A ofensiva do Norte, tamén denominada campaña do Norte, fronte do Norte ou guerra do Norte, é o nome que recibe o conxunto de operacións e combates que tiveron lugar na franxa cantábrica desde a primavera ao outono de 1937, entre as forzas sublevadas e as da zona leal ao Goberno republicano durante a guerra civil española.
O desenvolvemento das operacións foi completamente contrario ás armas republicanas. Ademais de atoparse politicamente divididas, no que se refire ao equipo e armamento do seu Exército no Norte, este era moi inferior ao que dispuña o exército republicano na zona centro. Esta superioridade foi aproveitada polos militares franquistas para conseguir unha vitoria que inclinase a balanza da guerra ao seu favor. Nunha serie de grandes operacións militares, as forzas sublevadas (co decisivo apoio militar da Lexión Cóndor e o Corpo Truppe Volontarie) destruíron as forzas republicanas na cornixa cantábrica e fixéronse co control de Biscaia, Cantabria e Asturias. O desastre republicano no Norte prepararía o camiño para seguintes derrotas até a caída da República na primavera de 1939.
Antecedentes A fronte norte mantívose practicamente estábel desde outubro de 1936, cando o bando sublevado completara a conquista de Guipúscoa (pechando o acceso terrestre con Francia, o cal supuxo un duro golpe para a República). Pola súa parte, en Asturias conseguiran estabelecer un corredor directo a Oviedo e terminaron co cerco ao que estaba sometida a cidade por parte das milicias republicanas. Con todo, a cidade seguía cercada polas tropas republicanas e nunha situación precaria. Nese momento as forzas sublevadas no Norte eran insuficientes para levar a cabo a conquista da zona que se mantiña fiel á República. Da mesma maneira, os republicanos do norte non posuían tropas suficientes nin un exército organizado para lanzar ofensivas contra os territorios de Castela a Vella ou León.
As tropas republicanas do norte estaban divididas segundo as rexións existentes: milicias asturianas, milicias cántabras e milicias vascas, estas últimas dependentes do Goberno provisional do País Vasco. Existían entre elas máis conflitos e receos ca unha efectiva colaboración entre elas, ademais de seren poucas e estaren pesimamente armadas. Pouco a pouco as milicias foron militarizándose e chegaron a lanzar algunha ofensiva de curto alcance e de limitado éxito. As milicias vascas organizáronse no Euzko Gudarostea, o exército organizado polo Goberno vasco para facer fronte ás tropas sublevadas, e lanzaron unha ofensiva en Áraba coa intención de tomar Vitoria, a capital da provincia. Porén, o avance non pasou de Legutio, onde se estancou a loita até que as tropas vascas se retiraron. A comezos de marzo as milicias asturianas lanzaron un forte ataque contra Oviedo, moi presionada no sitio ao que se vía sometida, aínda que finalmente fracasaron. Estes foron os únicos combates de importancia que se produciron até a primavera.
O 22 de marzo de 1937, tras os repetidos fracasos de Madrid, Franco expuxo aos seus xenerais os novos plans militares. Madrid pasaría a ser unha fronte defensiva mentres que os principais esforzos dirixiríanse á Fronte do Norte baixo a dirección de Mola, o «director» do golpe militar de xullo de 1936. Este plan supuña a dura aceptación de que Madrid non podía ser conquistado de inmediato e de que non se podía gañar a guerra rapidamente. Os territorios republicanos do norte eran unha presa tentadora: non só estaban politicamente divididos e peor equipados que cás unidades do centro, senón que comprendían o ferro do País Vasco e o carbón de Asturias, así como o aceiro e as industrias químicas de Biscaia.
Desenvolvemento das operacións
Bloqueo marítimo do Cantábrico Desde que a fronteira de Irún fora conquistada polo bando sublevado en setembro de 1936, o único medio de comunicación que quedaba á zona norte republicana era o marítimo e moi escuetamente o aéreo. Iso non pasou inadvertido ás tropas franquistas, que malia teren unha frota moito máis pequena cá republicana, encargáronse de bloquear o Mar Cantábrico. A frota republicana era moito máis numerosa, pero estaba peor organizada, e atopábase concentrada sobre todo no Mediterráneo. Cun par de destrutores e submarinos era imposíbel facer fronte á pequena pero poderosa frota franquista composta polo vello acoirazado España, os cruceiros Canarias e Almirante Cervera e o destrutor Velasco. Por outra banda, destaca a recentemente fundada Mariña de Guerra Auxiliar de Euskadi (Euzko itsas Gudarostea), formada por bous (pesqueiros reconvertidos) e buques auxiliares. Aínda que os seus lixeiros buques eran insuficientes para facer fronte á mariña rebelde, o seu extraordinario valor compensou esta deficiencia.
En marzo de 1937, produciuse a batalla do Cabo Matxitxako. Os pequenos bous vascos fixeron fronte á armada sublevada para defender o mercante Galdames, que se dirixía con material bélico a Bilbao. A escena dos minúsculos pesqueiros armados facendo fronte ao enorme Canarias era unha reencarnación da loita de David contra Goliath. Malia este pequeno combate, non houbo apenas combates de certa entidade no Cantábrico. Pero tampouco o bloqueo naval sublevado era impermeábel. Este demostrou ser un mito cando buques mercantes británicos cruzaron os supostos campos de minas sen atopar a oposición dos grandes navíos de superficie do bando sublevado. Os campos de minas, porén, si constituían unha ameaza real, como o demostra o afundimento do España o 30 de abril de 1937 fronte ás costas de Santander. Uns meses máis tarde, coa caída de Bilbao, empezou o endurecemento no bloqueo marítimo do Cantábrico, que se viu empeorado pola actividade aérea. Así, durante a caída de Santander e Asturias a superioridade aeronaval sublevada era tal que a evacuación destes territorios foi case imposíbel fóra de contados casos, especialmente autoridades republicanas.
Campaña aérea Artigo principal: Campaña de bombardeos no Norte
Operacións terrestres A campaña iniciouse o 31 de marzo co avance das forzas sublevadas en Biscaia e o Bombardeo de Durango. Estaba prevista que fose unha rápida campaña contra o que se supuña unhas forzas republicanas desorganizadas e deficientemente armadas. O desenvolvemento das operacións acabouse dividindo en tres fases:
Ofensiva de Biscaia (31 de marzo - 1 de xullo): Dende comezos de abril desenvolvéronse as operacións que perseguían tanto a conquista da provincia como de Bilbao, capital e gran centro industrial. O principal estratego da operación, o xeneral Mola, morreu o 3 de xuño tras estrelarse o avión que o transportaba nun cume próximo a Burgos. Con todo, este feito non afectou as operacións e o 19 de xuño caeu Bilbao despois dunha longa loita, seguida da conquista de Biscaia nos seguintes días. Estaba previsto que a ofensiva continuase sobre Santander de forma inmediata, pero a ofensiva republicana en Brunete detivo todas as operacións no norte.
Batalla de Santander (14 de agosto - 2 de setembro): Despois do fracaso do bando republicano en Brunete, o 14 de agosto comezaron as operacións na provincia de Santander. Catro días despois o eixo defensivo republicano caeu e a desbandada entre as súas tropas foi total. Despois de asegurar a Bolsa de Reinosa, o 26 de agosto o bando sublevado e o Corpo Truppe Volontarie alcanzaron a capital, logrando unha decisiva vitoria en apenas unhas semanas.
Ofensiva de Asturias (1 de setembro - 21 de outubro): Antes de acabar as operacións en Santander, xa en agosto algunhas unidades sublevadas entraran en Asturias. A súa conquista prevíase fácil tras a destrución case total do Exército republicano do Norte. Os primeiros avances sublevados topáronse cunha feroz resistencia republicana que se apoiaba na xeografía da zona, comezando a chamada Batalla de El Mazuco. A esperanza republicana era conter a ofensiva inimiga até a chegada do temporal de inverno, situación que obrigaría a deter as operacións até primavera. Con todo, a mediados de outubro resultaba evidente que a caída de Asturias era cuestión de días. A tarde do 21 de outubro as tropas da IV Brigada Navarra ocupaban os últimos bastións republicanos de Avilés e Xixón, podendo darse por finalizada toda a campaña no Norte.
Consecuencias Tras a longa campaña iniciada o mes de marzo, o bando sublevado posuía agora as minas de carbón asturianas e a industria de Bilbao e, o que é máis importante, case todas as industrias de armamento que existían en España. A produción destas era pequena en comparación a outros países europeos, pero moi significativa para o esforzo bélico de calquera dos dous bandos.
Ao remate da campaña, o bando sublevado conquistara ademais 18 500 km cadrados de territorio, conseguindo así contar cun millón e medio máis de habitantes. Entre eles había moitos prisioneiros de guerra, que foron enviados a campos de concentración, enrolados como obreiros na industria ou mesmo mobilizados varios miles deles como «tropas de reserva» para o bando sublevado. Así mesmo, agora controlaban o 36% de toda a produción industrial española, o 60% da produción española de carbón e posuían case toda a produción de aceiro que se elaboraba en España antes da guerra.
A guerra no norte mostrou a notábel superioridade do armamento aéreo e artilleiro sublevado. Especialmente importante foi a actividade da Lexión Cóndor alemá, que se demostrou decisiva, como ocorreu noutras campañas da guerra civil española. Porén, nin na campaña de Biscaia, nin na de Santander, nin na de Asturias pode explicarse a vitoria do bando sublevado por superioridade técnica. A existencia de case tres Estados independentes no bando republicano, cada un dos cales sustentaba as súas propias teorías de goberno e o seu propio exército, debilitou o bando republicano fatalmente.
O apoio aéreo do bando republicano en Euskadi foi moi débil ao principio das campañas de 1936, pero en xuño de 1937 puido disporse de gran número de avións. Por desgraza, eran aparellos xa moi usados e aparecían cando os aeródromos dispoñíbeis estaban xa máis lonxe da zona republicana. Ademais, os avións soviéticos víanse en inferioridade numérica ante as aviacións alemá e italiana.
O xeneral Francisco Llano de la Encomienda, en teoría encargado de dirixir todas as forzas leais á República, nunca logrou crear un mando unificado entre as tropas vascas, cántabras e asturianas. Tampouco o conseguiu o seu sucesor, Mariano Gamir Ulibarri. Tamén se daba o derrotismo no bando republicano, en moito maior grao que a traizón aberta.
O particularismo das tropas republicanas do norte sinalaríao Dolores Ibárruri máis tarde:
A vitoria sublevada tamén permitiu que a frota sublevada puidese trasladarse por completo ao mar Mediterráneo para concentrarse alí no seu esforzo bélico. Finalmente, 65 000 homes do Exército do Norte sublevado quedaran dispoñíbeis, xunto aos seus armamentos, para incorporárense á fronte do sur. Desde maio de 1937, o Exército do Norte republicano perdeu 33 000 homes, 100 000 caeron prisioneiros e outros 100 000 feridos. As perdas do bando sublevado incluían 10 000 mortos e outras 100 000 baixas de diversa consideración.
Aínda que a Fronte Norte desaparecera, varios milleiros de homes das tropas republicanas permaneceron nas montañas asturleonesas até marzo de 1938, negándose a capitular, e frearon así outras posíbeis ofensivas do bando sublevado. A actividade da guerrilla foi tan intensa que durante meses permaneceron nesta área un gran número de tropas e gardas civís. Entre 1937 e 1948 habería unha actividade guerrilleira en Asturias e Cantabria máis intensa ca a actividade militar habida durante os meses de combate aberto.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Batallas da guerra civil española Categoría:Historia de España do século XX