Alaíde Foppa Falla, nada en Barcelona en 1914 e desaparecida en Guatemala o 19 de decembro de 1980, foi unha profesora universitaria na Universidad Nacional Autónoma de México (UNAM), poeta, feminista, crítica de arte e activista política. Fundadora e directora da revista feminista Fem. e do programa de radio da UNAM Foro de la mujer, onde unha das súas últimas convidadas fora a que sería Premio Nobel da Paz Rigoberta Menchú -daquela co alcume de Guadalupe-. Profesora de linguas modernas na UNAM, onde creou a primeira cátedra de socioloxía feminista na Facultad de Ciencias Políticas y Sociales.

Traxectoria Filla do xornalista e diplomático italo-arxentino Tito Livio Foppa Alessi e da adiñeirada guatemalteca Julia Falla Aris. Cursou os primeiros estudos en Florencia e Bélxica, e posteriormente os universitarios en Roma onde se formou en literatura italiana e historia da arte. Trasladouse coa familia a Guatemala, onde coñeceu a Alfonso Solórzano Fernández, diplomático e político, membro do Partido de Acción Revolucionaria (PAR) e posteriormente do Partido Guatemalteco del Trabajo, co que casou no 1945. Tivo cinco fillos: Julio (fillo biolóxico do presidente Juan José Arévalo Bermejo), Mario, Silvia, Laura e Juan Pablo. Mario, Silvia e Juan Pablo fixeron parte do Ejército Guerrillero de los Pobres, falecendo os dous varóns na guerra civil de Guatemala (1960-1996).

Abandonou Guatemala no 1957 -tralo golpe de estado de 1954 que derrocou ao presidente Jacobo Arbenz Guzmán- e trasladouse a México onde xa residía o seu home dende tres anos antes, desenvolvendo alí a súa actividade docente, cultural e política. Tras coñecer a morte do seu fillo Juan Pablo nun combate no Departamento de El Quiché, implicouse no apoio ás actividades guerrilleiras.

Nunha viaxe á Cidade de Guatemala en decembro de 1980 foi secuestrada xunto a Leocadio Axtún Chiroy -chófer da súa nai-, por forzas do exército guatemalteco, e desaparecida. Ocorreu durante o goberno do xeneral Fernando Romero Lucas García, do que era ministro o seu cuñado Valentín Solórzano Fernández -a súa vez cuñado de Alexandre de Fisterra-.

Entre a súa obra literaria sobrancea a poética: El ave Fénix: Las palabras y el tiempo (1945), Poesías (1945), La sin ventura (1955), Los dedos de mi mano (1958), Aunque es de noche (1959), Guirnalda de primavera (1970), Elogio de mi cuerpo (1970).

Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1914 Categoría:Alumnos da Universidade de París Categoría:Profesores da Universidade Nacional Autónoma de México Categoría:Finados en 1980