Hilary Atwood Knight, nada en Palo Alto (California) o 12 de xullo de 1989, é unha xogadora profesional estadounidense de hóckey sobre xeo. Xoga como dianteira no PWHL Detroit da Professional Women's Hockey League (PWHL). Knight é tamén capitá da selección estadounidense.

Knight gañou dez medallas de ouro nos Campionatos do Mundo coa selección estadounidense, máis que ningunha outra xogadora, e posúe o récord de goles, asistencias e puntos. Gañou cinco medallas olímpicas, conseguindo o ouro en 2018 e 2026, e a prata en 2010, 2014 e 2022. Foi a abandeirada dos Estados Unidos na cerimonia de clausura dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2026. En 2023, converteuse na primeira xogadora na historia dos Campionatos do Mundo en superar os 100 puntos na súa carreira e foi nomeada Xogadora do Ano da IIHF, sendo a primeira en recibir o galardón. Gañou o premio á MVP en numerosos torneos, incluídos os Campionatos do Mundo de 2015 e 2016, nos que tamén foi a líder en anotación.

Knight xogou hóckey universitario na Universidade de Wisconsin entre 2007 e 2012, onde gañou dous campionatos nacionais da NCAA (2009, 2011), conseguiu o premio á MVP do Torneo da NCAA en 2011, e converteuse na líder histórica do programa de hóckey sobre xeo feminino da universidade en goles (143) e puntos(262). O seu rexistro de 143 goles é o maior conseguido por ningunha xogadora ou xogador na universidade. Foi tres veces nomeada Xogadora Ofensiva do Ano da WCHA e formou parte do All-American First Team.

No hóckey profesional, gañou a primeira Isobel Cup co Boston Pride da NWHL en 2016 e foi a máxima anotadora en numerosas ligas durante o tempo que pasou nas Boston Blades e Les Canadiennes de Montréal da Canadian Women's Hockey League e o Boston Fleet da PWHL. Na tempada 2024-25 da PWHL empatou como máxima puntuadora da liga con 29 puntos, recibindo o premio á máxima puntuadora e foi finalista ao premio á Atacante do Ano e o Trofeo Billie Jean King como MVP da temporada. Knight ten sido capitá, tanto da selección estadounidense (dende 2023) como do Boston Fleet (2024–2025), antes de converterse na primeira capitá do equipo de expansión do Seattle Torrent en 2025.

Ademais dos seus logros no xeo, Knight ten sido unha destacada defensora da equidade e sustentabilidade do hóckey sobre xeo feminino profesional, desenvolvendo un papel clave na formación da Professional Women's Hockey Players Association e a creación da PWHL. Recibiu tres Premios Bob Allen á Xogadora do Ano (2014, 2022, 2025) e foi incluída na lista Forbes 30 Under 30 en 2018.

Categoría:Nados en 1989 Categoría:Nados en California Categoría:Xogadoras das Boston Blades Categoría:Xogadoras do Boston Pride Categoría:Xogadoras de Les Canadiennes de Montreal Categoría:Xogadoras do Boston Fleet Categoría:Xogadoras do Seattle Torrent Categoría:Xogadoras do PWHL Detroit Categoría:Xogadores de hóckey sobre xeo olímpicos dos Estados Unidos de América Categoría:Medallistas olímpicos de ouro polos Estados Unidos de América Categoría:Medallistas olímpicos de prata polos Estados Unidos de América Categoría:Medallistas olímpicos en hóckey sobre xeo