A arte é unha actividade exclusiva do ser humano.
A noción de arte continúa hoxe en día suxeita a profundas polémicas, posto que a súa definición está aberta a múltiples interpretacións, que varían segundo a cultura, a época, o movemento, ou a sociedade para a cal o termo ten un determinado sentido. O vocábulo arte ten unha extensa acepción, podendo designar calquera actividade humana feita con xeito e dedicación, ou calquera conxunto de regras necesarias para desenvolver de forma óptima unha actividade: fálase así de arte culinaria, arte médica, artes marciais, artes de arrastre na pesca etc. Nese sentido, arte é sinónimo de capacidade, habilidade, talento, experiencia. Porén, máis comunmente adoita ser considerada a arte como unha actividade creadora do ser humano, pola que produce unha serie de obxectos (obras de arte) que son singulares, e cuxa finalidade é principalmente estética. Nese contexto, arte sería a xeneralización dun concepto expresado desde antano como “belas artes”, actualmente algo en desuso e reducido a ámbitos académicos e administrativos. De igual forma, o emprego da palabra arte para designar a realización doutras actividades veu sendo substituído por termos como técnica ou oficio. Neste artigo trátase de arte entendida como un medio de expresión humana de carácter creativo.
Concepto miniatura|300px|Atributos da pintura, a escultura e a arquitectura (1769), de Anne Vallayer-Coster.
A definición de arte é aberta, subxectiva, discutible. Non existe un acordo unánime entre historiadores, filósofos ou artistas. Ó longo do tempo déronse numerosas definicións de arte, entre elas: «a arte é o recto ordenamento da razón» (Tomé de Aquino); «a arte é aquilo que establece a súa propia regra» (Schiller); «a arte é o estilo» (Max Dvořák); «a arte é expresión da sociedade» (John Ruskin); «a arte é a liberdade do xenio» (Adolf Loos); «a arte é a idea» (Marcel Duchamp); «a arte é a novidade» (Jean Dubuffet); «a arte é a acción, a vida» (Joseph Beuys); «arte é todo aquilo que os homes chaman arte» (Dino Formaggio); «arte é vida, vida é arte» (Wolf Vostell).
O concepto foi variando co paso do tempo: ata o Renacemento, arte só se consideraban as artes liberais; a arquitectura, a escultura e a pintura eran “manualidades”. A arte foi desde sempre un dos principais medios de expresión do ser humano, a través do que manifesta as súas ideas e sentimentos, a forma como se relaciona co mundo. A súa función pode variar desde a máis práctica ata a ornamental, pode ter un contido relixioso ou simplemente estético, pode ser duradeiro ou efémero. No século XX pérdese incluso o substrato material: dicía Beuys que a vida é un medio de expresión artística, destacando o aspecto vital, a acción. Así, todo o mundo é capaz de ser artista.
O termo arte procede do latín ars, e é o equivalente ó termo grego τέχνη (téchne, de onde provén ‘técnica’). Orixinalmente aplicábase a toda a produción realizada polo ser humano e ás disciplinas do saber facer. Así, artistas eran tanto o cociñeiro, o xardineiro ou o construtor, como o pintor ou o poeta. Co tempo a derivación latina (ars -> arte) utilizouse para designar as disciplinas relacionadas coas artes do estético e emotivo; e a derivación grega (téchne -> técnica), para aquelas disciplinas que teñen que ver coas producións intelectuais e de artigos de uso.Omar Argerami: Psicoloxía da creación artística (p. 23-30). Buenos Aires: Columbia, 1968. Na actualidade, é difícil atopar que os dous termos (arte e técnica) se confundan ou utilicen como sinónimos.
Evolución histórica do concepto de arte miniatura|150px|dereita|Venus de Milo, Museo do Louvre, Francia. Na antigüidade clásica grecorromana, un dos principais berces da civilización occidental e primeira cultura que reflexionou sobre a arte, considerábase a arte como unha habilidade do ser humano en calquera terreo produtivo, sendo practicamente un sinónimo de ‘destreza’: destreza para construír un obxecto, para comandar un exército, para convencer ó público nun debate, ou para efectuar medicións agronómicas. En definitiva, calquera habilidade suxeita a regras, a preceptos específicos que a fan obxecto de aprendizaxe, de evolución e de perfeccionamento técnico. En troques, a poesía, que viña da inspiración, non estaba catalogada como arte. Así, Aristóteles, por exemplo, definiu a arte como aquela «permanente disposición a producir cousas dun xeito racional», e Quintiliano estableceu que era aquilo «que está baseado nun método e nunha orde» (vía et ordine). Platón, no Protágoras, falou da arte, opinando que é a capacidade de facer cousas por medio da intelixencia, a través dunha aprendizaxe. Para Platón, a arte ten un sentido xeral, é a capacidade creadora do ser humano. Casiodoro destacou na arte o seu aspecto produtivo, conforme a regras, sinalando tres obxectivos principais da arte: ensinar (doceat), conmover (moveat) e compracer (delectet).
miniatura|esquerda|250px|Alegoría da pintura (1666), de Johannes Vermeer. Durante o Renacemento comezou a formarse un cambio de mentalidade, separando os oficios (artesanía) e as ciencias das artes (Belas Artes), onde se incluíu por vez primeira á poesía, considerada ata entón un tipo de filosofía ou incluso de profecía —para o que foi determinante a publicación en 1549 da tradución italiana da Poética de Aristóteles. Neste cambio interveu considerablemente a progresiva mellora na situación social do artista, debida ó interese que os nobres e ricos homes de prol italianos comezaron a mostrar pola beleza. Os produtos do artista adquiriron un novo status de obxectos destinados ó consumo estético e, por iso, a arte converteuse nun medio de promoción social, incrementándose o mecenado artístico e fomentando o coleccionismo. Xurdiron nese contexto varios tratados teóricos acerca da arte, como os de Leon Battista Alberti (De Pictura, 1436-1439; De re aedificatoria, 1450; e De Statua, 1460), ou Os Comentarios (1447) de Lorenzo Ghiberti. Alberti recibiu a influencia aristotélica, pretendendo achegar unha base científica á arte. Falou de decorum, o tratamento do artista para axeitar os obxectos e temas artísticos a un sentido mesurado, perfeccionista. Ghiberti foi o primeiro en periodizar a historia da arte, distinguindo antigüidade clásica, período medieval e o que chamou “renacer das artes”.. É tamén neste período cando quedan clasificadas as artes liberais en tres oficios: escultores, pintores e arquitectos.
Co manierismo comezou a arte moderna: as cousas xa non se representan tal como son, senón tal como as ve o artista. A beleza relativízase, pásase da beleza única renacentista, baseada na ciencia, ás múltiples belezas do manierismo, derivadas da natureza. Apareceu na arte un novo compoñente de imaxinación, reflectindo tanto o fantástico como o grotesco, como se pode percibir na obra de Brueghel ou Arcimboldo. Giordano Bruno foi un dos primeiros pensadores que prefigurou as ideas modernas: dicía que a creación é infinita, non hai centro nin límites —nin Deus nin home—, todo é movemento, dinamismo. Para Bruno, hai tantas artes como artistas, introducindo a idea de orixinalidade do artista. A arte non ten normas, non se aprende, senón que vén da inspiración.
Os seguintes avances fixéronse no século XVIII coa Ilustración, onde comezou a producirse certa autonomía do feito artístico: a arte afastouse da relixión e da representación do poder para ser fiel reflexo da vontade do artista, centrándose máis nas calidades sensibles da obra que non no seu significado. Jean-Baptiste Dubos, en Reflexións críticas sobre a poesía e a pintura (1719), abriu o camiño cara á relatividade do gusto, razoando que a estética non vén dada pola razón, senón polos sentimentos. Así, para Dubos a arte conmove, chega ó espírito dunha forma máis directa e inmediata que o coñecemento racional. Dubos fixo posible a democratización do gusto, opoñéndose á regulamentación académica, e introduciu a figura do ‘xenio’, como atributo dado pola natureza, que está máis alá das regras.
miniatura|300px|O tribunal dos Uffizi (1772-1778), de Johann Zoffany. No romanticismo, xurdido en Alemaña no final do século XVIII co movemento denominado Sturm und Drang, triunfou a idea dunha arte que xorde espontaneamente do individuo, desenvolvendo a noción de xenio —a arte é a expresión das emocións do artista—, que comeza a ser mitificado. Autores como Novalis e Friedrich von Schlegel reflexionaron sobre a arte: na revista Athenäum, editada por eles, xurdiron as primeiras manifestacións da autonomía da arte, ligado á natureza. Para eles, na obra de arte encóntranse o interior do artista e a súa propia linguaxe natural.
Arthur Schopenhauer dedicou o terceiro libro de O mundo como vontade e representación á teoría da arte: a arte é unha vía para escapar do estado de infelicidade propia do home. Identificou coñecemento con creación artística, que é a forma máis profunda de coñecemento. A arte é a reconciliación entre vontade e conciencia, entre obxecto e suxeito, acadando un estado de contemplación, de felicidade. A conciencia estética é un estado de contemplación desinteresada, onde as cousas móstranse na súa pureza máis profunda. A arte fala no idioma da intuición, non da reflexión; é complementario da filosofía, a ética e a relixión. Influído pola filosofía oriental, manifestou que o home debe liberarse da vontade de vivir, do ‘querer ’, que é orixe de insatisfacción. A arte é unha forma de librarse da vontade, de ir máis alá do ‘eu’.
Richard Wagner recolleu a ambivalencia entre o sensible e o espiritual de Schopenhauer: en Ópera e drama (1851), Wagner propuxo a idea da “obra de arte total” (Gesamtkunstwerk), onde se faría unha síntese da poesía, a palabra —elemento masculino—, coa música —elemento feminino. Opinaba que a linguaxe primitiva sería vocálica, mentres que a consoante foi un elemento racionalizador; así pois, a introdución da música na palabra sería un retorno á inocencia primitiva da linguaxe.
No final do século XIX xurdiu o esteticismo, que foi unha reacción ó utilitarismo imperante na época e á fealdade e ó materialismo da era industrial. Fronte a iso, xurdiu unha tendencia que outorgaba á arte e á beleza unha autonomía propia, sintetizada na fórmula de Théophile Gautier “a arte pola arte” (l'art pour l'art), chegando incluso a falarse de “relixión estética”. Esta postura pretendía illar ó artista da sociedade, para que buscase de forma autónoma a súa propia inspiración e se deixara levar unicamente por unha busca individual da beleza. Así, a beleza afástase de calquera compoñente moral, converténdose na fin última do artista, que chega a vivir a súa propia vida como unha obra de arte —como se pode apreciar na figura do dandy. Un dos teóricos do movemento foi Walter Pater, que influíu sobre o denominado decadentismo inglés, establecendo nas súas obras que o artista debe vivir a vida intensamente, seguindo como ideal á beleza. Para Pater, a arte é “o círculo máxico da existencia ”, un mundo illado e autónomo posto ó servizo do pracer, elaborando unha auténtica metafísica da beleza.
miniatura|esquerda|250px|O taller do pintor (1855), de Gustave Courbet.