A Torre Esmeralda é un edificio residencial situado na praza da Palloza, na cidade da Coruña. Foi proxectada polo arquitecto Ramón Tenreiro Brochón e construída entre 1963 e 1971. Cos seus 20 andares e unha altura aproximada de 70 metros, constitúe un dos primeiros edificios en altura da cidade e un dos exemplos máis destacados da arquitectura residencial galega da segunda metade do século XX.
Historia A Torre Esmeralda foi deseñada nun contexto de forte expansión urbanística da Coruña durante as décadas de 1960 e 1970, favorecida polo Plan Xeral de 1967, que impulsou o crecemento vertical en distintos barrios da cidade.
A súa localización, entre a praza e a costa da Palloza, condicionou o proxecto arquitectónico, que aproveitou a estreita fronte da parcela para reforzar a sensación de verticalidade.
Durante a súa construción produciuse unha controversia urbanística ao avanzar as obras antes da concesión definitiva da licenza municipal, un feito que foi obxecto de debate na cidade. En 1965 xa estaba construída a armazón.
Deseño esquerda|miniatura|Publicidade de 1969.
O edificio responde aos principios da arquitectura moderna, cunha composición xeométrica de gran sinxeleza e unha marcada verticalidade. O elemento máis característico é a súa fachada revestida en cor verde esmeralda, da que deriva o seu nome popular. Os baixos e as dúas primeiras plantas destínanse a uso comercial e empresarial, mentres que o corpo principal alberga 76 vivendas. A cuberta está coroada por unha gran pérgola de formigón armado apoiada sobre piares esveltos, convertida nun dos elementos máis singulares do edificio.
Características A Torre Esmeralda forma parte do conxunto de edificios que transformaron a paisaxe urbana da Coruña durante o desenvolvemento económico das décadas de 1960 e 1970. Xunto con outras torres como a Hercón ou a Efisa, representa a consolidación da arquitectura residencial en altura na cidade.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Lista de rañaceos en Galicia
Categoría:Arquitectura civil na Coruña Categoría:Rañaceos de Galicia