Fermin José Muguruza Ugarte, nado en Irún (Guipúscoa) o 20 de abril de 1963, é un cantante, instrumentista e produtor musical vasco, tamén coñecido como Comandante Muguruza ou DJ Laia. Irmán dos tamén músicos Iñigo e Jabier Muguruza, é unha das figuras máis influentes e carismáticas do panorama musical vasco. Ademais de cantar, toca a guitarra e o acordeón e manexa as programacións.

Comezou a súa carreira musical fundando xunto co seu irmán Iñigo o grupo Kortatu, un dos máis importantes do denominado rock radical vasco e pioneiro en introducir o ska e o dub no panorama musical vasco e español. No grupo Fermin era o cantante principal e tocaba a guitarra. Os máis dos temas do grupo foron compostos polos dous irmáns.

Tras disolverse Kortatu en 1988 formou, de novo xunto a Iñigo e Kaki Arkarazo, o grupo de rock de fusión Negu Gorriak, cualificado como un dos máis importantes dos anos 90. Fermin deixou de lado a guitarra para exercer como carismático frontman e voz principal. Cos seus compañeiros de grupo fundou a discográfica Esan Ozenki Records, sempre dentro do marco da autoxestión.

Despois da disolución de Negu Gorriak en 1996 comezou a súa carreira en solitario. Practicou un estilo de fusión con elementos de ritmos latinos, rock, funk, soul e drum and bass, pivotando arredor do reggae.

Colaborou con múltiples artistas de talle internacional como Manu Chao, Banda Bassotti, Amparanoia, Tijuana in Blue, Albert Pla, Todos tus Muertos, Desorden Público ou Reincidentes. Fóra dos escenarios exerceu como columnista nos xornais Argia e Egin, e levou un programa de radio en Egin Irratia.

Politicamente Muguruza posiciónase na esquerda abertzale e no internacionalismo. Colaborou ou simpatizou con numerosas organizacións sociais e políticas vascas, como as Xestoras Pro Amnistía ou Herri Batasuna. En 1999 foi candidato independente pola lista de Euskal Herritarrok nas eleccións ó Parlamento Europeo. Aínda que a súa nacionalidade oficial é española, el considérase «vasco». Nun encontro con Danielle Mitterrand, ó preguntarlle esta se os membros de Negu Gorriak eran vasco-españois ou vasco-franceses Fermin respondeu que eran «vascos».Negu Gorriak. La victoria de la palabra p. 24.

Está divorciado e é pai dun neno e unha nena.

Traxectoria Desde pequeno aprendeu solfexo e a tocar o acordeón e a guitarra. Compartiu o mesmo interese pola música que os seus dous irmáns: Iñigo (máis novo ca el) e Jabier (máis vello ca el). Entre os tres reuniron unha colección de máis de 2 000 discos que tiveron que repartir ó marchar Jabier da casa. Fermin estudou pedagoxía na Universidade de Salamanca, onde comezou a dar mostras de querer montar un grupo. Tras ver un concerto de The Clash en Donostia decidiuse finalmente a montar un conxunto musical.

A música de Fermin Muguruza parte principalmente do reggae fusionado con elementos do soul, a música electrónica, o drum and bass, o folclore vasco, o jazz e o hip hop, entre outros.

Kortatu: os anos 80 dereita|250px|miniatura|Fermín Muguruza durante un concerto de Kortatu no gaztetxe de Egia En 1984 fundou co seu irmán Iñigo e con Treku Armendariz o grupo Kortatu. Fermin cantaba e tocaba a guitarra, mentres Iñigo collía o baixo e Treku a batería. Foron encadrados no movemento do rock radical vasco e pioneiros en introducir o ska no Estado español.

O grupo deuse a coñecer no compilatorio El disco de los cuatro (Soñua, 1985), xunto a Cicatriz, Jotakie e Kontuz-Hi!. Posteriormente gravaron tres álbums de estudio: Kortatu (1985), El Estado De Las Cosas (1986) e Kolpez Kolpe (1988). Tamén publicaron un disco en directo, Azken Guda Dantza (1988), un compilatorio para Europa, A Frontline Compilation (1988) e un maxi-sinxelo, A La Calle (1986).

Kolpez Kolpe foi un disco fundamental na súa carreira, por ser o primeiro integramente en éuscaro, idioma que viñan de aprender. Ademais, o produtor foi Kaki Arkarazo (daquela guitarrista de M-ak), quen se incorporou á banda como segundo guitarrista. Despois da gravación de Azken Guda Dantza o grupo separouse. Durante os catro anos de actividade deron un total de 280 concertos por toda a xeografía española e por numerosos países europeos.

Negu Gorriak: os 90 Despois de dous anos de inactividade, Fermin (voz), Iñigo (guitarra) e Kaki (guitarra) formaron unha nova banda, Negu Gorriak, coa que exploraban a fusión con xéneros coma o rap, o hardcore punk e ritmos latinos. En 1990 apareceu o seu primeiro disco: Negu Gorriak, pero decidiron que aínda non sairían de xira. O seu primeiro gran concerto dérono na marcha anual dos familiares de presos vascos á prisión de Herrera de la Mancha, concerto que aparecería no vídeo Herrera de la Mancha. 90-12-09. Nese concerto uníuselles como baixista Mikel «Anestesia».

En 1991 o trío inicial configurouse definitivamente como quinteto coa incorporación de Mikel «BAP!!» á batería. Ademais sacaron adiante a súa propia discográfica, Esan Ozenki Records. Coa nova compañía editaron Gure Jarrera, louvado de xeito unánime pola crítica musical, entre outros medios, Radio 3 ou El País. A revista musical Rockdelux elixiuno como disco nacional do ano. Esta vez o grupo iniciou a xira Gora Herria/Power to the People Tour 91, que os levou por países como Francia, España, Italia, Reino Unido ou Cuba. Como testemuño editaron o maxi sinxelo Gora Herria, con cortes gravados en directo durante a xira.

miniatura|esquerda|Fermin Muguruza durante un concerto de Negu Gorriak en Pamplona (1992) En 1993 apareceu o dobre vinilo Borreroak Baditu Milaka Aurpegi. Mesmo xornais conservadores como ABC ou El Correo Español mostraron eloxios respecto ó novo álbum de Negu Gorriak. Rockdelux volveu premialos como mellor disco estatal e co posto 30 na lista de «Los 100 mejores discos españoles del siglo XX». O grupo embárcase en Itxurakeriari Stop!! Hypocrisy Tour 93, a xira máis longa da súa historia, que os levou pola República Checa, Italia ou Alemaña e terminou o 30 de outubro en Bilbao ante 9 000 persoas. O concerto gravouse e editouse en LP e CD baixo o título Hipokrisiari Stop! Bilbo 93-X-30.

En maio dese ano o Tenente Coronel da Garda Civil Enrique Rodríguez Galindo demandou a Negu Gorriak por un delito de «danos ó honor e difamación do bo nome». O motivo foi a canción Ustelkeria (do disco Gure Jarrera), na que Negu Gorriak, con base nun informe do fiscal donostiarra Luis Navajas, acusou o coronel de narcotráfico. Galindo exixiu un pago de 15 millóns de pesetas (90.000 euros), ademais de non poder tocar a canción en directo nin incluíla en futuras reedicións de Gure Jarrera.

Durante 1994 realizaron as súas primeiras xiras por América Latina: unha xira solidaria co FMLN no Salvador e o Hegoamerikan Tour 94, por Chile, a Arxentina ou o Uruguai. A modo de resumo do ano editaron o vídeo Negu Gorriak Telebista.

Durante a xira por Arxentina, Fermin fixo amizade con Fidel Nadal, vocalista de Todos tus Muertos e grande admirador de Negu Gorriak. Fermin produciulles o CD Dale Aborigen (1995), no que o grupo arxentino realizaba unha versión do tema de Negu Lehenbiziko bala). Ademais compúxolles o tema Alerta guerrillas e puxo a voz en varios cortes do álbum.

En 1995 apareceu o cuarto traballo de estudio, Ideia Zabaldu. Dá un xiro no son cara a ritmos latinos como resultado das súas xiras por América Latina, polo que o disco é moito máis positivo que o escuro e denso Borreroak.

Aínda que a demanda de Galindo foi desestimada no Xulgado de Primeira Instancia, a Audiencia Provincial de Guipúscoa fallou a favor deste, o que fixo perigar o futuro do grupo e a discográfica, xa que non dispuña dos máis de 60.000 euros que lles pedía o militar ascendido a xeneral. O grupo recorreu ante o Tribunal Supremo e a sentenza queda á espera da resolución por este tribunal. En xuño volveron ós escenarios e iniciaron tamén unha campaña de solidariedade e a favor da liberdade de expresión, que culminou coa edición dun compilatorio solidario co grupo en Italia: Parla! Libertà d'espressione (Radio Tandem, Esan Ozenki-Gora Herriak, 1996). Negu Gorriak contribúe co tema "Ume Hilak". Durante este ano, Fermin exerce como produtor das suízas Wemean. O resultado é o álbum Wemean (Esan Ozenki-Gora Herriak, 1996), no que ademais pon voz no tema Stop al Pánico.

En 1996 Negu Gorriak edita o disco Ustelkeria (Esan Ozenki). Ten como obxectivo recadar fondos para afrontar o proceso xudicial aberto e contén rarezas, caras B dos sinxelos e temas inéditos. Realízase unha tirada limitada (1 500 copias) que se venden a 5 000 pesetas (uns 30 euros). O disco non se distribúe por tendas, só por correo, acompañado dun libreto con información sobre o xuízo. Ese ano Negu Gorriak disolveuse e deu o seu último concerto nas xornadas organizadas polas asociacións xuvenís Jarrai e Gazteriak. Compartiron cartel con Zebda, Dut e Body Count. Coa noticia da disolución editaron o seu último disco de estudio, Salam Agur (Esan Ozenki), composto por completo de versións de grupos que influíron ó grupo, como The Clash, Minor Threat, Bob Marley, Redskins, The Who ou Otis Redding. O grupo promete volver se gañan o xuízo.

Abrir as portas: o disco con Dut Un ano despois da disolución de Negu Gorriak, Fermin únese ó grupo Dut para publicar un só disco, Ireki Ateak (Esan Ozenki, 1997), asinado co nome de Fermin Muguruza eta Dut. Tras esta colaboración inicia a súa carreira en solitario, destacada pola fusión de diversos estilos.

Brigadistak Sound System e Dub Manifest En 1999 apareceu o seu primeiro disco en solitario, Brigadistak Sound System. Nel mestúranse reggae, ska, rock e jungle, con algúns elementos de raggamuffin ou salsa, e participando multitude de artistas internacionais. O disco iniciouse cunha colaboración entre Fermin e os venezolanos Desorden Público. Así, cada canción está gravada nun punto diferente do planeta, desde Roma ata Caracas, pasando polos Ánxeles, París, A Habana ou Barcelona. Neste disco Fermin non contou cunha banda fixa (o que será habitual nos discos posteriores), senón que cada canción estaba gravada con diferentes bandas e músicos, como Banda Bassotti, Hechos Contra el Decoro, Manu Chao, Amparo Sánchez (de Amparanoia), Angelo Moore (de Fishbone), o grupo cubano Los Van Van ou os arxentinos Todos Tus Muertos. O propio nome fai referencia ás diferentes persoas que se involucraron, ó modo duns «Brigadistas Internacionais do Son». As mesturas finais realizáronse nos Estudios Katarain (Azkarate, Navarra) de man de Kaki Arkarazo.

A temática do disco é bastante heteroxénea. Desde unha perpectiva abertzale («Harria») pero sen perder o internacionalismo («Brigadistak»), Fermin toma a palabra («Hitza Har Dezagun») e convértese nunha «nación andante» («Nazio Ibiltaria Naiz»), reclamando os dereitos dos pobos oprimidos («Newroz», «Maputxe») e arremetendo contra os poderosos, as súas institucións e o seu «mirar para outro lado» («Puzka» ou «Urrun»). Non faltan versións, como 54-46, That's my number dos seus admirados Toots and The Maytals («54-46») ou do poema do escritor vasco Joseba Sarrionandia («Eguraldi Lainotsua Hiriburuan»). Tamén, á parte do éuscaro, apareceron no disco multitude de linguas, desde o castelán ó francés, pasando polo aragonés, catalán, mapuche, kurdo, ou inglés entre outros.

O disco obtivo boas críticas. Rockdelux situouno no posto 55 entre os 100 mellores discos españois do século XX. Fermin foi premiado na IV Edición dos Premios da Música que concede anualmente a SGAE na categoría de «Mellor canción en éuscaro» por «Urrun». Fermin negouse a aparecer na gala e rexeitou o premio:

Ese mesmo ano apareceu ErREMIXak, un disco con sete remesturas doutras tantas cancións de Brigadistak Sound System. Apareceu primeiro como CD exclusivo da revista Entzun!!, pero máis tarde editouse para a súa venda en tendas.