Minnesota é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, situado na rexión do Medio Oeste (Midwest). É o duodécimo (12º) maior estado dos Estados Unidos, cunha superficie de 225.365 km². O estado de Minnesota foi constituído a partir da metade oriental do territorio de Minnesota, e foi o 32º estado en ser admitido na Unión, en 1858. A súa poboación, de máis de cinco millóns de habitantes, descende fundamentalmente de emigrantes da Europa Occidental. As minorías raciais principais son os afroamericanos, os asiáticos, os hispanos, os nativos americanos descendentes dos habitantes orixinais, e as recentes comunidades de inmigrantes somalís e hmong.
Pouco máis da metade de toda a poboación de Minnesota concéntrase na área metropolitana das Cidades Xemelgas (Twin Cities), o centro estatal de transportes, negocios e industrias, é fogar dunha comunidade artística internacionalmente recoñecida. O resto do estado, coñecido como Gran Minnesota (Greater Minnesota), consiste en vastas praderías dedicadas á agricultura intensiva ao oeste, bosques caducifolios ao leste, e o menos poboado bosque boreal, ao norte. O estado é coñecido tamén polo seu alcume, a "Terra dos 10.000 Lagos". Tales lagos, xunto cos demais cursos de auga e os seus numerosos parques e bosques nacionais ofrecen aos residentes e aos turistas un vigoroso estilo de vida ao aire libre.
O seu clima extremo contrasta coa moderación dos habitantes de Minnesota. O estado é coñecido pola súa política de moderada a progresiva, polas súas políticas sociais e pola súa alta participación cívica en temas políticos. Figura entre os estados máis sans, e conta cunha das poboacións máis educadas e alfabetizadas.
Etimoloxía A palabra Minnesota provén do nome dakota para o río Minnesota, Mnisota. Mni (en ocasións mini ou minne) pode traducirse por "auga". Polo tanto, Mnisota pódese traducir como auga tinguida de ceo ou auga turbada de algo.Minnesota definition at Dictionary.com Os nativos americanos explicaron a orixe do nome aos primeiros colonos derramando leite en auga e chamándoa mnisota. Moitos lugares do estado conteñen a palabra Dakota para auga, como Minnehaha Falls ("Fervenza"), Minneiska ("Auga branca"), Minnetonka, ("Auga grande"), Minnetrista ("Auga vesga"), e Minneapolis, que é unha combinación de mni e a palabra grega polis ("cidade").
Historia
Ata 1858 miniatura|250px|dereita|Mulleres chippewa nunha canoa, no Lago Leech. Os primeiros exploradores europeos en explorar a rexión que actualmente constitúe o estado de Minnesota foron os franceses Pierre Esprit Radisson e Médard Chouart, en 1660. Daquela, a rexión habitábana os nativos americanos síux. Unha segunda tribo, os chippewa, instalaríanse na rexión a mediados da década de 1750. Os chippewa e os síux inmediatamente faríanse inimigos.
En 1679, o francés Daniel Greysolon, na procura dunha ruta terrestre cara á costa do océano Pacífico, pasou polo actual Minnesota. Greysolon chegou á rexión a través do Lago Superior, e explorou o interior da rexión, anexionando toda a rexión que constitúe actualmente Minnesota á coroa francesa. Un ano despois, o belga Louis Hennepin e os seus dous compañeiros de exploración, foron capturados polos síux, no actual Illinois. Os nativos americanos levaron os tres ao actual Minnesota. Hennepin, na súa viaxe a Minnesota, foi a primeira persoa de ascendencia europea en pisar na rexión onde está localizada actualmente a cidade de Minneapolis. Greysolon, mentres tanto, oíra noticias da captura de tres brancos descoñecidos por parte dos síux, e organizou unha misión de busca e rescate. Despois de atopar os síux, en 1679, Greysolon, con éxito, esixiu a liberación dos tres prisioneiros.
Os franceses controlaron o actual Minnesota durante preto dun século. Daquela, a rexión formaba parte da provincia colonial de Luisiana, parte de Nova Francia. En 1762, os franceses cederon aos españois tódolos territorios de Luisiana situados ao oeste do río Mississippi, o que incluía toda a rexión sur do actual Minnesota. Un ano despois, en 1763, terminaría a Guerra Franco-Indíxena, entre os franceses e os británicos, que remataría en derrota francesa. Estes, baixo os termos do Tratado de París, cedían tódalas terras de Nova Francia situadas ao leste do Mississippi aos británicos, o que incluía a rexión que actualmente constitúe o norte de Minnesota. A Compañía North West, unha empresa británica, rapidamente fundou diversos postos comerciais en todo o actual Minnesota (ata na porción controlada polos españois). Estes non tiñan interese pola rexión sur de Minnesota, dada a súa illada localización, distante dos principais centros coloniais de España en América do Norte.
En 1783, despois do fin da Guerra de Independencia dos Estados Unidos, os británicos cederon tódalas súas terras ao sur dos Grandes Lagos e ao leste do Mississippi aos Estados Unidos. A rexión do actual norte de Minnesota pasou inmediatamente a formar parte do Territorio do Noroeste. Con todo, os británicos continuaron co comercio de peles na rexión, ata o fin da Guerra de 1812. Mentres, en 1800, os españois cederan aos franceses Luisiana. En 1803, Napoleón Bonaparte vendeu Luisiana aos Estados Unidos, e así, toda a rexión do actual Minnesota pasou a control americano. Dous anos despois da compravenda, Zebulon M. Pike foi enviado polo goberno dos Estados Unidos, para explorar a rexión.
Os americanos fundaron un forte temporal en Minnesota, en 1819. Un ano despois, os americanos iniciaron a construción do primeiro asentamento de carácter permanente do actual Minnesota, Fort St. Anthony, próximo á confluencia entre os ríos Mississippi e Minnesota. O forte inaugurouse en 1825, co nome de Fort Snelling. Este asentamento inmediatamente converteuse no principal centro industrial e comercial da rexión, ademais de realizar servizos militares na rexión.
Fort Snelling tamén serviu de punto de partida para os exploradores que querían explorar as partes inexploradas da rexión. Un destes exploradores, Henry R. Schoolcraft, descubriu o Lago Itasca, o nacemento do río Mississippi. Os americanos comezaron a tallar os bosques de Minnesota durante o final da década de 1830, e a industria madeireira rapidamente converteuse na principal fonte de ingresos da rexión. O cultivo das terras de Minnesota tamén se iniciou durante a década de 1830, na rexión das Chairas Young Drift do leste e do centro-sur do actual Minnesota. Asiña, advertiuse que o solo desta rexión era extremadamente fértil, o que atraeu máis persoas á rexión.
En 1837, os síux e os chippewa venderon as súas terras en torno ao río St. Croix aos americanos. En 1851, uns granxeiros fundan St. Paul, converténdose na primeira cidade do actual Minnesota, cando foi incorporada en 1854. miniatura|esquerda|250px|Mapa do Territorio de Minnesota (1849-1858) Entre 1783 e 1849, Minnesota formou parte de diversos territorios: de Luisiana, o Territorio do Noroeste, o Territorio de Illinois, o Territorio de Míchigan e do Territorio de Wisconsin. Este último territorio englobaba todo o actual Minnesota, así como os actuais estados de Iowa e Wisconsin. Despois de que as rexións de Iowa e Wisconsin foran elevadas á categoría de estados, o Congreso dos Estados Unidos, o 3 de marzo de 1849, crea o Territorio de Minnesota, que ocupaba o restante do ex-territorio de Wisconsin.
As fronteiras norte, leste e sur do novo Territorio de Minnesota eran as mesmas da actualidade. A súa fronteira oeste, en cambio, estendíase ata os ríos Missouri e White Earth, englobando moito dos actuais estados de Dacota do Norte e Dacota do Sur. Por aquel entón, vivían na rexión preto de catro mil habitantes americanos de ascendencia europea. Logo de converterse en territorio, a poboación de Minnesota pasou a crecer rapidamente. Moitos dos novos colonos instaláronse na rexión das Chairas de Young Drift, no oeste e no centro-sur do actual Minnesota. O crecemento demográfico de Minnesota aumentou drasticamente. En 1851, os síux, que vivían no sur de Minnesota, foron forzados polo goberno estadounidense a ceder tódalas súas terras.
O forte crecemento demográfico de Minnesota -concentrado principalmente na parte leste do territorio- fixo que a porción oriental do Territorio de Minnesota fose elevada á categoría de estado o 11 de maio de 1858, pasando a ser o 32° estado dos Estados Unidos. Daquela, Minnesota posuía máis de 150 000 habitantes, e os seus límites territoriais xa eran os actuais. A porción occidental transformaríase en 1861 no Territorio de Dacota.
1858 - Actualidade Tres anos despois da admisión de Minnesota á Unión como o 32° estado americano, estalaría a Guerra civil estadounidense, en 1861, contra 11 estados do Sur dos Estados Unidos, que se separaron do país e formaron os Estados Confederados de América. Minnesota foi o primeiro estado americano en ofrecer tropas á Unión para a loita contra os confederados.
En agosto de 1862, mentres ocorrían relativamente lonxe do estado as principais batallas e conflitos da Guerra Civil, os síux realizaron un grande ataque contra as comunidades habitadas por americanos de ascendencia europea. Neste ataque, os síux mataron a máis de 500 persoas, e destruíron varias comunidades e plantacións. As milicias de Minnesota e as tropas americanas derrotaron finalmente aos síux.
Tralo fin da Guerra Civil, Minnesota pasou por un período de gran crecemento e prosperidade económica. Construíronse grandes cantidades de muíños para procesar o trigo cultivado na rexión, construíronse fábricas en Minneapolis, e as vías férreas pasaron a conectar Minnesota co resto do país. Ademais disto, o goberno do estado, xunto coas empresas ferroviarias, estaba interesado en atraer máis persoas á rexión. O goberno de Minnesota e as compañías ferroviarias distribuíron grandes cantidades de panfletos en Europa -especialmente na recentemente unida Alemaña e en Escandinavia. Grandes cantidades de inmigrantes europeos -na súa maioría alemáns, e en menor escala, noruegueses, suecos e irlandeses- instaláronse no estado, entre as décadas de 1870 e 1890.
A comezos da década de 1880, descubríronse grandes xacementos de ferro en Minnesota. Serían descubertas varias máis en 1890, e ata máis posteriormente, a finais da década de 1910. A minería do ferro converteuse rapidamente nunha das principais fontes de ingresos do estado.250px|dereita|miniatura|Familia de Minnesota, en 1890. En 1889, William W. Mayo e os seus dous fillos fundaron unha clínica médica, a Clínica Mayo (Mayo Clinic), en Rochester. A clínica fíxose moi coñecida no estado, e finalmente a familia Mayo convertería o que inicialmente era unha pequena clínica, nun centro hospitalario. Actualmente, a Clínica Mayo é un dos centros de investigación médica máis prestixiosos do mundo.
En 1894, desatouse un grande incendio nos bosques de Minnesota, o coñecido como Great Hinkley Fire. O incendio estendeuse sobre preto de mil quilómetros cadrados de bosques, causando a morte de preto de 400 persoas e preto dun millón de dólares en danos e perdas. Posteriormente, en 1918, tería lugar outro grande incendio, cobrándose de novo a morte de preto de 400 persoas, e esta vez, causando máis de 25 millóns de dólares en danos e perdas.