O Trofeo Teresa Herrera é un torneo futbolístico de carácter amigábel que ten lugar cada ano na cidade da Coruña, desde 1946. Dispútase dende os seus inicios no estadio de Riazor, sendo organizado primeiro polo Concello da Coruña e dende o ano 2000 polo Deportivo da Coruña.
É o torneo amigábel de fútbol que máis edicións leva celebradas no mundo de xeito ininterrompido (81) e está considerado como un dos máis prestixiosos debido á máxima categoría que teñen os equipos que participaron na súa historia. Dende a edición inicial que gañou o Athletic Club de Zarra, pasaron polo torneo entre outros o Santos de Pelé, o Botafogo de Garrincha, o Benfica de Eusébio, o Real Madrid de Amancio e Gento (ademais do de Butragueño, o dos "galácticos" ou o de Cristiano Ronaldo), o Bayern de Múnic de Beckenbauer e Müller, o Ferencvárosi de Flórián Albert, o Estrela Vermella de Džajić, o Ajax de Cruyff e Neeskens, o Mönchengladbach de Heynckes, o Fluminense de Rivellino, o Dynamo de Kíiv de Oleg Blokhin, o PSV de Koeman, o FC Barcelona de Stoichkov e Laudrup, a Sampdoria de Mancini, a Juventus de Zidane e Del Piero, o Boca Juniors de Riquelme e Palermo, ou o Milan de Cafu, Gattuso e Pirlo.
O Deportivo da Coruña non participou ata a décima edición e só o fixo en dez ocasións nos corenta primeiros anos do torneo, debido a que se buscaban equipos con máis prestixio internacional. Nos anos 90, inicio da mellor época do club, o Deportivo pasou a ser un fixo do torneo todos os anos, e acabou por converterse no equipo con máis títulos, superando ao Real Madrid.
Nos seus comezos o torneo xurdiu como unha idea para recadar fondos para os hospitais da cidade, motivo polo que leva o nome de Teresa Herrera, unha filántropa coruñesa que a finais do século XVIII doou os seus bens para a construción dun hospital público. Desde a súa primeira edición en 1946, houbo edicións do trofeo con dous, tres e catro equipos. Os partidos xóganse habitualmente no mes de agosto, formando parte do programa das festas de María Pita, aínda que non sempre é así. Durante décadas o torneo tivo unha grande afluencia de público, enchendo en numerosas ocasións o estadio de Riazor. Nos días da final, no que habitualmente se disputaban dous partidos consecutivos, as bancadas convertíanse nunha especie de festa gastronómica, con empanadas, embutidos, viño e todo tipo de alimentos.
Dende 2013 dispútase tamén o Trofeo Teresa Herrera Feminino.
Historia
Década de 1940: As orixes O torneo naceu en 1946 baixo o amparo do Concello da Coruña e a Xunta Local de Beneficencia, co obxectivo de recadar fondos para os hospitais da cidade nunha época de penurias. O seu ideólogo foi Cristino Álvarez, concelleiro de beneficencia, que lle presentou a súa idea ao alcalde Eduardo Ozores, e este aceptouna. Os equipos elixidos para a disputa da primeira edición foron o Sevilla FC, campión de liga na tempada 1945/46, e o Athletic de Bilbao, campión da Copa do Xeneralísimo de 1945. O Sevilla cobrou unhas 45.000 pesetas pola súa participación e o Athletic unhas 40.000, mentres que o custo do trofeo que se puxo en xogo foi doutras 40.000 pesetas. Os prezos das entradas oscilaron entre as 7 pesetas da localidade máis barata ata as 26 da máis cara, e o estadio de Riazor, inaugurado menos de dous anos antes, rexistrou entre 20.000 e 25.000 espectadores segundo as crónicas da época. Telmo Zarra anotou o primeiro gol do torneo no minuto 13 de xogo tras unha asistencia de José Luis Panizo, e aínda que o dianteiro biscaíño marcou aínda un segundo gol, non foi suficiente para contrarrestar os tres goles sevillistas, obra de Araujo, Arza e Doménech, polo que o primeiro trofeo acabou sendo para o equipo adestrado polo galego Ramón Encinas.
O primeiro equipo internacional chegou na segunda edición do torneo, en 1947, na que repetiu participación o Athletic de Bilbao, enfrontándose esta vez ao Vasco da Gama brasileiro, que gañara o Campionato Carioca en 1945 e que gañaría tamén o dese ano. A pesar de contar con numerosos xogadores da selección brasileira ou que formarían parte dela nos seguintes anos como Augusto, Alfredo II, Ely, Friaça, Maneca, Lelé, Chico ou o célebre porteiro Barbosa, o Vasco non puido co Athletic, que gañou o trofeo con tres tantos anotados na primeira media hora de partido, obra de Gaínza, Iraragorri e Iriondo.
O éxito desa segunda edición, cun Riazor ateigado con preto de 40.000 espectadores, propiciou que se seguise convidando a equipos estranxeiros, ocorrendo isto en case todas as edicións das seguintes décadas. Así, o FC Barcelona de César e o Real Madrid de Miguel Muñoz e Pahiño conquistaron as seguintes dúas edicións fronte ao FC Porto e o Racing de París respectivamente.
Década de 1950: Consolidación En xuño de 1950 a Lazio de Puccinelli e Flamini foi o primeiro equipo estranxeiro en conquistar o trofeo, tras derrotar por 3-1 con goles de Magrini, Sentimenti III e Alzani a un Atlético de Madrid campión de liga que xogou reforzado con varios futbolistas emprestados como César, Babot e Rafael Lesmes, debido á ausencia de varios dos seus xogadores por mor da disputa da Copa do Mundo do Brasil. O torneo recadou unha cifra récord de 540.000 pesetas. O FC Barcelona foi o primeiro en gañar un segundo trofeo, tras derrotar en 1951 por 4-2 ao Young Boys suízo, con dous goles de Kubala, un de César e outro de Cheché Martín, o primeiro galego e o primeiro coruñés en marcar un gol no torneo.
Nas seguintes dúas edicións os equipos foráneos convidados foron dous franceses: o Olympique de Roubaix-Tourcoing, que caeu derrotado contra o Valencia, e o hoxe desaparecido Toulouse FC, que recibiu a maior goleada da historia do torneo por parte do Real Madrid, 8-1, con catro goles de Olsen, dous de Britos, un de Atienza e outro de Pérez Payá. O Sevilla de Helenio Herrera conquistou o trofeo en 1954, tras derrotar por 3-2 ao Helsingborgs, subcampión da liga sueca.
En 1955 o trofeo ía disputarse por primeira vez en agosto, enfrontando ao Stade de Reims, campión francés, co Athletic de Bilbao. Con todo, pouco antes do partido anunciouse que o Stade de Reims non podía viaxar por non ter xogadores suficientes, contando con numerosas ausencias como as de Raymond Kopa, sendo substituído entón o club francés polo Deportivo da Coruña. A pesar de que o concello da Coruña recorreu ao Deportivo por non poder conseguir a participación de ningún outro club de máis categoría, o torneo foi todo un éxito e o club galego acabou levando o trofeo na súa primeira participación, no que a prensa da época definiu como un dos días máis memorábeis da historia do fútbol coruñés. O Athletic, que co checoslovaco Ferdinand Daučík no banco viña de gañar a Copa do Xeneralísimo, e que gañaría ese ano liga e Copa, adiantouse no minuto 41 por mediación de Artetxe, cun disparo que golpeou nas costas de Manín antes de entrar na portería defendida por Otero. Aos poucos minutos de comezar a segunda parte logrou o empate o histórico Pahiño, que marcou aínda dous goles máis que foron anulados. Co tempo cumprido e o empate no marcador xogouse unha prórroga ao final da cal o partido aínda seguía 1-1, polo que se engadiu máis tempo extra que remataría cando un dos equipos marcase. Finalmente, no minuto 130 de partido, Pahiño bateu de novo a Carmelo Cedrún para darlle ao Deportivo o seu primeiro título.
Trala edición de 1954 na que o Atlético de Madrid bateu ao FC Köln por 4-1, tomaron o protagonismo os equipos de América do Sur, participando en tres anos cinco equipos deste subcontinente, catro deles do Brasil. Así, na edición de 1957 reeditouse o partido de 1947 entre o Vasco da Gama e o Athletic de Bilbao, desquitándose o equipo brasileiro daquela derrota cunha contundente vitoria por 4-2, cun gol de Laerte III e un triplete de Walter Marciano. Ao ano seguinte disputouse a primeira edición sen equipos españois, enfrontándose o Nacional de Montevideo contra o Flamengo de Río de Xaneiro, gañando o equipo uruguaio por 2-1 con goles de Héctor Núñez e Guillermo Escalada.
En 1959 disputouse unha histórica edición que enfrontou ao Santos de Pelé co Botafogo de Garrincha. O Santos chegaba á Coruña como líder do Campionato Paulista, que acabaría gañando uns meses despois coa escandalosa cifra de 143 goles, 58 deles de Pelé. Pola súa banda o Botafogo viña de facer un gran Campionato Carioca en 1958, quedando empatado na primeira posición co Flamengo e o Vasco da Gama, sendo necesarios dous torneos triangulares de desempate ata que o título se decidiu a favor do Vasco no que foi chamado o "Super Super Campionato". Os 40.000 espectadores que ateigaron Riazor naquel Teresa Herrera viron sobre o terreo de xogo a 7 campións do mundo, membros da selección brasileira que viña de gañar o Mundial de Suecia o ano anterior: Pelé, Zito e Pepe polo Santos e Garrincha, Didi, Nilton Santos e Mário Zagallo polo Botafogo. O histórico extremo esquerdo santista Pepe, que pisaba por primeira vez Galicia, terra dos seus pais, abriu o marcador antes do descanso e marcou un segundo tanto na segunda parte, na que tamén anotaron os seus compañeiros Coutinho e Pelé, que contaba con só 17 anos e que foi a gran figura do partido. O partido rematou 4-1 para o equipo adestrado por Lula, tamén fillo de galegos, que sumou así un novo título ao seu longo palmarés.
Década de 1960: Primeiros cuadrangulares O Sevilla gañou en 1960 o seu terceiro título fronte ao Newcastle, o primeiro club inglés en disputar o torneo, e ao ano seguinte o Sporting de Lisboa derrotou ao campión francés, o Stade de Reims. En 1962 os organizadores convidaron por segunda vez ao Deportivo da Coruña, para enfrontarse ao poderoso Benfica de Eusébio e Mário Coluna, que viña de conquistar dúas Copas de Europa consecutivas. Nun Riazor cheo, o Deportivo despregou un gran xogo, vencendo ao equipo portugués por 4-2 con goles de Montalvo, Veloso, Ruiz e Jaime Blanco. Ao ano seguinte participou por terceira vez o Vasco da Gama, sendo derrotado polo Mónaco, campión da liga e a copa francesas, con tres goles do francés André Hess.
En 1964 participaron por primeira vez catro equipos, disputándose o torneo en tres días con formato de semifinais e final. Ademais os encontros xogáronse de noite, utilizando por primeira vez en partidos de fútbol a iluminación artificial de Riazor, que fora inaugurada uns días antes nos Mundiais Militares de Atletismo. Na primeira semifinal o Deportivo derrotou por 2-0 ao FC Porto, mentres que na segunda o Sporting de Lisboa deixou fóra á Roma. Na final o Deportivo goleou por 4-0 ao vixente campión da Recopa de Europa e o capitán Veloso, autor de tres goles, dous deles na final, recolleu das mans de Francisco Franco o terceiro título do club coruñés. esquerda|miniatura|Trofeo ao subcampión da edición de 1969 (Museo do Club Nacional). As seguintes dúas edicións disputáronse de novo a partido único. En 1965 o Atlético de Madrid campión de Copa derrotou por 2-1 ao Vitória de Setúbal, campión da Copa portuguesa, cun gol de Luis Aragonés e outro do ecuatoguineano Miguel Jones. Ao ano seguinte o Real Madrid de Amancio, que viña de gañar a súa sexta Copa de Europa, derrotou por 2-0 ao Deportivo acabado de ascender a Primeira, cun gol de Grosso e outro do ex deportivista Veloso.