A Organización Internacional do Traballo (OIT) é un organismo especializado das Nacións Unidas que se ocupa das cuestións relativas ó traballo e as relacións laborais. Foi fundada o 11 de abril de 1919, no marco das negociacións do Tratado de Versalles. A súa constitución, sancionada en 1919, compleméntase coa Declaración de Filadelfia de 1944. A OIT ten un goberno tripartito, integrado polos representantes dos gobernos, dos sindicatos e dos empregadores. O seu órgano supremo é a Conferencia Internacional, que se reúne anualmente en xuño. O seu órgano de administración é o Consello de Administración que se reúne cuadrimestralmente. Cada cinco anos o Consello de Administración elixe ó Director Xeral, encargado de dirixir a Oficina Internacional do Traballo e poñer en funcionamento as accións no terreo. Actualmente ocupa o cargo o chileno Juan Somavía, reelixido en 2003. A sede central encóntrase en Xenebra (Suíza). Está integrado por 180 estados nacionais. En 1969 recibiu o Premio Nobel da Paz.
Historia miniatura|300px|Sede da OIT en Xenebra. A Organización Internacional do Traballo foi fundada en 1919 no marco das negociacións que se abriron en Conferencia de Paz realizada primeiro en París e logo en Versalles ó rematar a primeira guerra mundial.
As negociacións tiveron a particularidade de seren realizadas entre os gobernos, os sindicatos e as organizacións de empregadores, que tomaron como base a Asociación Internacional para a Protección Legal dos Traballadores, que fora fundada en Basilea en 1901 para establecer a Constitución da Organización Internacional do Traballo, adoptada pola Conferencia de Paz de París e incluída na sección XIII do Tratado de Versalles.
A Organización Internacional do Traballo organizouse desde un principio cun goberno tripartito, único no seu xénero, integrado por representantes dos gobernos, traballadores e empregadores, e elixiu como primeiro Director Xeral ó francés Albert Thomas.
Entre 1919 e 1921 a OIT sancionou dezaseis convenios internacionais do traballo e dezaoito recomendacións. En 1926 introduciuse un mecanismo de control, aínda vixente, polo que cada país debía presentar anualmente unha memoria informando sobre o estado de aplicación das normas internacionais. Coa fin de examinar esas memorias creouse tamén a Comisión de Expertos, integrada por xuristas independentes, que cada ano presenta o seu informe á Conferencia.
En 1934, baixo o goberno de Franklin D. Roosevelt, os Estados Unidos solicitaron o seu ingreso en calidade de membro da OIT. Durante a segunda guerra mundial a OIT instalouse temporalmente en Montreal.
En 1944, antes de rematar a guerra, a Conferencia Internacional do Traballo aprobou a Declaración de Filadelfia, integrada como anexo á Constitución, fixando os principios, fins e obxectivos da OIT. En 1948 adoptouse o Convenio sobre Liberdade Sindical Nº 87.
Entre 1948 e 1970, durante a dirección do estadounidense David Morse, debido ó proceso de descolonización duplicouse o número de estados membros da OIT, quedando en minoría os países industrializados. A OIT ampliou as súas actividades quintuplicando o presuposto e cuadruplicando o número de empregados. En 1960 creouse o Instituto Internacional de Estudos Laborais, e en 1965 o Centro Internacional de Perfeccionamento Profesional e Técnico, con sede en Turín. En 1969, ó cumprirse cincuenta anos da súa creación, foille outorgado o Premio Nobel da Paz.
En 1977 Estados Unidos retirouse da OIT causando unha crise orzamentaria debido á diminución automática do presuposto nun 25%, que logrou ser controlada ata o seu reingreso en 1980.
Nos anos 80 a OIT desempeñou un papel decisivo no desenvolvemento do Solidarność dirixido por Lech Walesa, aplicando o Convenio sobre a Liberdade Sindical (1948).
Finalizada a guerra fría e fronte ó proceso de globalización e deterioración dos dereitos laborais en todo o mundo, a OIT sinalou a necesidade de dar prioridade ó cumprimento das Normas e Principios e Dereitos Fundamentais no Traballo garantidos polos oito convenios fundamentais (liberdade sindical, negociación colectiva, abolición do traballo forzoso, abolición do traballo infantil, eliminación da discriminación en materia de emprego e ocupación), destacando os conceptos de emprego decente e democratización da globalización.
Órganos Conferencia Internacional A Conferencia Internacional do Traballo é o órgano superior da OIT. Reúnese anualmente, en xuño, en Xenebra. Está integrada por catro delegados por cada país membro, dous deles elixidos polo goberno, e os outros dous propostos polas organizacións de traballadores e empregadores respectivamente. Deste modo, a metade dos integrantes da Conferencia representan ós gobernos, en tanto que unha cuarta parte integra o bloque de traballadores, e a outra cuarta parte integra o bloque de empregadores.
Á Conferencia Internacional correspóndelle a sanción das normas internacionais do traballo, fundamentalmente convenios e recomendacións polas dúas terceiras partes dos seus membros.
Tamén corresponde á Conferencia Internacional examinar as memorias anuais que cada país debe presentar sobre o estado da aplicación das normas internacionais en cada país, e eventualmente aprobar recomendacións nos casos en que existen deficiencias. Nesa tarefa a Conferencia conta coa axuda da importante Comisión de Expertos que debe examinar cada memoria e producir un informe á Conferencia recomendando os cursos de acción en cada caso.
A partir de 1998 a Conferencia debe examinar o Informe Global sobre o que ordena a Declaración da OIT relativa ós Principios e Dereitos Fundamentais no Traballo, que debe preparar a Oficina, debendo dar conta, cada ano en forma rotativa, o estado en que se encontran cada un destes puntos: liberdade sindical e de asociación e recoñecemento efectivo do dereito á negociación colectiva; a eliminación de tódalas formas de traballo forzoso ou obrigatorio; a abolición efectiva do traballo infantil; a eliminación da discriminación no emprego e a ocupación.
Comisión de Expertos A Comisión de Expertos en Aplicación de Convenios e Recomendacións (CEACR) é un organismo permanente asesor da Conferencia Internacional, integrado por xuristas especialistas en Dereito Internacional do Traballo.
A función da Comisión de Expertos é examinar as memorias que tódolos países están obrigados a presentar cada ano, detallando o estado no que se encontra a aplicación dos convenios internacionais en cada país.
Cada ano a Comisión de Expertos debe presentar o seu informe á Conferencia, coa opinión que lle merece cada situación e as recomendacións que propón en cada caso. As opinións da Comisión de Expertos foron adquirindo grande importancia xurídica para a interpretación das normas internacionais, e se encontran recompiladas como xurisprudencia en cada convenio, na base de datos do ILOLEX.
Consello de Administración O Consello de Administración está integrado por 56 persoas. Dos 28 integrantes que corresponden ós gobernos, 10 son designados directamente polos dez países de maior importancia industrial, e o resto polos delegados gobernamentais na Conferencia. Os outros 28 membros corresponden en partes iguais ós traballadores e empregadores e son elixidos polos bloques correspondentes na Conferencia. Os membros renóvanse cada tres anos.
É o órgano administrativo da OIT, reúnese cuadrimestralmente e actúa a través da Oficina Internacional do Traballo, establecendo o Consello as regras de funcionamento desta Oficina.
Comité de Liberdade Sindical O Comité de Liberdade Sindical (CLS) é un importante organismo que depende do Consello de Administración, integrado por nove dos seus membros, pertencentes por partes iguais ós tres bloques. A súa función é intervir nas queixas relacionadas coa liberdade sindical, derivadas das potenciais violacións ós Convenios Internacionais nº 87 e 98, e aqueles que resultan complementarios.
A importancia do CLS radica no alto perfil político dos seus membros, e na facultade que ten para producir recomendacións críticas ós gobernos, cando determina que a liberdade sindical foi vulnerada.
Existe un procedemento específico para procesar as queixas por violacións á liberdade sindical.
Oficina Internacional do Traballo e Director Xeral A Oficina Internacional do Traballo está dirixida polo Director Xeral, elixido pola Conferencia Internacional en mandatos de cinco anos, que á súa vez contrata o persoal de acordo a estritas normas de concursos.
A Oficina Internacional do Traballo é o staff permanente de apoio á tarefa da Conferencia Internacional e o Consello de Administración.
Os Directores Xerais da OIT foron: Albert Thomas (1919-1932). Harold Butler (1932-1939). John Winant (1939-1941). Edward Phelan (1941-1948). David Morse (1948-1970). Wilfred Jenks (1970-1973). Francis Blanchard (1973-1989). Michel Hansenne (1989-1999). Juan Somavía (1999-).
Oficinas rexionais A Oficina Internacional do Traballo posúe unha estrutura rexional descentralizada en cinco zonas: África. América Latina e o Caribe. Estados Árabes. Asia e o Pacífico. Europa e Asia Central.
Á súa vez, cada rexión ten oficinas subrexionais e de área. Os Estados Unidos e o Canadá non están incluídos en ningunha rexión especial.
Dirección Executiva de Diálogo Social A Oficina Internacional do Traballo está integrada por un gabinete de cinco direccións executivas. Unha delas é a de Diálogo Social, á súa vez dividida en dúas importantes estruturas: as oficinas de Apoio ás Actividades dos Traballadores (ACTRAV) e dos Empregadores (ACTEMP).
ACTRAV ACTRAV é a Oficina de Apoio ás Actividades dos Traballadores. Actúa en relación directa co bloque de traballadores da Conferencia Internacional, as dúas centrais internacionais (CSI e FSM), os sindicatos mundiais (federacións sindicais internacionais) e as centrais sindicais nacionais.
ACTEMP ACTEMP é a Oficina de Apoio ás Actividades dos Empregadores. Actúa en relación directa co bloque de empregadores da Conferencia Internacional, a central internacional (OIE), e as cámaras empresariais sectoriais, rexionais e nacionais.
Normas, convenios, recomendacións e declaracións A Constitución da OIT, sancionada na súa redacción orixinal en 1919, é a norma que establece o funcionamento e a organización da OIT. Alí se establecen os órganos de goberno da OIT (Conferencia Xeral, Consello de Administración e Oficina Internacional do Traballo), a composición tripartita dos órganos colexiados, os procedementos para sancionar convenios e recomendacións e os seus efectos, o sistema de control regular mediante memorias anuais, o procedemento de queixas, entre os temas máis importantes.
Como Anexo á Constitución encóntrase a Declaración de Filadelfia, sancionada en 1944, onde figuran os principios e fins fundamentais da OIT. Alí se encontra o famoso principio establecendo que «o traballo non é unha mercancía» (I,a). Entre outros principios e declaracións fundamentais establece que «a pobreza constitúe un perigo para a prosperidade de todos» (I,b), que «tódolos seres humanos teñen dereito a perseguir o seu benestar material e o seu desenvolvemento espiritual en condicións de liberdade e dignidade, de seguridade económica e en igualdade de oportunidades» (II,b) e que «calquera política e medida de índole nacional e internacional, particularmente de carácter económico e financeiro, deben xulgarse desde este punto de vista e aceptarse só cando favorezan, e non entorpezan, o cumprimento deste obxectivo fundamental» incumbindo á OIT «examinar e considerar calquera programa ou medida internacional de carácter económico e financeiro» (II,d), e fomentar o pleno emprego.