Juan Zavala de la Puente (ás veces Juan de Zavala ou Juan Zabala), nado en Lima (Perú) o 27 de decembro de 1804 e finado en Madrid o 29 de decembro de 1879, foi un militar e político español. Conde de Paredes de Nava e Marqués de Sierra Bullones, foi Presidente do Goberno de España en 1874. Traxectoria

Logo da declaración de independencia do Perú regresou á Península Ibérica, ingresando na carreira militar. Participou durante a Primeira Guerra Carlista no bando leal a Isabel II. Foi comisionado por Baldomero Espartero para preparar o Convenio de Oñati, que, posteriormente, asinarían o propio Duque de la Victoria e máis o xeneral carlista Rafael Maroto, pondo fin á guerra. Ao longo da guerra, Zavala ascendeu ata o grao de tenente xeneral.

Durante o reinado de Isabel II, foi un dos xenerais que participaron, con Leopoldo O'Donnell ao mando, na guerra de África, obtendo méritos que lle valeron o marquesado de Sierra Bullones. Foi ministro de Mariña nos gobernos da Unión Liberal. En 1874, no ano final do Sexenio Democrático, na República Unitaria, da que o xeneral Serrano era o home forte, nomeou D. Juan Zavala como Presidente do Consello de Ministros, actuando como tal desde o 26 de febreiro de 1874, á par que seguía a ostentar o Ministerio da Guerra. Zavala foi substituído nese mesmo ano, o 13 de maio, por Sagasta.

Véxase tamén

Outros artigos Lista de presidentes de España

Categoría:Militares de España Categoría:Ministros de Asuntos Exteriores de España Categoría:Presidentes de España Categoría:Nados en Lima Categoría:Nados en 1804 Categoría:Finados en 1879 Categoría:Condes de España Categoría:Marqueses de España