César Rolando Gerardo María de Covadonga Montaña García Álvarez de Ron Rodés, nado na Veiga, Asturias, o 3 de outubro de 1928, e finado en Madrid o 8 de febreiro de 2000,http://www.vivirasturias.com/asturias/vegadeo/monta%C3%B1a,-cesar/es foi un escultor asturiano. Era o pai do cantante de Def Con Dos César Strawberry.

Traxectoria O terceiro de nove irmáns, o seu pai, César Montaña y Álvarez de Ron, era enxeñeiro industrial (que tiña un negocio familiar de curtidos), pero tiña unha forte inclinación cara á poesía, chegando a realizar obras poéticas. A súa nai, Juana García Rodés, mexicana, nada nunha familia de indianos, recibiu profunda formación cultural e un grande amor á música, que transmitiu aos seus fillos, que tiveron unha ampla e aberta visión da vida.

Estudou bacharelato na Veiga para pasar máis tarde, en 1948 a Madrid, onde estudou escultura na Escola de Belas Artes de San Fernando. Mentres estuda na capital de España, a fábrica de curtidos quebra, e a familia trasládase en 1950 a Barcelona, o que o leva a decidir quedar en Madrid, porque agarda ter mellores oportunidades artísticas. Recibe unha bolsa da Deputación de Oviedo e realiza algúns retratos de encarga, o cal lle permite independizarse economicamente da súa familia. Dos cinco anos de estudos en San Fernando, nos tres primeiros obtivo o Premio de Estado.

É nesta época cando coñece a Eduardo Capa, que nese momento era profesor na Escola. Nace unha amizade e unha longa relación co que será un dos principais fundidores de España. Este escultor estivo moi preocupado por ter unha visión directa de como se atopaba a arte nos países da súa contorna, o cal o levou a realizar varias viaxes, destacando as realizadas en 1953, que coincidiron coa finalización dos seus estudos. Foi a París e en 1955 a Roma, onde obtivo unha bolsa para a Academia de España en Roma, que lle permitiu participar e gañar no Gran Premio de Roma en Escultura.

No ano 1957 casou por poderes con Elena Lehmann Chirino, que exercía como profesora de ballet, a cal pasou a ser protagonista da súa obra en reiteradas ocasións. No ano 1958, nace Elena, a súa filla.

Durante os anos que residiu en Italia aproveita para realizar unha serie de viaxes que marcarán a súa traxectoria artística e persoal. Percorreu Italia, viaxou a Grecia (visitando a Acrópole e os grandes santuarios). Levou a cabo unha terceira viaxe polos lugares onde a segunda guerra mundial deixara a súa peor pegada: Francia, Bélxica, Holanda, Alemaña e Austria; tomando conciencia da destrución que a guerra ocasionara en Europa.

Regresou para instalarse definitivamente en España en 1960, compaxinando o labor escultórico coa docencia. Neste mesmo ano naceu a súa filla Ana, mentres que o seu fillo César fíxoo en 1964. En 1986 foi nomeado director da Escola de Artes Aplicadas Central de Madrid. Tras a súa xubilación en 1994, dedícase de cheo á escultura e á investigación, traballando materiais humildes, como o bambú ou a cera, salientando a súa serie de obras formadas por "varillas" que a enmarcan o espazo interior e á vez ábrense ao espazo circundante.

O material da súa escultura é, xeralmente, metal, con predominio do bronce; de feito, case todas estas obras foron realizadas en pedra e en bronce.

Notas

Categoría:Nados en 1928 Categoría:Nados na Veiga, Asturias Categoría:Finados en 2000 Categoría:Escultores de Asturias Categoría:Personalidades sen imaxes