miniatura|295px|Fachada da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. As Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) de España conforman unha rede de centros oficiais de nivel non universitario dedicados á ensinanza especializada de idiomas modernos. As EOI son centros dependentes das Consellerías de Educación das Comunidades Autónomas e están enmarcadas dentro dos centros de réxime especial.

Escolas Oficiais de Idiomas en España En España, os estudos das Escolas Oficiais de Idiomas están regulados pola Lei Orgánica 2/2006 de Educación e o Real Decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo. Esta normativa, substitúe á anterior (B.O.E. 10 de setembro, Ordenación das Ensinanzas correspondentes ó primeiro nivel das Ensinanzas Especializadas de Idiomas), polo Real Decreto 1523/1989, do 1 de decembro (B.O.E. 18 de decembro, Contidos Mínimos do primeiro nivel das Ensinanzas Especializadas de Idiomas Estranxeiros) e polo Real Decreto 47/1992 (Contidos Mínimos do primeiro nivel das Linguas Españolas). Neles establecíase que os estudos de cada idioma estaban divididos en dous ciclos: Ciclo Elemental (3 cursos, de 120 horas de duración mínima cada un). Ciclo Superior (2 cursos, de 120 horas de duración mínima cada un).

A Lei Orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de Calidade na Educación (B.O.E. 24 de decembro) modificou esta situación, adaptándoa ó actual esquema de tres niveis: Nivel Básico Nivel Intermedio Nivel Avanzado

Os idiomas actualmente (2006) impartidos nas E.O.I. son os da lista que aparece a continuación, de acordo coa información que subministra o Ministerio de Educación, pero na práctica non se poden encontrar ensinanzas de todos estes idiomas en todas as E.O.I.

Alemán Árabe Catalán Chinés Danés Español para estranxeiros Éuscaro Finés Francés Galego Grego moderno Húngaro Inglés Irlandés Italiano Xaponés Neerlandés Polaco Portugués Romanés Ruso Sueco

Poden inscribirse nas EOI as persoas que acabaran o primeiro ciclo da Educación Secundaria Obrigatoria E.S.O. o equivalente (Graduado Escolar, Certificado de Escolaridade ou Certificado de Estudos Primarios), polo que as EOI ofrecen estudos non universitarios de lingua estranxeira para adolescentes e adultos. España é o único país da Unión Europea que dispón dunha institución de ensino público, que ademais outorga títulos oficiais ó acabar os estudos, con esta finalidade.

As Escolas Oficiais de Idiomas enfróntanse nestes momentos a diversos retos para mellorar e harmonizar as súas ensinanzas coas que se ofrecen noutras institucións europeas. Entre eses retos destacan: A elaboración de currículos que desenvolvan os contidos mínimos do Real Decreto 1523/1989. A harmonización das probas de nivel e dos exames libres realizados nas diferentes E.O.I., que xa fora iniciada nalgunhas Comunidades Autónomas. A adaptación das súas ensinanzas ó Marco Común de Referencia Europeo para a Aprendizaxe, a Ensinanza e a Avaliación de Linguas Estranxeiras.Marco común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación no Instituto Cervantes .

A inexistencia dun marco normativo estable provocou numerosos problemas entre os usuarios matriculados nas Escolas Oficiais de Idiomas, xa que existen distintas normativas que non foron aprobadas e a pesar diso están utilizándose como referencia para a matriculación dos alumnos (como no caso do Borrador de Decreto do Goberno Valenciano, utilizado como referencia para a transición entre os planos de estudos e a matriculación do alumnado).

Escolas Oficiais de Idiomas en Galicia O ensino de idiomas en Galicia, orixinalmente competencia do Estado, en 1981 pasa a ser competencia da comunidade autónoma galega porque así o establece o artigo 31 do Estatuto de Autonomía de Galicia.Estatuto de Autonomía de Galicia na web da Xunta de Galicia. A Escola Oficial de Idiomas que existe naquel intre en Galicia, a da Coruña, é transferida á comunidade autónoma galega polo Real Decreto 1.763/1982.Real Decreto 1763/1982, de 24 de julio, sobre traspaso de funciones y servicios de la Administración del Estado a la Comunidad Autónoma de Galicia en materia de educación no BOE . Posteriormente o goberno galego crea máis Escolas, ata chegar ás once Escolas Centrais e vinte e sete Seccións que existen na actualidade.

En Galicia hai 11 Escolas Oficiais de Idiomas. Estas localízanse nas 7 grandes cidades: A Coruña, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela e tamén nos concellos de Monforte de Lemos, Viveiro, Ribadeo e Vilagarcía de Arousa.

A EOI da Coruña foi a primeira de Galicia, creada por decreto do Ministerio de Educación e Ciencia de España en decembro de 1968 e que comezou a funcionar en 1974. En 1987 por diferentes decretos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia creáronse as EOI das outras tres capitais de provincia: de Lugo (en xuño), de Pontevedra (en xullo) e de Ourense (en setembro). Posteriormente por outros decretos creáronse as EOI de Vigo en 1988, de Ferrol en 1989 e de Monforte de Lemos en 1991. Xa nos anos 2000 creáronse en 2001 as EOI de Santiago de Compostela e de Viveiro, en 2002 a de Ribadeo e finalmente en 2005 a de Vilagarcía de Arousa. A maior parte destas escolas tamén contan con extensións, ou seccións, que imparten cursos en institutos de titularidade pública en horario de tarde. A EOI de Santiago de Compostela ten seccións en Negreira, Noia, Ordes, Ribeira e Sar, e a de Pontevedra con seccións na Estrada, Lalín e o instituto Valle-Inclán, tamén en Pontevedra. As seccións ofertan cursos en inglés, aínda que algunha tamén oferta cursos de francés.

Os cursos de lingua galega ademais de nos centros de Galicia ofrécense nos de Ponferrada (61 matriculados en 2015/16Lenguas cooficiales: gallego y euskera en Castilla y León, periodistas-es.com, 23 de xaneiro de 2016) e Madrid.

No curso 2016/17 as diferentes escolas de idiomas de Galicia contaban con 26.025 matriculados. Por idiomas o inglés é o que contaba con maior número de alumnos 16.966, seguido do francés 3.061, o alemán 1.885, o italiano 1.365, o portugués 1.129, o galego 539, o xaponés 449, o chinés 310, o español para estranxeiros 176, o árabe 89 e o ruso 56Máis de 26.000 persoas estudan no curso 2016/17 ensinanzas regradas nas escolas oficiais de idiomas e nas súas seccións, edu.xunta.gal.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas EEOOII.NET: portal das Escolas Oficiais de Idiomas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia Escola Oficial de Idiomas da Coruña Escola Oficial de Idiomas de Ferrol Escola Oficial de Idiomas de Santiago Escola Oficial de Idiomas de Lugo Escola Oficial de Idiomas de Monforte de Lemos Escola Oficial de Idiomas de Viveiro Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo Escola Oficial de Idiomas de Ourense Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra Escola Oficial de Idiomas de Vigo Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada Escola Oficial de Idiomas de Madrid Jesús Maestro

Categoría:Ensino en España