EmigraSON é un festival de música e cultura galega que se celebra anualmente en Bruxelas (Bélxica) desde 2023. A iniciativa foi creada por un grupo de galegos e galegas emigrados na capital belga co obxectivo de establecer un punto de encontro para a comunidade galega no exterior e de difundir en Europa diferentes manifestacións da cultura contemporánea de Galicia. A súa programación combina concertos de artistas galegos de diferentes estilos (como o rock, o pop, a música electrónica, o indie ou a música urbana) con actividades relacionadas coa tradición musical e oral galega, entre elas foliadas, actuacións poéticas, sesións de música tradicional e encontros culturais. O festival celebrou a súa primeira edición en marzo de 2023 cun formato reducido e unha capacidade de arredor de dúascentas persoas. Nas edicións posteriores ampliou progresivamente o número de actividades, os espazos e a capacidade de público. En 2024 reuniu preto de medio milleiro de asistentes en La Tricoterie; en 2025 trasladou a súa xornada principal á sala La Madeleine, onde congregou unhas 1.200 persoas; e en 2026 ampliou novamente o seu formato, con dúas xornadas e actividades en La Tricoterie e La Madeleine.
O EmigraSON é unha iniciativa vinculada á nova emigración galega en Europa e un espazo de encontro entre a diáspora, a música producida en Galicia e o público residente en Bruxelas. Desde a súa creación, o festival contou coa participación de grupos e artistas como Familia Caamagno, Fillas de Cassandra, The Rapants, Berto, Grande Amore, Ataque Escampe, Tanxugueiras, Terbutalina, De Ninghures, Baiuca, Ortiga e Sabela.
Historia
Orixe do festival EmigraSON xurdiu no contexto da presenza dunha nova xeración de persoas galegas residentes en Bruxelas, cidade que concentra profesionais procedentes de Galicia vinculados ás institucións europeas, á investigación, á comunicación, á cultura e a outras actividades laborais.
O proxecto foi impulsado inicialmente por un pequeno grupo de persoas galegas establecidas na capital belga. O grupo pretendía crear un festival de música en galego dirixido principalmente á comunidade emigrada, mais aberto tamén ao conxunto da cidadanía de Bruxelas e Europa.
A idea partiu da percepción de que, malia existir en Bélxica unha comunidade galega activa, non había unha cita musical periódica que reunise nun mesmo programa algúns dos proxectos máis representativos da renovación da música galega. O festival concibiuse, por tanto, como unha combinación entre encontro comunitario, celebración cultural e plataforma de difusión artística.
A iniciativa coincidiu cun período de expansión e renovación da escena musical galega, caracterizado pola aparición de numerosos proxectos que combinaban o uso da lingua galega con estilos contemporáneos. A programación das primeiras edicións reflectiu esta diversidade, mesturando rock, pop electrónico, música urbana, propostas de raíz e agrupacións de música tradicional.
Desde o seu comezo, EmigraSON incorporou tamén actividades diferentes dos concertos. A primeira edición incluíu unha sesión de música e narración oral no Instituto Cervantes de Bruxelas e unha foliada con agrupacións da diáspora. Esta combinación entre música contemporánea, tradición e encontro comunitario converteuse posteriormente nun dos elementos recorrentes do festival.
Creación dunha estrutura asociativa O festival evolucionou desde unha iniciativa informal dun grupo de persoas amigas ata unha actividade organizada baixo o paraugas dunha asociación cultural sen ánimo de lucro. Co crecemento do evento, o equipo promotor ampliouse e incorporou novas persoas galegas residentes en Bélxica.
A dimensión asociativa permitiu estruturar tarefas como a contratación artística, a produción técnica, a procura de espazos, a venda de entradas, a comunicación, a relación con patrocinadores e institucións e a coordinación do voluntariado.
Evolución do formato A historia de EmigraSON caracterízase por un aumento progresivo da súa capacidade e da complexidade organizativa.
A primeira edición desenvolveuse na sala The Embassy e reuniu entre 150 e 200 persoas. En 2024, o festival trasladou a súa xornada musical principal a La Tricoterie, un centro cultural situado en Saint-Gilles, e achegouse ao medio milleiro de asistentes.
O salto máis significativo produciuse en 2025, cando os concertos principais pasaron á sala La Madeleine, situada no centro de Bruxelas. O cambio permitiu ampliar considerablemente a capacidade e reunir arredor de 1.200 persoas. A edición contou con público procedente de diferentes lugares de Bélxica e con persoas galegas desprazadas desde 15 países europeos.
En 2026, o festival consolidou unha estrutura de dúas xornadas diferenciadas. A primeira, celebrada en La Tricoterie, estivo orientada á música emerxente e á participación comunitaria. A segunda reuniu os concertos de maior formato en La Madeleine. Segundo a cobertura posterior publicada por La Voz de Galicia, a edición superou as cifras dos anos anteriores, con arredor de 700 persoas na primeira xornada e máis de 1.500 na xornada principal.
Este crecemento non supuxo o abandono das actividades tradicionais. As foliadas, a presenza de agrupacións creadas na diáspora e os espazos de encontro entre artistas, público e comunidade galega mantivéronse como parte da identidade do evento.
Edicións miniatura|250x250px|Fillas de Cassandra na primeira edición
Primeira edición: 2023 A primeira edición de EmigraSON celebrouse os días 24 e 25 de marzo de 2023 en Bruxelas. Foi concibida como unha experiencia inicial de pequeno formato, coa intención de comprobar a existencia dun público interesado nun festival dedicado á música galega contemporánea no exterior.
A programación musical reuniu a Familia Caamagno, The Rapants, Fillas de Cassandra, Berto e Filloas. O cartel combinaba grupos cunha traxectoria xa recoñecida dentro da escena galega con proxectos emerxentes que comezaban a adquirir maior visibilidade.
Familia Caamagno representaba unha vertente de rock e garage en galego; The Rapants achegaba unha mestura de pop, rock e actitude festiva; Berto e Filloas situábanse en linguaxes máis próximas á electrónica, ao pop e á música urbana; e Fillas de Cassandra presentaba unha proposta que reinterpretaba mitos clásicos e tradición musical desde unha perspectiva contemporánea.
A edición non se limitou aos concertos. O Instituto Cervantes de Bruxelas acolleu unha sesión de música e narración oral protagonizada por Benxa Otero e Celso. A programación completouse no Bar Kamea, na Rue Franklin que dará nome a unha canción de The Rapants, cunha foliada na que participaron Alumea e Xirandola, dúas formacións vinculadas á difusión da música e do baile tradicional galegos.
A presenza destas actividades complementarias respondía á intención de presentar unha visión ampla da cultura galega. O festival se formulaba como un encontro no que convivían as novas expresións musicais, a tradición oral, o baile e a participación colectiva.
A crónica do evento destacou o carácter comunitario da cita. Para parte do público, a celebración constituíu unha oportunidade de recuperar temporalmente prácticas culturais e formas de socialización asociadas a Galicia. miniatura|400x400px|Cartaz do EmigraSON 2024
Segunda edición: 2024 A segunda edición celebrouse os días 8 e 9 de marzo de 2024. O festival trasladou a súa actividade principal a La Tricoterie, un centro cultural do municipio bruxelés de Saint-Gilles, cunha capacidade considerablemente superior á dos espazos empregados no ano anterior.
O cartel dos concertos estivo formado por Grande Amore, The Rapants, Lontreira, Ataque Escampe e Catuxa Salom. A presenza de The Rapants por segundo ano consecutivo introduciu unha continuidade coa edición inaugural, mentres que o resto do programa ampliaba a diversidade estilística.
Grande Amore achegou unha proposta que combinaba rock, punk, electrónica e performance; Ataque Escampe representaba unha das traxectorias máis prolongadas da música independente en galego; Lontreira incorporaba elementos de pop, música urbana e sonoridades festivas; e Catuxa Salom presentaba unha mestura de raíz galega, ritmos latinoamericanos e produción contemporánea.
A programación comezou cunha actividade no Instituto Cervantes de Bruxelas, onde o dúo Aldaolado, integrado por Lucía Aldao e María Lado, realizou unha sesión poética e musical.
A segunda xornada incluíu tamén unha foliada coa agrupación Alumea, formación nacida na diáspora. Alumea xa participara na primeira edición e pasou a funcionar como un vínculo entre a programación artística chegada desde Galicia e a actividade cultural galega desenvolvida de maneira estable en Bélxica.
A parte central do festival celebrouse o 9 de marzo en La Tricoterie. A elección deste espazo permitiu mellorar as condicións técnicas, aumentar a capacidade e crear diferentes zonas para os concertos, o encontro do público e as actividades complementarias.
A edición reuniu preto de medio milleiro de persoas. As informacións previas á terceira edición sinalaron que parte do público se desprazara desde ata quince países distintos, un dato que reflectía a capacidade da cita para atraer non só á comunidade galega de Bélxica, senón tamén a residentes noutros lugares de Europa.
O crecemento respecto de 2023 foi significativo. En apenas un ano, o festival pasou dun espazo de pouco máis dun par de centenares de localidades a unha convocatoria próxima ás cincocentas persoas. Este aumento consolidou a viabilidade do proxecto e levou á organización a considerar un novo cambio de escala. miniatura|533x533px|Cartaz do EmigraSON 2025
Terceira edición: 2025 A terceira edición de EmigraSON desenvolveuse os días 21 e 22 de febreiro de 2025. O principal cambio foi o traslado dos grandes concertos a La Madeleine, unha sala situada no centro de Bruxelas e cunha capacidade moi superior ao de La Tricoterie.
A decisión implicaba multiplicar a capacidade do evento e asumir unha produción técnica e organizativa máis complexa. En dous anos, o festival pasaba dun espazo de arredor de 200 persoas a unha sala preparada para máis de mil asistentes.
O cartel da xornada principal estivo integrado por De Ninghures, Fillas de Cassandra, Tanxugueiras e Terbutalina. A programación reunía catro propostas pertencentes a xeracións e estilos diferentes, mais relacionadas polo emprego da lingua galega e pola reinterpretación de elementos da identidade cultural do país.
De Ninghures presentaba unha proposta de música de raíz adaptada a formatos contemporáneos. Fillas de Cassandra regresaba ao festival despois da súa participación na primeira edición, cun proxecto que experimentara un considerable crecemento durante os dous anos anteriores. Tanxugueiras constituía o nome de maior proxección exterior do cartel, mentres que Terbutalina achegaba unha traxectoria ligada ao garage e ao punk.
A xornada previa, celebrada o 21 de febreiro na Salle 1180, estivo dedicada á foliada. Participaron Lume de Biqueira, banda de gaitas establecida en Madrid, e Duendeneta Dilleis, colectivo coñecido polas súas sesións baseadas na música galega. O encontro reuniu arredor de catrocentas persoas e esgotou as entradas dispoñibles.
O 22 de febreiro, La Madeleine acolleu a xornada principal. O festival reuniu aproximadamente 1200 asistentes e volveu contar con público desprazado desde numerosos países. A edición representou o maior salto de escala experimentado ata ese momento pola organización.
Un dos momentos destacados produciuse durante a actuación de De Ninghures. Terbutalina deu o seu último concerto no EmigraSON e recibiu unha homenaxe na que participaron tamén integrantes de Tanxugueiras e Fillas de Cassandra.