O gascón é a variedade máis occidental da lingua occitana, abondo diferente do resto dos dialectos do occitano, non só debido a un substrato vasco, se non que existen diferenzas léxicas, morfolóxicas e sintácticas propias do gascón que non se dan nos outros dialectos. Por estas diferenciacións algúns lingüistas afirmaron e afirman que se trata dunha lingua diferente. O gascón está clasificado como definitivamente en perigo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO.

Variedades O gascón divídese en varios subdialectos entre os cales domina por tradición secular a variedade bearnesa (que na parte pirenaica presenta unhas peculiaridades que o afastan do occitano). Estas variedades pirenaicas presentan tendencias peculiares como o artigo eth (feminino era), a conservación posible do son [-a] final átono polo grafema -a final e, máis localmente, uns plurais femininos en [es]. O aranés, un subdialecto do gascón na zona pirenaica, transcribe xeralmente esta particularidade coa grafía -es no canto de -as). O bearnés, ademais das peculiaridades pirenaicas, presenta as mesmas variedades dialectais que o resto do gascón. A única discrepancia que existe hoxe en día é a maneira de escribir a lingua, habendo dúas formas distintas de grafías.

As principais variedades do gascón son: Landés marítimo ou «fala negra» (Biarritz, Baiona e Landas costeiras). Gascón central (Auch). Bearnés (Pau). Gascón oriental. Aranés (Val de Arán) variante pirenaica do gascón que conta coa súa propia codificación, oficial no Val de Arán. Bordalés (Bordeos, Medoc).

Gramática, características léxicas e fonolóxicas A morfoloxía é moi conservadora e o léxico posúe unha serie de palabras características. Entre os préstamos procedentes do aquitano e do vasco antigo inclúense termos alusivos a plantas, animais, paisaxes, agricultura, clima e vida social.

Algunhas características léxicas e fonolóxicas:

Nunha parte do territorio gascón (vales de Aspe e Barétous en Béarn) consérvanse as intervocálicas xordas, como nalgúns dialectos aragoneses (natau, do latín natale(m); réco de rica “rego, suco”. O latín f pasa a h: filium > hilh (“fillo”); farina > haria; flore > hlor ("flor") Como o galego e portugués, perda do -n- intervocálico: luna > lua ("lúa") redución de mb > m : celta cumba > coma (“vale”), Como no catalán, nd > n: vendere > béne “vender”); conservación de kw e gw como no ibero-romance (quando pasa a quan; xermánico wardon pasa a guardar “observar, gardar” (mentres que no resto dos dialectos occitanos desaparece o "u"). Como o vasco, o gascón desenvolve unha vogal protética ante r- inicial: rota > arròda; *racimu > arrasim.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Dicionarios de gascón e outros textos en gascón

Categoría:Lingua occitana