Un iambo é un pé métrico usado en varias tradicións poéticas, pero fundamentalmente no verso grego e latino e na poesía anglosaxoa. Consiste na alternancia de sílabas breves e longas, ou tónicas e átonas, ao longo do verso.

Características O ritmo iámbico da poesía grega e latina consistía na alternancia dunha sílaba breve seguida dunha sílaba longa, constante ao longo de todo o verso. Opúñase ao verso trocaico, onde a alternancia era a oposta: primeiro unha sílaba longa e logo unha sílaba breve.

Na tradición moderna anglosaxoa o esquema é semellante, pero no canto de sílabas longas e breves o que se alternan son sílabas tónicas e átonas. Polo tanto, o verso iámbico será o que combina unha sílaba átona, outra tónica, outra átona etc., e o trocaico o que combina unha tónica, unha átona, unha tónica...

A representación habitual dun par iámbico é: da DUM

Porén, para que exista unha cadencia ten que producirse unha repetición de iambos ao longo de todo o verso, ou cando menos un esquema de repetición de iambos en posicións homólogas de distintos versos da mesma composición.

O inglés e o alemán, como linguas xermánicas, acomodaron ben o ritmo acentual e que é nesas literaturas onde tivo un maior cultivo. Pola contra, as versificacións románicas baseáronse fundamentalmente no número de sílabas e na rima. Pero iso non impediu que as dúas tradicións se fosen mesturando e a aparición de versos iámbicos na literatura italiana, catalá, española, portuguesa ou galega, e de formas que contaban o número de sílabas, coma o soneto en Shakespeare.

Exemplos clásicos Literatura inglesa

'Twas brillig, and the slithy toves Did gyre and gimble in the wabe. (Lewis Carroll, "Jabberwocky")

Shall I compare thee to a summer's day? (William Shakespeare, soneto 18)

And straightway in his palace-hall, where commonly is set Some coat of arms, some portraiture ancestral, lo, we met His mean estate’s reminder in his fisherfather’s net! (Robert Browning, The Pope and the Net, sSsSsSsS||sSsSsS)

Literatura alemá

In spiegelbildern wie von Fragonard ist doch von ihrem Weiß und ihre Röte nicht mehr gegeben, als dir einer böte, wenn er von seiner Freundin sagt: sie war (Rainer Maria Rilke, Die Flamingos)

Literatura neerlandesa

Wilhelmus van Nassouwe ben ik, van Duitsen bloed, den vaderland getrouwe blijf ik tot in den dood. (Het Wilhelmus, o himno dos Países Baixos)

Literatura galega Que din as altas copas de_escuro_arume_arpado. (Eduardo Pondal, Himno galego)

Aquí pode verse que a distribución en iambos se interrompe no último pé tónico, e que o que queda por detrás carece de valor no que compete á métrica rítmica.

Bibliografía James Wilson Bright, Raymond Durbin Miller, The Elements of English Versification, Boston 1910. Joseph Berg Esenwein, Mary Eleanor Roberts, The art of versification, The Home Correspondence School, Springfield 1920.

Categoría:Retórica e figuras da lingua Categoría:Métrica grecolatina