O miñato negro, tamén nomeado como miñato queimado ou millafre negro, (Milvus migrans) é unha ave de rapina da familia Accipitridae. Á diferenza do seu parente, o miñato real, ten unha área de distribución moi ampla, que inclúe boa parte da zona paleártica, África, o sueste de Asia e Australasia.
Descrición Medidas corporais As medidas corporais varían, segundo a subespecie e o sexo, entre 46 e 68 cm e a envergadura das ás entre os 120 e os 153 cm. Os machos da raza máis pequena, M. m. affinis, pesan 500 gramos escasos; os da meirande, M. m. lineatus, uns 850. As femias máis pesadas desta última subespecie poden pesar máis de 1.000 gramos.
Descrición da subespecie tipo M. m. migrans A plumaxe do miñato negro tipo é pouco contrastada, case uniformemente escura. Só a cabeza, a gorxa, a caluga e unha banda na parte superior das ás, amosan unha tonalidade máis clara que as diferencia claramente do resto. O lombo é castaño escuro, as plumas do papo e a barriga son algo mais claras, a miúdo mesmo castaño avermelladas. As partes superiores das plumas remeiras é de cor cinamomo. As plumas rémixes son moi escuras, case negras. A coloración de machos e femia é semellante.
As patas dos exemplares que xa adquiriron as cores definitivas son amarelas coas unllas negras; a parte superior do bico é negra, a inferior amarela. A cera do peteiro é amarela brillante. Cando teñen polo menos sete anos de idade, a cor do iris ocular pasa do marrón ó amarelo das aves máis vellas.
Non adquiren a coloración adulta ata polo menos o quinto ano de idade. Os inmaturos teñen a cabeza e partes do pescozo agrisados, nalgúns casos (sobre todo en aves que están na muda anterior á que lles dará a plumaxe adulta) amarelados. A plumaxe dos máis novos é, en conxunto, algo máis clara e contrastada.
miniatura|esquerda|270px|Cola en galleto dos miñatos:Miñato negro (esquerda) e miñato real (dereita)A cola ten só unha lixeira forma de galleto e, cando está aberta, ten un aspecto case triangular, cun barrado escuro pouco marcado que só se ve de moi preto.
En voo as ás do miñato negro destacan por seren estreitas, longas e anguladas, coas seis plumas rémixes primarias (cinco nalgúns miñatos novos) moi definidas. Nalgunhas subespecies vese claramente unha marca escura na área da articulación carpiana. Voan de xeito moi elegante con golpes de ala relativamente rápidos. Planean con frecuencia, a diferenza do miñato real coas ás lixeiramente arredondadas cara a adiante.
Voz Teñen unha variedade ampla de sons que utilizan durante todo o ano, e non só na época de cría. Segundo o estado de ánimo varían entre tons suaves e melódicos e berros semellantes ós das gaivotas. A miúdo cantan a dúo. Un exemplo dos sons que produce pode escoitarse en: Exemplo da voz do miñato negro Sistemática
Subespecies
O número de subespecies varía moito segundo as opinións dos diversos científicos. Ata ó presente describíronse doce, das que só seis son universalmente aceptadas. De entre elas a variedade M. m. lineatus considérase en ocasións coma unha especie separada co nome científico de Milvus lineatus (Miñato de oídos negros, opinión que non corroboran estudos recentes do seu ADN. As variedades da África tropical amosan unha grande diferenza das paleárticas, o que podería certificar a súa adscrición a unha especie propia Milvus aegyptius (Miñato de bico amarelo), situación que parecen certificar os estudos biomoleculares.Jeff A. Johnson et al.: Prioritizing species conservation: does the Cape Verde kite exist? (pdf, 360 kbyte) Nas zonas de contacto as subespecies hibridan sen problemas, dando lugar a exemplares de coloracións intermedias que foron en ocasións descritos como subespecies propias, coma nos casos de M.m. tienschanicus, ferghanensis, formosanus e outras.
Distribución das subespecies miniatura|300px| laranxa: No verán verde: Todo o ano azul: Só no inverno En África, a India e o sueste de Asia superpóñense as áreas de cría dos residentes coas de inverno doutras variedade, feito que non se representa no mapa. Milvus migrans migrans, a forma típica cría en boa parte de Europa. O límite noroeste da súa área de cría é unha liña que pasa polo norte de Francia, norte de Bélxica e noroeste de Alemaña. Ó oeste e norte desta liña crían ocasionalmente. No norte de Suecia hai unha pequena zona illada de reprodución irregular. Tamén é irregular e local a súa presenza como reprodutor en Austria, na República Checa, Polonia, Ucraínae nos Balcáns. M. m. migrans reprodúcese tamén en Chipre e Sicilia, pero falta nas outras illas do Mediterráneo. En Asia o límite norte da súa distribución segue máis ou menos a fronteira do bosque pechado de coníferas. Cara ó leste chegan os Urais, dende onde se proxectan unha ampla zona de intergradación coa subespecies adxacente M. m. lineatus. O límite de distribución polo sur márcano os montes Atlas e continua cara ó leste ata Turquía, Oriente Próximo, Irán e Afganistán e, finalmente, ata o Himalaia onde entra en contacto coa subespecie M. m. govinda. No norte da península de Arabia entra en contacto coa raza M. m. aegyptius. miniatura|200 px|M. m. lineatus M. m. lineatus. A variedade meirande e máis pesada. A cabeza e as partes do pescozo que son grises na raza M. m. migrans son nesta subespecie castaños claros. Ten unha mancha negra na zona dos oídos que lle da o nome vulgar de miñato de oídos negros. Na área da articulación carpiana distínguese unha mancha clara, case branca. O iris dos ollos non parece pasar da cor castaña á amarela nos exemplares máis vellos. É a raza máis semellante ó miñato real. Algúns estudosos considérana unha especie independente Milvus lineatus. A súa zona de cría espallase ó leste dos Urais e acada a costa asiática do Pacífico. A fronteira setentrional está ó redor dós 65º norte, límite que atravesa claramente no curso medio do río Jana, onde pasa o círculo polar ártico. Polo leste cría en Sakhalín e case tódalas illas do Pacífico noroeste, incluídas as xaponesas. Polo sur chega ó límite norte dos Himalaias e segue cara ó leste, ata entrar en contacto no norte de Indochina coa subespecie M. m. govinda. Cría tamén no sueste da China, incluída a illa de Hainán. M. m. govinda é máis pequena que a forma tipo e de cor castaña agrisada moi pouco contrastada, ás veces con coloración area sucia. As plumas da cabeza teñen un toque castaño avermellado. A mancha branca da parte inferior das ás na área da base da articulación carpiana está ben definida.M. m. govinda está presente nunha zona grande de Paquistán, no subcontinente indio, na metade norte de Sri Lanka e dende Myanmar e Tailandia ata Malaisia. M. m. affinis. A raza máis pequena, de cor castaño escuro relativamente uniforme. Na área dos ombreiros a coloración é algo máis clara e na parte superior das ás ten unha faixa diagonal.Cría en Sulawesi e moitas das illas pequenas do arquipélago da Sonda coma Lombok, Sumba e Timor. A súa distribución continúa pola parte nordeste de Nova Guinea e por Australia. M. m. aegyptius: raza algo máis pequena que os exemplares europeos da forma tipo. A plumaxe é castaña avermellada, a cola de cor cinamomo con algunhas bandas estreitas claras. A área branca da articulación carpiana é relativamente visible. O bico, negro nos xoves ata que teñen tres anos, faise despois amarelo. Cría na península do Sinaí, ó longo do val do Nilo e o leste do mar Vermello, tamén en Somalia, Etiopía e posiblemente nalgunhas áreas da costa de Kenya. Os que crían ó sur da Península arábiga (ás veces clasificados coma subespecie M. m. arabicus) teñen as ás máis curtas e o peteiro negro ou amarelo segundo os individuos. M. m. parasitus, é algo máis pequena que a anterior e de cor castaño mate. A parte inferior tena máis clara, de cor cinamomo escuro. A cola ten bandas ben visibles. O bico dos adultos é sempre amarelo brillante.Espallada por África ó sur do Sáhara, incluíndo as illas Comores e Madagascar.
Hábitat Os miñatos típicos que viven na zona paleártica teñen certa preferencia por hábitats preto de zonas acuáticas, en especial beiras do mar con árbores ou as renques de árbores das beiras dos ríos, onde se dan as concentracións meirandes de miñatos. Pero mesmo nestas rexións poden vivir lonxe da auga, mesmo en áreas moi secas mentres dispoñan de árbores para face-los niños e de alimento dabondo.
Nas outras subespecies a afinidade coa auga é escasamente marcada, e limitan a elección do territorio ás dispoñibilidades alimentarias e reprodutoras. A variedade dos hábitats correspóndese con estas premisas e vai dende mangleiral e beiras de ríos, a terras agrícolas e estepas secas en altura coma os montes Altai. Algunhas variedades, en especial as africanas, amosan unha vinculación estreita coas zonas con presenza humana, vivindo nos límites das cidades onde comparten con outras aves os restos dos vertedoiros. A subespecie austalasiática M. m. affinis leva unha vida nómade dentro de territorios que inclúen mesmo as beiras dos desertos.
Alimentación Son aves oportunistas, cun espectro alimenticio moi amplo. Comen tanto presas produto da caza como animais mortos ou restos procedentes de vertedoiros. Poden cazar amíferos ata do tamaño dunha lebre e peixes vivos que pesan tanto coma eles mesmos, pero as súas presas adoitan ser máis pequenas. A composición da súa dieta depende evidentemente do hábitat no que viven. En zonas preto da auga predominan nela os peixes vivos ou mortos. Nalgunhas poboacións centroeuropeas a porcentaxe dos peixes na dieta das parellas reprodutoras pode chegar ó 80%. A carón dos peixes forman parte das capturas roedores pequenos e medianos. En territorios secos predominan na dieta as aves, réptiles, anfibios e mamíferos pequenos, coma ourizos ou roedores. Nestes ámbitos as pombas e os córvidos poden formar unha parte grande do volume total das presas. Comen tamén regularmente insectos grandes, miñocas e caracois. A alimentación vexetal e parte ocasional da dieta dos que buscan alimentos nos vertedoiros. No oeste e centro de África os froitos da palmeira do aceite (Elaeis guineensis) poden ser unha parte significativa da dieta da subespecie africana M. m. parasitus e dos miñatos europeos invernantes.
Buscan alimentos voando a modo non moi lonxe do chan. Capturan os peixes, vivos ou mortos, da superficie da auga. O resto das capturas fainas case sempre no chan. raras veces atrapan aves en voo. Adoitan ser as primeiras aves en detectar os animais mortos, aproveitando tanto animais pequenos atropelados coma, xunta con aves máis especializadas, cadáveres grandes. M. m. parasitus e M. m. govinda están parcialmente especializadas en aproveitar os vertedoiros, nos que poden aparecer en grandes cantidades, o mesmo que en mercados e preto de matadoiros e fabricas de procesamento de peixe. Seguen ás veces as barcas de pesca costeira para aproveitar a borralla e ás veces rouban peixes rouban carne ou peixes dos mercados. Coma outras aves seguen a fronte dos incendios para capturar animais feridos ou mortos. Atacan tamén os enxames de langostas migratorias. A miúdo acosan a outras aves para obrigalas a soltar as súas presas e mesmo a vomitar as que xa tragaron. As vítimas máis habituais desta conduta son as gaivotas, pero tamén outras especies coma garzas, cegoñas e especies grandes de picapeixes. esquerda|miniatura|200px|Subespecie africana de bico amarelo, probablemente M. m. aegyptius
Conduta