A Hispano-Suiza é unha empresa española de automóbiles de luxo e competición que tivo tamén unha vertente nos deseños de motores para a aviación, vehículos de transporte e ata vehículos bélicos e armas. A marca naceu en 1904 a cargo dos empresarios cataláns Damián Mateu e Francisco Seix xunto ao enxeñeiro suízo Marc Birkigt. A empresa tivo un gran desenvolvemento durante as décadas 2ª e 3ª do século XX; porén, por mor da guerra civil española (1936-1939), a marca comezou a ter dificultades económicas.

En 1923, a súa filial francesa converteuse nunha sociedade semi-autónoma coa matriz española. En 1946, a casa matriz española foi nacionalizada polo INI (Instituto Nacional de Industria). Trala nacionalización creouse ENASA, que se dedicou á fabricación de camións, autobuses e —durante uns poucos anos— automóbiles deportivos baixo a marca Pegaso.

En 1968, a rama francesa foi tomada pola compañía aeroespacial Snecma, agora parte do grupo francés Safran Group. Hispano-Suiza deseñou o primeiro motor de 4 cilindros de 16 válvulas e o auto considerado como o primeiro automóbil deportivo, o Hispano-Suiza 45 Cr."First real sports car"

En 2019 a Hispano-Suiza foi refundada polos herdeiros de Damián Mateu e lanzou ao mercado un modelo superdeportivo eléctrico chamado Carmen.

Historia Antecedentes En 1898 o capitán de artillaría español Emilio de la Cuadra, comezou a produción de automóbiles eléctricos en Barcelona co nome La Cuadra. De la Cuadra contratou o destacado enxeñeiro suízo Marc Birkigt (1878-1953), para traballar na compañía en Barcelona. De la Cuadra construíu os seus primeiros motores de gasolina cos deseños de Birkigt; un era de 4,5 HP e o outro era de 7,5 HP, os cales foron instalados no Centauro (o único modelo con motor de explosión que fabricou La Cuadra). Após a bancarrota de La Cuadra, no ano 1902 a propiedade pasou ao galego José María Castro Fernández e converteuse na J. Castro Sociedad en Comandita, Fábrica Hispano-Suiza de Automóbiles, pero esta empresa tamén se arruinou en decembro de 1903. Comercializáronse uns 8 ou 10 vehículos co nome de J. Castro.

A Hispano-Suiza Inicios Logo de arruinarse a compañía J. Castro, Francisco Seix Zaya convenceu ao seu amigo, o avogado e empresario do sector metalúrxico Damián Mateu Bisa, que á súa vez era acredor de Castro, para que se faga cargo da industria. Damián Mateu tamén escoitou os razoamentos de Marc Birkigt e interesouse polo futuro do automobilismo. A nova sociedade constituíuse o 14 de xuño de 1904 co nome de "La Hispano-Suiza, Fábrica de Automóviles, S.A.". Damián Mateu será o presidente, Francisco Seix vicepresidente e Marc Birkigt o director técnico. O capital da empresa cífrase en 500.000 pesetas das cales emítense a metade en 1904, e ao ano seguinte a metade restante, quedando así 1.000 accións de 500 pesetas.

Nas mesmas instalacións de J. Castro na rúa Floridablanca comezaron os traballos da nova empresa. Nun primeiro momento a actividade centrouse en concluír os automóbiles Castro que quedaran pendentes. Así a finais de 1904 entregáronse dous Castro de 10 CV e os dous primeiros coches que se poñen á venda co nome de Hispano-Suíza, ambos de 14 CV, un deles é adquirido por un cliente arxentino a un prezo de 14.000 pesetas da época.

O Castro 14/16 CV foi a base do primeiro Hispano-Suíza, de 20 CV e 3.770 cc, que se pon á venda nos primeiros días de xaneiro de 1905. Este modelo será o de máis éxito desta primeira serie e co que se iniciarán os triunfos no mundo da competición.

En agosto de 1905 Marc Birkigt viaxou a Xenebra, acompañado polo axente comercial da marca, Ernest Stofler, para pechar un convenio polo que a "Société d'Automobiles à Génève" adquiría os dereitos de fabricación de coches baixo licenza de Hispano-Suíza.

Grazas á súa fiabilidade, calidade e prestancia, os automóbiles Hispano-Suíza foron pronto considerados como coches de luxo e símbolos de prestixio social, ademais eran o suficientemente rápidos como para facerse un oco nas incipientes carreiras de coches e triunfar en múltiples competicións.

Como era costume na época, os fabricantes de automóbiles de luxo entregaban unicamente o chasis e o motor e correspondía ao cliente escoller ao carroceiro da súa elección para que construíse a carrocería segundo os seus gustos e especificacións. Loxicamente os mellores carroceiros de Europa "vestiron" aos Hispanos.

Desenvolvemento e impulso para Hispano-Suiza miniatura|300px|Hispano-Suiza modelo Alfonso XIII (España) de 1908. O rei de España, Afonso XIII, era un gran afeccionado ao mundo do automóbil e pronto tivo un grande interese pola marca, grazas ao labor do axente de vendas de Hispano-Suiza, Francisco Abadal, que tanto axudaría á boa reputación e éxito da marca española tanto no campo da competición como no publicitario, presentando ao monarca un coche de 20 CV en 1905 do que quedou sorprendido pola súa resistencia e fiabilidade. En concreto un modelo de 4 cilindros e 20 CV foi entregado ao rei no ano 1907.

Este foi o comezo dunha estreita relación entre a mítica casa e o monarca español, que sempre foi un gran partidario da mesma e que chegou a ter moitos dos modelos que fabricou a firma, e ata comprou en 1910 250 accións e participou nas ampliacións de capital de 1915 e 1916, chegando a posuír o 8% das accións. Este interese fixo que o rei, o cal era considerado toda unha autoridade no mundo do automobilismo, promovese a marca nos círculos da alta sociedade e que contribuíse, entre outros, á difusión do bo nome e fama de Hispano-Suiza, sendo apreciados como coches fiables, potentes e de categoría.

A partir de 1906, a Hispano-Suiza presentouse nos salóns do automóbil, como o de París ou o de Londres, provocando a admiración e curiosidade, á vez que o recoñecemento das súas calidades, entre o numeroso público asistente. O capital ampliouse ata 1 500 000 pesetas e adquiriuse o terreo de "La Sagrera" para a instalación dunha nova fábrica co obxectivo de satisfacer o constante aumento do número de clientes.

Aos poucos Hispano-Suiza foi completando a súa gama de modelos, que xa se estendía desde un pequeno utilitario de 12/15 CV ata un gran 60/75 CV de 6 cilindros creado para rivalizar cos modelos máis luxosos de distintas marcas automobilísticas, o cal foi o primeiro coche de 6 cilindros fabricado en España. En 1908 a firma alcanzou a cifra de 250 unidades vendidas, destinadas ao uso de cidade e turístico en 24 series distintas, correspondentes a modelos de motores de 4 cilindros de potencias 20/30, 24/30 e 30/40 CV.

O rei Afonso XIII solicitou a Birkigt que fabricase un modelo deportivo de serie baseado nos vitoriosos coches de carreiras da marca, desta forma naceu un deportivo de 15/45 CV ao que se denominou posteriormente "Alfonso XIII" en honra ao rei e que constituíu un dos mellores coches da Belle Époque. As súas calidades de potencia, lixeireza e estabilidade, infrecuentes naquel tempo, así como o patrocinio real, provocaron que fose un automóbil demandado.

Os talleres da rúa Floridablanca pronto quedaron pequenos e como consecuencia do constante incremento da demanda, a produción trasládase en 1907 a unha nova fábrica na Sagrera (Barcelona), de maior tamaño e máis moderna.

Por outra banda, xa en 1906 Hispano-Suiza comezaba as súas incursións fora do mundo do automóbil, coa construción dun motor mariño de 20 CV a petición dos prácticos do porto de Barcelona, creando outro motor de 12 CV en 1909 para a mesma finalidade portuaria. A marca tamén construíu motores mariños aplicables así mesmo ao deporte náutico. A partir de 1918, ademais dos xa citados, creáronse os motores de 30/40 e 40/50 CV, motores que, cos anos, fóronse renovando por outros modelos máis modernos e en consonancia cos fins aos que estaban destinados.

Desde 1908 Hispano-Suiza fabricou chasis industriais para ómnibus, camións e ambulancias.

Coa mellora dos motores, Hispano-Suíza lanzou ao mercado en 1909 varios modelos con destino ao transporte público, contribuíndo decisivamente á creación de moitas empresas de transportes de pasaxeiros e correo, adoptando todas elas o nome de Hispano-Suíza na súa razón social, por exemplo a Hispano Alto-Aragonesa, a Hispano-Hilariense, a Hispano-Manresana etc. É de destacar a política de vendas das "viaxeiras" (autobuses) que seguiu a compañía; se alguén estaba interesado en comprar un autobús, só tiña que solicitalo. Entón, tras un estudo económico de viabilidade, creábase unha sociedade conxunta con Hispano-Suíza na que esta achegaba como capital o vehículo e o outro socio o seu traballo. Cando os beneficios repartidos pola sociedade igualaban o monto do vehículo máis os intereses, esta disolvíase.

Neses momentos, Hispano-Suiza comezou a participar en carreiras de forma oficial. O momento definitivo para a marca chegou en setembro de 1910, cando os seus pequenos autos de competición quedaron vencedores nos Grand Prix de Ostende e Boulogne, as probas automobilísticas de maior repercusión entre as que se celebraban por entón.

Pero en 1910, cando a empresa empezaba a ter éxito comercial, estalou unha folga de traballadores que ameazou co afundimento da compañía. Como consecuencia da mesma tivéronse que cancelar moitos pedidos, tanto nacionais como estranxeiros, suspendéronse as representacións nos territorios estranxeiros e perdéronse traballadores especializados na fabricación de automóbiles, todo o cal supuxo unha perda de produción dun terzo.

Produción en Francia Como consecuencia deste golpe á compañía, entre outras razóns, esta decidiu instalar unha fábrica sucursal en 1911, en Levallois-Perret (moi preto de París), para manter o ritmo de produción e satisfacer o constante aumento de pedidos, en especial os do Hispano-Suiza Alfonso XIII.

esquerda|miniatura|300px|Hispano-Suíza modelo "La sardina" de 1914. Marc Birkigt, a petición do Consello de Administración da empresa, trasládase a vivir xunto coa súa familia a París en 1911 para organizar e dirixir a produción da nova fábrica. Esta decisión tivo consecuencias moi favorables para o desenvolvemento da sociedade, xa que se dispuña de maiores cantidades de materias primas, había moitas empresas auxiliares da automoción que podían abastecer mellor á fábrica de Hispano-Suiza, dispúñase dunha man de obra máis cualificada, as exportacións podían ser máis rápidas e a menor custo e accedíase ao lucrativo mercado francés. En 1912, a factoría de París superou a produción da súa homónima de Barcelona. Nese mesmo ano, a empresa experimenta a sobrealimentación con compresores mecánicos aínda que pouco despois fracasaron cuns motores con válvulas na cabeza.

En 1913, unha vez finalizado o contrato de arrendamento das instalacións que utilizaba a fábrica francesa, Birkigt tamén houbo de encargarse do traslado da produción a Bois-Colombes (preto de París). Así, no ano 1914 a factoría xa estaba lista para continuar coa actividade, aínda que a nova instalación tivo que dedicarse aos poucos meses da súa inauguración á fabricación de armamento para o exército francés por mor da primeira guerra mundial.

Nese mesmo ano empezouse a fabricar un novo deseño do Afonso XIII con 16 válvulas e un novo vehículo de cor prata e carrocería de aluminio coñecido como "La sardina" ("A sardiña"), que acumulou un espectacular palmarés de carreiras en costa.

A primeira guerra mundial, motores aeronáuticos miniatura|175px|Motor de aviación Hispano-Suiza con 8 cilindros en V e 140 CV construído durante a primeira guerra mundial. En 1914 estalou a primeira guerra mundial e a casa Hispano-Suiza tivo que afrontar unha etapa decisiva no seu desenvolvemento. Dados os feitos, Birkigt e a súa familia trasladáronse de novo a Barcelona, regresando outra vez a París logo da contenda.