O verderolo europeo (Chloris chloris) é un paxaro presente en toda Europa, norte de África e suroeste de Asia. Aínda que se comporta en xeral como ave sedentaria, algunhas poboacións que viven nas zonas máis boreais da súa distribución, móvense cara ao sur no inverno.

Descrición

O verderolo europeo mide entre 14 e 16 cm de lonxitude. É de cor verde oliva, coas plumas das ás e a beira do rabo de cor amarela dourada. As femias e os exemplares novos son menos brillantes e teñen tons castaños no lombo. O peteiro é groso e cónico. Ten o rabo curto e a cabeza grande.

Distribución e hábitat Ademais das zonas xa citadas o verderolo europeo foi introducido e está presente en Nova Zelandia, parte de Australia, e algúns países da América do sur, como o Brasil e a Arxentina.

As súas zonas de cría máis comúns sitúanse nas beiras de zonas de bosque, sebes e xardíns con vexetación relativamente mesta.

Reprodución A súa época de cría vai de finais de abril a xuño. O niño ten forma de pratiño e constrúeno en sebes ou vexetación mesta. Poñen 5 ou 6 ovos abrancazados con manchas e puntos castaños escuros. A femia choca os ovos 13 ou 14 días e os dous membros da parella alimentan os polos.

Conduta e alimentación O seu voo ondulante é moi característico. Na época nupcial o macho voa describindo círculos ó redor da femia, cantando sen parar.

Non teme a presenza humana. Fóra da época de cría pode xuntarse en bandos, ás veces mesturado con outras especies de frinxílidos. A base da súa alimentación son as sementes, aínda que pode alimentar as crías tamén con algúns insectos.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Categoría:Frinxílidos Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Aves de Galicia Categoría:Fauna de Europa