A ponte de Santiago cruza o río Lérez na cidade de Pontevedra, discorrendo por ela a estrada N-550. Une o centro da cidade coa zona da Xunqueira e o barrio do Burgo.

Historia O proxecto desta ponte para desconxestionar o tráfico da ponte do Burgo pola que pasaba a N-550 presentouse en 1980. A súa construción iniciouse en xuño de 1981 e foi levada a cabo polo ministerio de Obras Públicas do goberno de España cun custo de 173 millóns de pesetas.

Foi inaugurada o 11 de setembro de 1983 polo exministro de Obras Públicas Jesús Sancho Rof. O seu pleno rendemento non se produciu ata a reforma da avenida de Bos Aires e a inauguración da avenida de Compostela o 3 de xullo de 1987, que con catro carrís deu continuidade á ponte de Santiago e proporcionou unha nova saída á cidade desde o norte cara a Santiago de Compostela e A Coruña.

Descrición Trátase dunha ponte do tipo trabe feita en formigón armado, con dous taboleiros apoiados en catro piares. Cada un dos dous taboleiros ten tres vans. A luz do van central é de 48 metros e a dos laterais 25 metros.

A ponte ten 99 metros de lonxitude e 17 metros de longo. Consta de catro carrís para vehículos, varandas e dúas beirarrúas. A ponte termina na beira norte cun amplo paso para peóns e ciclistas. Comunica a rúa Padre Amoedo Carballo coa Avenida de Compostela.

Nos seus primeiros anos de funcionamento denominouse simplemente Terceira Ponte ata a apertura ao tráfico da Avenida de Compostela, momento no que por ser a saída natural da cidade cara a Santiago de Compostela pasou a denominarse Ponte de Santiago.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Ponte das Correntes Ponte da Barca Ponte do Burgo Ponte de San Xurxo Ponte dos Tirantes Ponte de Ponte Sampaio

Categoría:Pontes de Pontevedra Categoría:Río Lérez