O picanzo do norte (Lanius excubitor) é unha especie de ave da orde dos paseriformes, infraorde dos Corvida, suborde dos oscines, unha das 29 integrantes da familia dos lánidos.

Do tamaño dun merlo (uns 25 cm de lonxitude e ao redor de 36 cm de envergadura), vive en áreas de clima subártico, boreal e temperado da rexión holártica. Está presente tamén en zonas de estepas e montañas altas da Asia Central.

Unha ave moi semellante que vive no sur do continente europeo, o picanzo real, que foi considerada ata hai pouco unha subespecie, é hoxe clasificada como especie separada co nome científico de Lanius meridionalis. Ambas as dúas especies, moi próximas, procuran hábitats diferentes nos lugares onde coinciden e non hibridan, o que, xunto coas diferenzas na plumaxe distinta, levou á súa separación en dúas especies.

Taxonomía Descrición A especie foi descrita en 1758 por Linneo,Lanius excubitor Linnaeus, 1758 no ITIS. na décima edición do seu Systema Naturae.

Etimoloxía Para a do xénero, véxase Lanius

O epíteto específico, excubitor, Linneo tomouno do substantivo do latín clásico excubitor, -ōris, 'sentinela', 'garda', 'vixiante',Lanius excubitor, en Memidex free online dictionary . en referencia ao seu costume de vixiar o seu contorno.

Nomes vulgares noutras linguas Alemán: Nördlicher raubwürger. Español: Alcaudón real. Francés: Pie-grièche grise. Inglés: Great Grey Shrike. Neerlandés: Klapekster. Polaco: Srokosz. Sueco: Varfågel.

Subespecies miniatura|300px|L. e. leucopterus miniatura|300px|L. e. borealis inmaturo miniatura|300px|L. e. melanopterus

Diferéncianse polo tamaño e pola coloración, especialmente pola extensión das áreas brancas nas ás e a cola e pola presenza ou non dun debuxo branco no peito e a barriga.

As subespecies adoitan separarse en dous grupos: o occidental, que está composto polas razas L. e. excubitor, L. e. galliae, L. e. melanopterus, L. e. homeyeri e L. e. leucopterus, e o oriental, que integran as variedades L. e. borealis, L. e. invictus, L. e. sibiricus, L. e. mollis, L. e. funereus e L. e. bianchii.

Os representantes do grupo occidental son máis claros, coas ás máis curtas e manchas alares meirandes canto máis ó leste viven. Non teñen debuxos en forma de ondas no peito e o ventre, que son, en xeral, de cor branca sucia. A parte superior ten diversos tons do gris. A única excepción sería a raza escura do extremo norte L. e. melanopterus, que, coma L. e. homeyeri aparece ocasionalmente no centro do continente. Os membros do grupo oriental son en xeral meirandes e máis escuros, amosando tons castaños na parte superior e cun debuxo no papo e a barriga. Grupo occidental: L. e. excubitor (coas subespecies non universalmente recoñecidas L. e. galliae e L. e. melanopterus, unha forma escura que é probablemente un híbrido entre L. e. excubitor e L. e. sibiricus) espállase polo oeste, centro e norte de Europa ata a parte norte da Siberia occidental . L. e. homeyeri: vive dende o sueste de Europa e Transcaucasia ata o centro de Siberia occidental. Máis claro que a forma típica con manchas brancas grandes nas ás. L. e. leucopterus, do suroeste de Siberia. Moi claro, coa gorxa de cor branca pura, e grandes campos brancos nas ás. Grupo oriental: L. e. sibiricus: Do leste de Siberia e norte de Mongolia. A parte superior ten tons castaños, a inferior ten listas castañas escuras sobre fondo branco agrisado. Este listado é máis escuro e definido nas dúas seguintes variedades. L. e. mollis: das montañas periféricas das montañas Altai e noroeste de Mongolia. L. e. funereus, a raza meirande, de plumaxe escura pouco contrastada. A parte inferior ten aspecto gris azulado con bandas negras. Vive sobre todo nas montañas altas do Tien Shan. L. e. bianchii, que cría nalgunhas das illas Kuriles meridionais e en Sakhalin. Claramente menor que as razas anteriores, máis claro e cun barrado inferior pouco evidente.. L. e. invictus, do oeste de Norteamérica , dende o norte de Alberta ata o norte de Alasca, e posiblemente presente tamén no extremo nordeste de Siberia. Moi semellante á subespecie L. e. borealis, pero meirande e algo máis claro. L. e. borealis, propio do nordeste de Norteamérica, sobre todo o norte do Quebec e norte de Ontario. Moi semellante a forma nominativa, aínda que a parte inferior do corpo e gris clara e non branca, cun lixeiro bandeado ondeante.

Características É un paxaro de aspecto xeral agrisado coa cola longa, con partes das plumas negras e, dependendo das variedades, brancas.

É característico o tronco gris, máis escuro sempre pola parte superior có papo e o ventre, que pode ser case branco nalgunhas razas. Unha lista negra estreita vai da base do bico negro e ganchudo, pasando por sobre dos ollos ata a zona dos oídos, onde se fai algo máis ancha. En máis das variedades esta máscara facial ten unha beira branca estreita. As ás, relativamente anchas e arredondadas, son negras. Cando están pousados amosan unha pequena mancha branca nas ás, ou dúas nalgunhas subespecies. A área dos ombreiros ten unha beira clara, ás veces branca pura. As remeiras secundarias teñen tamén as beiras brancas. A cola ten unha coloración contrastada negra e branca.

O picanzo real do norte ten cando voa un aspecto branco-gris-negro, no que destacan a cola longa e, en xeral, arredondada, branca e negra e a mancha branca das ás.

O dimorfismo sexual e pouco marcado, limitándose a pequenas diferenzas de coloración. As femias teñen unha plumaxe menos contrastada, coas partes brancas de ás e cola máis pequenas e menos delimitadas da zona negra. As áreas que no macho son de cor negra pura poden ter un ton máis acastañado nas femias. As plumas remeiras primarias dos exemplares novos teñen unha orla ancha branca e o seu bico non é negro, senón castaño, con tons ocres na parte inferior.

Voan desde un punto de espreita a outro cun voo en forma de arco, que recorda algo o dun gorrión. Pouco antes de chegar o punto de destino fan unha elevación brusca. Cando se desprazan distancias longas, fano cun voo dereito e moi rápido. Poden planear ou voar a vela tramos curtos.

Voz O canto, emitido polos dous sexos, do picanzo real do norte e moi variado e inclúe a miúdo elementos do canto doutros paxaros. Os seus berros amosan tamén unha gran variedade. Utilizan habitualmente de xeito melódico sons producidos co peteiro.

Exemplos de voz poden oírse en: Chamada de contacto, e Chío de alarma.

Hábitat Precisan arbustos ou árbores mestos, vexetación baixa e grupos de árbores na área do niño, e puntos cunha boa visibilidade. Este tipo de estruturas atópanas en paisaxes abertas con zonas pechadas de arbustos e árbores, incluíndo hortas con árbores froiteiras, e beiras de bosques e pantanos. As paisaxes dos territorios de cría e de invernada non son iguais: no inverno prefiren paisaxes máis abertas con mato e mesmo áreas cultivadas. O bosque moi pechado e as áreas nas que non haxa arbustos, mato, árbores ou sebes en cantidade dabondo non se axeitan para a especie.

O tamaño do seu territorio de caza depende moito da cantidade de alimento da que poidan dispoñer, e poden variar desde territorios individuais de 40 ha a territorios dun km2 compartido por varias parellas.

Distribución O seu territorio de cría é moi extenso, centrado na taiga e na zona de transición entre esta e a tundra. En Europa crían no oeste e centro de Francia, no Benelux, en Dinamarca, Lituania e Letonia, ademais de Alemaña e Austria, nesta última en pequenas cantidades. Crían tamén no norte de Escandinavia, Estonia, Polonia e Belarús, na República Checa e en Eslovaquia. Polo sur e o sueste chegan a Romanía, Bulgaria, Moldova e Ucraína.

miniatura|500px|Distribución do picanzo real do norte (Lanius excubitor) verde: Principalmente sedentario, sobre todo os machos laranxa: Migrador: de distancias longas no norte, de distancias curtas no sur azul: Zona de invernada

Aparece tamén no leste de Turquía e na Transcaucasia. A área de distribución meirande está nas partes europea e asiática de Rusia, onde se espalla nunha faixa relativamente ampla cara ao leste ata a rexión de Anadyr, na ribeira do océano Pacífico.

A fronteira norte da súa distribución está entre os 65 e os 70° de lonxitude norte. Polo sur o límite é pouco uniforme. Se exceptuamos as illas de distribución no sur de Europa, a fronteira sur pasaría por Kazakhstán, o noroeste da China, norte de Mongolia, Sakhalin e as Kuriles meridionais. En Norteamérica crían dende a península do Labrador ata Alasca, pasado polo centro do Canadá. A fronteira sur da área de cría está no Quebec.

A zona de invernada solápase en parte coa de cría, aínda que en xeral se atopa máis ó sur e, en Europa, cara ao noroeste, o que fai que no inverno aparezan nas illas Británicas.

Se atopa hábitats axeitados pode criar ata altitudes de máis de 2 000 msnm.

Alimentación e técnicas de caza Como todas as especies do xénero Lanius, é un depredador, e ten un comportamento moi similar ao dos falcóns; co seu pico ganchudo adoita cazar outros paxaros como xílgaros, pequenos roedores como o rato de campo e insectos grandes.

Son case exclusivamente zoófagos. Unicamente no outono poden complementar a súa dieta con algunhas froitas. Os roedores pequenos, coma os do xénero Microtus, e insectívoros do xénero Sorex son as súas presas máis importantes, e poden constituír ata o 90 % da masa total da súa alimentación. Cabo deles os paxaros pequenos, que en épocas de grandes nevadas poden converterse na súa presa principal, cobren unha parte importante das súas necesidades nutricionais. Durante a cría dos polos os insectos de diversos tipos teñen tamén importancia alimenticia. Máis raramente capturan morcegos, anfibios, réptiles ou peixes. Moi ocasionalmente comen calaza. Poden matar presas do tamaño dun tordo ou dun lemming.

O picanzo real caza ao axexo, espreitando desde puntos situados case sempre a entre 3 e 8 m do chan. Cando localiza unha posible presa, déixase caer verticalmente e tenta golpeala despois dun voo curto preto do chan. Cambian frecuentemente de lugar de espreita. Poden tamén, máis raramente, buscar alimento desde o aire, cun voo lento. As presas son atacadas sobre todo no chan, aínda que se ten constancia de capturas en voo de insectos e paxariños. Ás veces cazan paxaros pousados nas pólas, cunha técnica semellante á do gabián eurasiático. En condicións de moi mala visibilidade, procuran vítimas camiñando ou choutando polo chan.

Mata as presas con fortes golpes do bico, e adoita espetalas despois en espiñas ou suxeitalas nunha galla das polas, o que lle facilita o despece do cadáver e o almacenamento e vixilancia das presas. Unha despensa chea xoga tamén un papel importante na escolla dunha parella.

O papel das imitacións do canto doutros paxaros na caza non está ben estudado, aínda que é posible que as imitacións lles sirvan para atraer a posibles vítimas.

Comportamento Son paxaros diúrnos, con períodos de actividade ocasionais durante o crepúsculo, sobre todo coincidindo coa presenza de enxames de insectos. Descansa entre o mato mesto ou entre as agullas de coníferas novas. Gustan de durmir, se os atopan, en agrupacións mestas de xenebreiros (Juniperus communis).

Báñanse moi frecuentemente, mergullando o corpo enteiro na auga. Despois de comeren, limpan o bico fregándoo contra unha pola.

Relacións sociais Son aves territoriais. Fóra da época de cría defenden territorios de caza individuais; durante a reprodución a parella comparte territorio. Os territorios invernais adoitan ser meirandes. En ocasións, algunhas parellas forman unha sorte de agrupación de territorios, relativamente separados dos territorios veciños, e mesmo no inverno dáse unha certa relación entre territorios individuais. As fronteiras do territorio son regularmente inspeccionadas o que pode levar a encontros con membros das mesma agrupación territorial, contra os que a conduta agresiva é menor que no caso doutros conxéneres completamente alleos.