A Semana Santa en Sanxenxo é un ciclo de actos conmemorativos da Paixón de Cristo que se levan a cabo no concello de Sanxenxo, na provincia de Pontevedra, desde o Sábado de Paixón ata o Domingo de Resurrección.
Historia
Xoán de Navarrete De acordo co historiador José Manuel Abel, a promoción da Semana Santa en Sanxenxo tal e como se coñece na actualidade débese ao franciscano do século XVI frei Xoán de Navarrete. Procedente do convento de Santa María de Jesús de Alcalá de Henares, durante a súa peregrinación en 1520 á súa Pontevedra natal, que se atopaba inmersa nunha epidemia de peste, Navarrete declarou nun dos seus sermóns: «Yo os prometo de parte de Dios, que cesará la epidemia; y que por cuarenta años no la habrá en esta Villa, si se hiciese una Cofradía, en memoria de la Pasión de nuestro Redentor Jesucristo». Os fregueses cumpriron o mandato e a epidemia cesou, acontecemento interpretado por moitos como un milagre, sen que volvese producirse outra ata 1596. O frade continuou a súa peregrinación ata Sanxenxo, onde morreu en Nantes por mor dunha caída en 1528 tras predicar en Portonovo.
Século XX A comezos do século XX levábanse a cabo os seguintes oficios:
Domingo de Ramos O Domingo de Ramos realizábase a bendición dos ramos de oliveira na praza de Pontevedra, onde era habitual que se competise por levar o mellor ramo.
Xoves Santo O Xoves Santo procedíase á colocación do Monumento. Sábese que en 1612 se dispuxo pintar uns manteis con figuras de anxos para colocar o Monumento e cubrir o altar maior da igrexa de San Xinés, mentres que no século XVIII se iniciou o costume de instalar un catafalco conformado por bancadas graduadas que chegaban ata a cuberta da igrexa, aínda que esta tradición desapareceu na década de 1960.
Tamén se levaba a cabo o coñecido como oficio de tebras, cuxo momento de maior esplendor tiña lugar cando se producía a morte de Cristo. Nese intre apagábanse as luces e facíanse soar bastóns e carracas, acompañados polo ruído dunha pataleta. Este oficio acabaría sendo substituído polo sermón das Sete Palabras desde a balconada da Casa Román. Pola noite saía a procesión de Os Caladiños, na que unha imaxe de Cristo crucificado, actualmente conservada na sancristía, era levada por un fregués e custodiada a ambos os lados por homes portando cirios.
Venres Santo Na mañá do Venres Santo efectuábase un vía crucis polo interior do templo, mentres que pola noite, despois dos oficios correspondentes, tiña lugar a procesión do Santo Enterro coas imaxes do Cristo xacente e da Virxe das Dores.
Domingo de Resurrección O último día procedíase a realizar a procesión do Encontro cunha imaxe do Sagrado Corazón e unha talla da Nosa Señora do Rosario, esta última engalanada cun manto negro axustado ao vestido con alfinetes. A Virxe desfilaba ata a Casa Román, mentres que o Sagrado Corazón discorría polas rúas ata atoparse con ela na praza Pascual Veiga. Nese intre, os portadores de ambas as imaxes avanzaban e retrocedían ao tempo que con cada movemento se retiraba un dos alfinetes que mantiñan suxeito o manto da Virxe, que remataba caendo para deixar completamente ao descuberto o vestido, momento no que se facía soar o himno nacional.
A talla da Nosa Señora do Rosario resultou destruída nun incendio na década de 1950, sendo substituída por unha imaxe da Virxe de Fátima, talla completa que se cubría case na súa totalidade cun pano, que posteriormente se retiraba coa axuda dun pau. Esta cerimonia, igual que a instalación do catafalco o Xoves Santo, foise perdendo co paso do tempo.
Descrición
Oficios
Sábado de Paixón O Sábado de Paixón lese o pregón desde o templo parroquial.
Domingo de Ramos Ao mediodía procédese a realizar no templo parroquial a bendición dos ramos, seguida dunha procesión e dunha misa.
Luns Santo O Luns Santo efectúase pola tarde a procesión de Xesús atado á Columna.
Mércores Santo O Mércores Santo realízase un vía crucis e a procesión do Encontro coas imaxes de Xesús Nazareno e a Dolorosa.
Xoves Santo O Xoves Santo ten lugar pola tarde a misa da Última Cea e a procesión de Xesús Nazareno desde o templo parroquial ata a igrexa, seguida dunha quenda de adoración.
Venres Santo O Venres Santo procédese pola mañá á recepción dos Santos Óleos e a un vía crucis ao mediodía. Pola tarde lévase a cabo unha acción litúrxica solemne e a adoración da Cruz, culminando os actos do día coa procesión do Santo Enterro acompañada pola Banda de Tambores e Cornetas da Confraría do Nazareno e Santo Sepulcro, na que desfilan as imaxes da Dolorosa e do Cristo xacente.
Sábado Santo Pola noite ten lugar a procesión da Soidade desde a igrexa ata o templo parroquial, onde posteriormente se ofician a Vixilia Pascual e a bendición do lume.
Domingo de Resurrección O último día celébrase a misa de Resurrección no templo parroquial, oficio co que conclúe a Semana Santa.
Confrarías Na Semana Santa de Sanxenxo participan a Confraría do Nazareno e Santo Sepulcro e a Confraría da Nosa Señora das Dores e a Soidade.
Confraría do Nazareno e Santo Sepulcro Esta confraría foi fundada en 2010 e é a máis moderna da vila. Desfila nas noites do Mércores, Xoves e Venres Santo. Pola súa banda, a Banda de Tambores e Cornetas da Confraría do Nazareno e Santo Sepulcro foi creada en 2015.
Confraría da Nosa Señora das Dores e a Soidade Esta confraría é a máis antiga e ten as súas orixes na Confraría da Nosa Señora da Soidade, que tiña a súa sede canónica na capela da Soidade da igrexa de San Xinés e figura nos libros de fábrica desde finais do século XVIII, aínda que se ten constancia da súa existencia desde polo menos 1702. Ese ano o cura de Sanxenxo Francisco Varela Sarmiento deixou constancia do achado de «tres cofradías, una del Santísimo, otra de Nª Srª del Rosario y otra de Nª Srª de la Soledad [...]». Desta confraría é herdeira a Irmandade da Virxe das Dores, configurándose o seu nome actual como Confraría da Nosa Señora das Dores e a Soidade.
Imaxes Na Semana Santa de Sanxenxo unicamente procesionan tres imaxes, dúas delas con dobre advocación:
Nome Autor Ano Días nos que procesiona Portadores Comentario Imaxe Xesús atado á Columna / Xesús Nazareno Víctor Vecino Sánchez 2013 Luns Santo, Mércores Santo e Xoves Santo Confraría do Nazareno e Santo Sepulcro A imaxe é articulada e desfila o Luns Santo como Xesús atado á Columna, procesión introducida en 2022 aínda que prevista xa para 2020 e suspendida pola COVID-19, e os demais días como Xesús Nazareno. 75px Nosa Señora das Dores / Nosa Señora da Soidade Mércores Santo, Venres Santo e Sábado Santo Confraría da Nosa Señora das Dores e a Soidade A talla desfila de loito como Nosa Señora das Dores nas procesións do Encontro e do Santo Enterro, mentres que na procesión da Soidade percorre as rúas igualmente de loito baixo esta advocación, lucindo roupas de cor branca cando efectúa a súa entrada no templo parroquial como Nosa Señora da Soidade. 75px Cristo xacente Maximino Magariños Rodríguez 1924 Venres Santo Confraría do Nazareno e Santo Sepulcro Custodiada nunha urna baixo o altar maior da igrexa de San Xinés, a talla foi doada por Ramón Orge Pérez, alcalde de Sanxenxo a comezos de século. 75px
Notas
Véxase tamén Outros artigos Semana Santa en Galicia Semana Santa en Pontevedra
Categoría:Sanxenxo Sanxenxo