O cetro de Ottokar (en ) é o oitavo dos álbums da serie As aventuras de Tintín, escritos e ilustrados polo artista belga Hergé. Encargado polo xornal belga conservador para o suplemento infantil , serializado semanalmente entre o 4 de agosto de 1938 e o 10 de agosto de 1939, Hergé pretendeu que a historia fose unha crítica satírica ás políticas expansionistas da Alemaña nazi, en particular á anexión de Austria en marzo de 1938 (o Anschluss).
A historia fala do mozo xornalista belga Tintín e do seu can Milú, que viaxan á ficticia nación dos Balcáns de Sildavia, onde combaten unha trama para derrocar a monarquía do rei Muskar XII. A primeira edición en galego datou de 1989, e correu a cargo da Editorial Juventud, coa tradución de Valentín Arias López.
O cetro de Ottokar foi un éxito comercial e publicouse en forma de álbum por Casterman pouco despois da súa conclusión. Hergé continuou As aventuras de Tintín con Tintín no país do ouro negro. En 1947, Hergé coloreou e reeditou O cetro de Ottokar no seu estilo coa axuda de Edgar P. Jacobs para a súa reedición por Casterman. A historia introduce o personaxe recorrente de Bianca Castafiore, e introduciu os países de ficción de Sildavia e Borduria, ambos os cales aparecerán en historias posteriores.
Contexto histórico A época na que se publicou esta historia influíu notablemente no contido desta, xa que por entón os signos que preanunciaban a inminencia dun conflito mundial eran numerosos. Na noite do 11 ao 12 de marzo as tropas alemás invadían Austria. O día 13, Hitler proclamou a anexión do país, co cal Austria pasaba a ser unha provincia máis do Terceiro Reich.
Os bordurios poden identificarse cos nazis debido a numerosas referencias: os avións, os uniformes e a súa táctica para tomar o poder: o uso dunha quinta columna infiltrada en Sildavia baixo o nome de partido da Garda de Aceiro. Fronte a este estado tan ben organizado e equipado tecnicamente, Sildavia aparece tan desprovista como as democracias occidentais daquel entón.
Sinopse
A trama central de O cetro de Ottokar está directamente inspirada en acontecementos históricos: Borduria intenta anexionarse o reino de Sildavia coa axuda dun personaxe chamado Mustler (O nome do traidor na corte Mustler fai referencia directa a Mussolini e Hitler e os seus métodos tamén evocan a ambos os personaxes históricos). O complot consiste en aproveitar unha debilidade nas tradicións da monarquía deste país: o rei perde o trono se non aparece empuñando o cetro do seu antepasado Ottokar I durante o desfile do día de San Vladimiro, festa nacional de Sildavia. Para iso algúns personaxes prominentes da corte sildava conspiran contra o seu rei para roubar o cetro e forzalo a abdicar.
O Cetro de Ottokar IV é o obxecto máis prezado do pobo sildavo. Atópase no Castelo de Kropow, baixo a vixilancia da garda real. O cetro é venerado case relixiosamnete polo pobo.
Tras descubrir un maletín perdido nun parque belga, Tintín devolvello ao seu propietario, o profesor de sixilografía Nestor Halambique, quen informa o xornalista dos seus plans de viaxar á nación dos Balcáns de Sildavia. Tintín descobre que o espían e segue os seus perseguidores ata un restaurante sildavo próximo. Un home descoñecido pide reunirse con Tintín pero é atopado inconsciente. Pouco despois, o xornalista recibe unha nota ameazante e é entón o obxectivo dun ataque con bomba, Tintín sobrevive a este último cando os detectives da policía Hernández e Fernández interceptan a bomba. Sospeitando que estes eventos están ligados a Sildavia, Tintín decide acompañar ao profesor Halambique na súa próxima visita ao país. Durante a viaxe en avión, Tintin advirte que Halambique actúa de forma distinta e sospeita que un impostor o substituíu. Ao ler un folleto sobre a historia de Sildavia, Tintín teoriza que o impostor forma parte dunha trama para roubar o cetro do rei medieval Ottokar IV ao actual rei Muskar XII antes do día de San Vladimir, para obrigalo a abdicar.
Expulsado do avión polo piloto, Tintín sobrevive milagrosamente e informa á policía local dos seus medos sobre a trama. Non obstante, o capitán da policía forma parte da conspiración, e organiza unha emboscada no bosque para eliminar a Tintín. Tintín evade a morte e diríxese á capital Klow nun coche que transporta á cantante de ópera Bianca Castafiore. Logo de baixar do coche para no oir os cantos da Castafiore, Tintín é arrestado de novo e sobrevive a outro intento de asasinato antes de dirixirse a Klow a pé. Cando chega á cidade, atópase co axudante de campo do Rei, o Coronel Boris, e advírteo da trama. Con todo, Boris tamén é un conspirador e organiza un intento de asasinato sen éxito dirixido contra Tintín.
Tintín consegue advertir persoalmente ao rei sobre a trama. Preocupados, Tintín e Muskar diríxense ao castelo de Kropow, onde se atopa o cetro, para descubrir que o impostor que pretende ser Halambique conseguiu sacalo do edificio cos seus cómplices. Coa axuda de Hernández e Fernámdez, que chegaran recentemente a Sildavia, Tintín persegue aos ladróns, primeiro en coche e despois a pé. É capaz de evitar que o cetro se traslade á fronteira cara á veciña Borduria, descubrindo unha carta sobre un dos conspiradores. Revela que a trama foi orquestrada por Müsstler, un axitador político que dirixe a Garda de Ferro de Sildavia e o Zyldav Zentral Revolutzionär Komitzät (ZZRK), e que pretende despertar o malestar en Sildavia, permitindo que Borduria invada e anexe o país. Entrando en Borduria, Tintín rouba un avión de combate e diríxese a Klow, pero os militares de Sildavia derríbano. Se tira en paracaidas e continúa a Klow a pé, devolvendo o cetro ao rei o día de San Vladimir e asegurando a monarquía. En agradecemento, o rei fai a Tintín cabaleiro da Orde do Pelicano de Ouro, o primeiro estranxeiro en recibir tal honra. Tintín revela que o impostor era o irmán xemelgo de Halambique mentres a policía deten a Müsstler e rescata ao profesor Halambique.
Historia
Antecedentes miniatura|O Anschluss: ás multitudes saudan aos nazis en Viena 'O cetro de Ottokar' non foi a primeira aventura de Tintín inspirada especialmente en eventos contemporáneos. Hergé, por exemplo, utilizou anteriormente en 1931 a invasión xaponesa de Manchuria como pano de fondo político para a configuración de O Loto Azul. Hergé observou de preto os acontecementos que se desenvolveron en torno ás políticas expansionistas da Alemaña nazi. Ao producir esta historia, foi especialmente influído polo Anschluss, a anexión de Austria pola Alemaña nazi en marzo de 1938. O Acordo de Múnic e a posterior invasión nazi de Checoslovaquia en outubro de 1938. Tres semanas despois de terminar a serialización de O cetro de Ottokar, Alemaña invadiu Polonia. Neste momento, a ameaza para a soberanía belga que supoñía o expansionismo nazi era cada vez máis clara. En 1939, os acontecementos ao redor da anexión italiana de Albania fixeron que Hergé insistise en que o seu editor publicase a obra para aproveitar os acontecementos xa que sentía que "Sildavia era Albania". Máis tarde, Hergé negou que tivese só un país en mente.
Hergé afirmou que a idea básica da historia foille dada por un amigo. O biógrafo Benoît Peeters suxeriu que o candidato máis probable era o seu amigo da escola e scaut Philippe Gérard, que levaba anos avisando dunha segunda guerra con Alemaña. Os estudosos de Tintín afirman que Hergé non desenvolveu os nomes de Sildavia e Borduria, os nomes dos países supostamente apareceron nun artigo incluído nunha edición de 1937 do British Journal of Psychology, no que o autor describía un hipotético conflito entre un pequeno reino e unha potencia veciña. Segundo o informe, o artigo, de Lewis Fry Richardson titulado "Política exterior xeral", exploraba a natureza do conflito entre estados dun xeito matemático. Peeters atribuíu estas afirmacións a Georges Laurenceau, pero declarou que "ningún investigador confirmou esta fonte". Pola contra, un artigo de Richardson titulado "Generalized Foreign Politics: A Story in Group Psychology" foi publicado en The British Journal of Psychology Monograph Supplements en 1939, pero non mencionaba Sildavia ou Borduria. En calquera caso, dada a data de publicación, é improbable que tivese influencia no cetro de Ottokar.
Hergé deseñou a Borduria como unha representación satírica da Alemaña nazi. Hergé chamou ao axitador pro-borduriano "Müsstler" cunha combinación dos apelidos dos líderes Nazi, Adolf Hitler e do Partido Nacional Fascista de Italia Benito Mussolini. O nome tamén tiña semellanzas co líder Unión Británica de Fascistas, Oswald Mosley e do Movemento Nacional Socialista nos Países Baixos, Anton Mussert. O grupo de Müsstler recibiu o nome do Garda de Ferro, un grupo fascista romanés que pretendía destituír ao rei Carol II e forxar unha alianza romanesa - alemá. Os oficiais bordurianos levaban uniformes baseados no alemán das SS, mentres que os avións bordurianos son de deseño alemán, na versión orixinal Tintín escapa nun Heinkel He 112, mentres que na versión revisada substitúese por un Messerschmitt Bf 109. Hergé adoptou a base da operación de Borduria para facerse con Sildavia dos plans expostos na Tecnica del Colpo di Stato ("A técnica dun golpe de estado") de Curzio Malaparte.
miniatura|250px | A cidade bosníaca de Mostar (foto arredor de 1890-1900) suxeriuse como unha influencia probable na representación de Hergé dunha vila de Sildavia. A representación de Sildavia foi influenciada polos traxes e culturas de Romanía e da veciña rexión dos Balcáns. As mesquitas que aparecen na Sildavia de Hergé baséanse nas atopadas en todos os Balcáns, mentres que a aparición dunha aldea de Sildava, con teitos de tellas vermellas e minaretes, puido inspirarse especificamente na cidade de Mostar en Bosnia. Sildavia cun subsolo rico en minerais podería tomarse como referencia aos depósitos de uranio atopados baixo as montañas dos Cárpatos de Romanía. Os estudosos de Tintín observaron que o pelicano negro da bandeira de Sildavia aseméllase á aguia negra da bandeira de Albania, e que Romanía é o único país europeo nos que pelicanos son fauna autoctona.
O nome Sildavia pode ser un composto de Transilvania e Moldova, dúas rexións con vínculos históricos con Romanía. A historia de Chequia, Eslovaquia e Bohemia influíron nos nomes sildavos, mentres que varios reis medievais de Bohemia foron a inspiración para o nome "Ottokar". A lingua polaca influíu na inclusión das terminacións "-ow" para os nomes de lugares de Sildavia, mentres que a historia de Polonia descorre paralela á descrición de Hergé da breve Historia de Sildavia. A lingua sildava usada no libro tiña sintaxe francesa pero con vocabulario Marollien, unha broma entendida só polos lectores de Bruxelas.
Non obstante, a pesar da súa localización en Europa do Leste, Sildavia era en parte unha metáfora de Bélxica, o rei de Sildavia Muskar XII aseméllase fisicamente ao rei Leopoldo III de Bélxica. A decisión de Hergé de crear un reino ficticio de Europa do Leste podería estar influenciada por Ruritania, o país ficticio creado por Anthony Hope para a súa novela O prisioneiro de Zenda (1894), que posteriormente apareceu en adaptacións cinematográficas en 1913, 1915, 1922, e 1937. Moitos lugares de Sildavia baséanse visualmente en sitios europeos preexistentes: o Diplodocus no Museo de Historia Natural de Klow está baseado no Museum für Naturkunde, Berlín, o Palacio Real de Sildavia está baseado no Palacio Charlottenburg, Berlín e no Palacio Real de Bruxelas, e o Castelo de Kropow está baseado no Castelo Olavinlinna, construído no século XV Savonia, unha provincia histórica do Reino sueco, situada na actual Finlandia. Para a versión revisada, o castelo de Kropow foi deseñado cunha torre adicional, inspirada no Castelo de Vyborg, Rusia. O Reino Unido tamén exerceu polo menos unha influencia en Sildavia, xa que a carroza do rei Muskar XII está baseada no Gold State Coach (carruaxe de ouro do estado) da Familia real británica.