O Tampere Rugby Club é un equipo de rugby da cidade de Tampere (Finlandia). Se ben o club foi fundado en 2001, sendo un dos clubs de rugby máis antigos de Finlandia e o único da rexión de Pirkanmaa, o seu equipo feminino non comezou a súa andaina ata 2009. Ten gañado o campionato finlandés en catro ocasións na categoría de rugby XV, e tres na de seven. Xoga os seus partidos como local no Raholan urheilukenttä.

Na tempada 2026 compite na SM-sarja, a máxima categoría do rugby finlandés.

Historia En 2009 o Tampere Rugby Club puxo en marcha o seu equipo feminino.

Na tempada 2017 chegou o primeiro título en categoría feminina. Logo de perder tres finais de xeito consecutivo, as xogadoras de Tampere venceron en Pori e alzáronse co campionato finlandés por primeira vez na súa historia.

En 2018 o equipo finalizou a liga regular na primeira posición logo de empatar co segundo e terceiro clasificados e saír favorecido pola diferenza de ensaios, e desprazouse a Kuopio para disputar a final fronte o Jyväskylä RC, que se impuxo na semifinal ao Helsinki Rugby Club por un contundente 39-0. Con todo, na final non puido co Jyväskykä HC, que acabou gañando por 10-3.

Logo de finalizar a tempada 2019 na cuarta posición, en 2020 chegou ao banco do equipo feminino Aleksi Aalto e o TRC acabou a liga regular na primeira posición logo de impoñerse no seu campo o WaLi por 41-5 na derradeira xornada, na que se xogaba o liderato e o pase directo á final. Desta volta o equipo de Tampere partía como favorito ao título fronte as Turku Swans logo de ter gañado todos os partidos da liga regular. A final comezou ben para as de Tampere, que conseguiron o primeiro ensaio aos poucos minutos, o que unido á boa defensa e á precisión nos saques de banda levou o partido ao descanso con 16-0 no marcador, mais logo do descanso, a mellor organización do equipo de Turku e as numerosas infraccións das locais igualaron a contenda, que finalizou cun axustado 26-22 para as locais, que alzaron o segundo campionato da súa historia cunha gande actuación de Anna Soiluva, que anotou todos os puntos do Tampere Rugby Club na final e foi recoñecida como a Mellor Xogadora de Rugby de Finlandia, un recoñecemento que non obtiña dende 2016.

Na tempada 2021, coincidindo co 20º aniversario do club, a final do campionato finlandés feminino disputouse en Tampere entre o equipo local e o Helsinki Rugby Club o 25 de setembro. As xogadoras de Tampere acabaron impoñéndose ás da capital por 18-7, revalidando deste xeito o título conquistado na tempada precedente e alzando o terceiro campionato finlandés da súa historia.

O Tampere Rugby Club gañou de novo a liga regular na tempada 2024 logo de impoñerse na derradeira xornada o WaLi por 26-12, conseguindo deste xeito o pase directo á final do campionato, que se celebraría no campo de Lepppävaara (Espoo)) o 28 de setembro. Na final, as xogadoras de Tampere non puideron evitar que o Helsinki Rugby Club prolongara un ano máis o seu reinado no rugby feminino finlandés alzando o seu terceiro título consecutivo. A pesar de que as xogadoras de Tampere fóronse ao descanso por diante no marcador (9-3), o equipo da capital reaccionou na segunda parte para acabar impoñéndose por 14-27.

En 2025 as xogadoras de Tampere conseguiron o seu cuarto campionato finlandés de rugby XV. O equipo finalizou a liga regular na primeira posición logo de gañar todos os partidos, o que lle permitiu avanzar directamente á final, na que derrotou o Jyväskylä RC no campo de Impivaara, en Turku, por un claro 29-0.

Palmarés Rugby XV SM-sarja (5): 2017, 2020, 2021, 2025 e 2026

Rugby VII SM Sevens (3): 2018, 2022 e 2023

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Sitio web oficial

Categoría:Tampere Rugby Club