O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado ) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor.Ó hÓgáin, Dáithí. Myth Legend and Romance: An Encyclopaedia of the Irish Folk Tradition. Prentice Hall Press, 1991. p. 402 Atópase a medio camiño entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno.

É unha das catro festividades estacionais celtas, xunto co Imbolc, Beltane e Lughnasadh. En realidade, segundo Jan de Vries (o autor de Keltische Religion, ensaio de 1961), as catro festas marcaban non o final senón o comezo dunha estación. Recibían a denominación de feis «festa» ou oénach «reunión, asemblea» e non eran unicamente de carácter relixioso, senón tamén xurídico e político.

Historicamente, o Samaín foi amplamente celebrado en Irlanda, Escocia e a Illa de Man. Festividades semellantes celébranse na mesma época do ano noutros territorios celtas, como as britónicas Calan Gaeaf (en Gales), Kalan Gwav (en Cornualla) e Kalan Goañv (na Bretaña), sendo estas dúas pólas da festividade igual de antigas. En Galicia, é unha celebración que se está a recuperar e promover dende a década de 1990, que está baseada na tradición do Día dos Fieis Defuntos, na de tallar caveiras en melóns e cabazas e de vestir como espíritos ou pantasmas.

Crese que o Samaín ten a súa orixe no politeísmo celta e existen evidencias de que foi unha data de importancia dende a antigüidade. Algunhas tumbas de andadeiro neolíticas de Irlanda están aliñadas co amencer na época do Samaín. É mencionado nalgúns textos irlandeses antigos e moitos eventos importantes da mitoloxía irlandesa ocorren ou comezan no Samaín. Era o momento no que o gando baixaba dos pasteiros de verán e era sacrificado durante o inverno. Ó igual que no Beltane, acendíanse fogueiras especiais. Isto era considerado como formas de protección e limpeza e había rituais específicos que implicaban as fogueiras.O'Driscoll, Robert (ed.) (1981) The Celtic Consciousness New York, Braziller pp.197–216: Ross, Anne "Material Culture, Myth and Folk Memory"; pp.217–242: Danaher, Kevin "Irish Folk Tradition and the Celtic Calendar" Coma no Beltane, o Samaín era considerado como un tempo liminal, cando os límites entre este mundo e o Outro mundo podían cruzarse máis facilmente. Isto significaba que os Aos Sí, os 'espíritos' ou 'fadas', podían chegar máis facilmente ó noso mundo. Moitos estudosos consideran os Aos Sí como restos dos deuses pagáns e espíritos da natureza. No Samaín, críase que os Aos Sí tiñan que ser propicios para asegurar que as persoas e o gando sobrevivisen o inverno. As ofrendas de comida e bebida deixábanse no exterior para eles. Tamén se pensaba que as almas dos mortos volvían para visitar os seus fogares buscando hospitalidade. Celebrábanse banquetes, nos cales as almas dos familiares mortos eran convidadas a asistir e tiñan un lugar na mesa para eles. As carautas e disfraces formaban parte do festival, e implicaba que as persoas ían de porta en porta recitando versos en troques de comida. Os disfraces podían ser un xeito de imitar ou asemellarse ós Aos Sí. Os rituais de adiviñación e os xogos formaban unha parte importante do festival e requirían noces e mazás. A finais do século XIX, John Rhys e James George Frazer suxeriron que era como un "Aninovo celta", e este punto de vista foi repetido por outros estudosos.Hutton, Ronald (1996) Stations of the Sun: A History of the Ritual Year in Britain. Oxford, Oxford University Press , p. 363.

No século IX, a igrexa cristiá cambiou a data do Día de Tódolos Santos dende o mes de maio até o 1 de novembro, ó tempo que o 2 de novembro se converteu no Día dos Fieis Defuntos. Co tempo, o Samaín e o Día de Tódolos Santos fusionáronse para crear a moderna festa do Halloween. Os historiadores empregaron o termo 'Samaín' para se referiren ós costumes celtas do 'Halloween' até o século XIX.Hutton, Ronald. The Stations of the Sun: A History of the Ritual Year in Britain. Oxford University Press, 1996. pp.365–369

Dende finais do século XX, os neopagáns celtas e a Wicca consideran o Samaín, ou algo baseado nel, como unha festividade relixiosa.

Etimoloxía En irlandés moderno o nome é Samhain, en escocés Samhainn/Samhuinn , e en manx Sauin. Estes tamén son os nomes do mes de novembro en cada lingua, acurtado a partir de Mí na Samhna (irlandés), Mì na Samhna (escocés) e Mee Houney (manx). A noite do 31 de outubro (Halloween) é Oíche Shamhna (irlandés), Oidhche Shamhna (escocés) e Oie Houney (manx), e todos queren dicir "noite do Samaín". O 1 de novembro ou a celebración completa, pode chamarse Lá Samhna (irlandés), Là Samhna (escocés) e Laa Houney (manx), significando todos eles "día do Samaín".

Todos estes nomes proveñen do irlandés antigo samain, samuin ou samfuin e todos refírense ó 1 de novembro (latha na samna: 'día do samaín'), alén do festival e a asemblea real que se celebraba ese día na Irlanda medieval (oenach na samna: 'asemblea do samaín'). O seu significado propúxose como 'fin do verán', e a frecuente ortografía con f suxire análises de etimoloxía popular como sam ('verán') e fuin ('fin'). O sam do irlandés antigo provén do protoindoeuropeo *semo-; entre os seus conatos salientan o galés haf, o bretón hañv, o inglés summer e o nórdico antigo sumar, todos eles significando 'verán', e o sánscrito sáma ('estación').Pokorny, Julius. IEW (1959), s.v. "sem-3", p. 905.Rogers, Nicholas (2002). "Samhain and the Celtic Origins of Halloween". Halloween: From Pagan Ritual to Party Night, pp.11–21. New York: Oxford University Press. .

En 1907, Whitley Stokes suxeriu unha etimoloxía do protocelta *samani ('asemblea'), conato do sánscrito sámana, e do gótico samana. J. Vendryes conclúe que samain non está relacionado con *semo- ('verán'), salientando que o 'fin do verán' celta era en xullo, e non en novembro, como evidencia o termo galés gorffennaf ('xullo').Vendryes, Lexique Étymologique de l'Irlandais Ancien (1959). Polo tanto, podería tratarse dunha palabra celta insular para 'asemblea', *samani ou *samoni, ou unha palabra para 'verán', saminos (a partir de *samo-: 'verán') xunto con samrad, *samo-roto-.

Efectivamente, Jan de Vries, en 1961, no seu ensaio sobre a relixión dos celtas (Keltische Religion), seguindo a Joseph Vendryès, o autor de La religion des Celtes (1948), conclúe que, aínda que ese termo («sam-fuin») se traduce en Irlanda como fin do verán, en realidade samuhin (samaín) significa «asemblea», «reunión».

Calendario de Coligny

miniatura|Samonios no calendario de Coligny. O nome galo de mes SAMON[IOS] "(pertencente ó) verán" no calendario de Coligny está estreitamente relacionada co Samaín.Stüber, Karin, The historical morphology of n-stems in Celtic, National University of Ireland, Maynooth, 1998, p. 111. É posible que se celebrase un festival durante as 'tres noites de Samonios''' (en galo: trinux[tion] samo[nii]). Semella que o calendario galo estaba dividido en dúas metades: a primeira delas comezando no mes SAMON[IOS] e a segunda comezando no mes GIAMONIOS, que está relacionada coa palabra para o inverno, no protoindoeuropeo *g'hei-men- (do latín hiems, letón ziema, lituano žiema, eslavo zima, grego kheimon, hitita gimmanza), cf. irlandés antigo gem-adaig ('noite de inverno'). Samonios pode representar o comezo da estación do verán e Giamonios (o sétimo mes) o comezo da estación do inverno. As lúas novas que marcan a metade de cada semestre tamén pode estar marcando os festivais.Burkard Steinrücken, Lunisolarkalender und Kalenderzahlen am Beispiel des Kalenders von Coligny (2012), pp. 7, 19.

Historia Na Irlanda celta, Samain ou Samuin era o nome dos festivais (ou feis) que marcaban o comezo do inverno. Está rexistrado na literatura irlandesa antiga, dende o século X. Era un dos catro festivais estacionais celtas: Samaín (~1 de novembro), Imbolc (~1 de febreiro), Beltane (~1 de maio) e Lughnasadh (~1 de agosto). Crese que o Samaín e Beltane, en tempos opostos do ano, eran as máis importantes. James George Frazer escribiu en The Golden Bough: A Study in Magic and Religion que o 1 de maio e o 1 de novembro eran datas de pouca importancia para os agricultores europeos, pero de grande importancia para os pastores. Sinalaban o comezo do verán, cando o gando é levado ós pasteiros de verán nas terras altas, e o comezo do inverno, cando eran traídas de volta. Deste xeito, Frazer suxire que a metade do ano, o 1 de maio e o 1 de novembro, era unha data importante para os celtas por seren un pobo principalmente pastor e dependente dos seus rabaños.Frazer, Sir James George. The Golden Bough: A Study in Magic and Religion. Forgotten Books, 2008. p.644

Algunhas tumbas de andadeiro neolíticas de Irlanda están aliñadas co amencer nas datas do Samaín e Imbolc. Entre elas salientan o Mound of the Hostages (Dumha na nGiall) no outeiro de Tara,Anthony Murphy & Richard Moore. Island of the Setting Sun: In Search of Ireland's Ancient Astronomers. Liffey Press, 2006. p. 81 e Cairn L en Slieve na Calliagh.Brennan, Martin. The Stones of Time: Calendars, Sundials, and Stone Chambers of Ancient Ireland. Inner Traditions, 1994. pp. 110–111

Na Irlanda medieval, o festival marcaba o remate da estación de comercio e guerra e era unha época para as xuntanzas tribais. Estas reunións eran un escenario popular dos contos irlandeses antigos.Hutton, Ronald (1996) Stations of the Sun: A History of the Ritual Year in Britain. Oxford, Oxford University Press , p. 361.

Na mitoloxía irlandesa miniatura|esquerda|O heroe Fionn loitando contra Aillen, de quen se dicía que queimaba o outeiro de Tara cada Samaín. Orixinalmente, a mitoloxía irlandesa compoñíase de tradición oral, mais co tempo foi recollida por monxes cristiáns durante a Idade Media, que cristianizaron as historias até certo punto. Porén, estes relatos poden botar algode luz sobre o significado do Samaín e o seu impacto na antiga Irlanda. Segundo eles, o Samaín era un dos catro festivais estacionais do ano, e o conto do século X Tochmarc Emire ('O cortexo de Emer') sinala o Samaín como o primeiro deses "días sinalados". Os contos din que estaba marcado por grandes reunións nas que se festexaba, bebíase alcohol,Monaghan, p. 407 e celebrábanse competicións.

De acordo coa mitoloxía irlandesa, o Samaín (ó igual que Beltane) era un tempo no que as 'portas de entrada' ó Outro Mundo abrían, permitindo ós seres sobrenaturais e ás almas dos mortos vir ó noso mundo. Mentres que Beltane era un festival de verán para os vivos, o Samaín "era esencialmente un festival para os mortos".Monaghan, Patricia. The Encyclopedia of Celtic Mythology and Folklore. Infobase Publishing, 2004. p. 41 A narrativa medieval Macgnímartha Finn ("Os feitos da infancia de Fionn") di que os sidhe] (outeiros de fadas ou portais ó outro mundo) "sempre estaban abertos no Samaín".Koch, John T. Celtic Culture: A Historical Encyclopedia. 2006. p. 388 Tamén conta que o Gran Rei de Irlanda celebraba unha gran xuntanza no outeiro de Tara cada Samaín. Cada ano, o botalume Aillen emerxía do Outro mundo e queimaba o palacio de Tara despois de adormecer a todos coa súa música. Un Samaín, o mozo Fionn mac Cumhaill foi quen de quedar esperto e mata a Aillen cunha lanza máxica, co cal se converteu no líder dos fianna. En Acallam na Senórach ('Coloquio dos Anciáns') cóntase como tres lobishomes femias emerxían da cova de Cruachan (un portal do Outro mundo) cada Samaín e mataban o gando. Cando Cas Corach tocou a súa arpa, regresaron á súa forma humana e o guerreiro fianna Caílte acabou con elas coa súa lanza.Tales of the Elders of Ireland: A new translation of Acallam na Senórach by Ann Dooley and Harry Roe. Oxford University Press, 1999. p. 212