Marcos Kostenbader Valle, coñecido simplemente como Marcos Valle, nado en Copacabana, Río de Xaneiro, o 14 de setembro de 1943, é un compositor, arranxador, cantante e multi-instrumentista brasileiro de sona internacional asociado á segunda xeración da bossa nova. Posteriormente, ao longo da súa carreira, achegouse a estilos como o soul, o jazz-funk, a MPB (Música Popular Brasileira) a paisaxe sonora e o brazilectro. Foi agraciado en 2006 co Premio TIM na categoría de Mellor Disco Instrumental polo CD Jet-Samba, cuxa produción foi tamén realizada polo propio artista.
Traxectoria
De pai avogado con orixes no Estado de Pará, o avó de Marcos Valle foi Eurico de Freitas Valle, gobernador do Estado por un ano no 1929, e de nai tamén paraense mais con ascendencia alemá. Durante a súa adolescencia entrou en contacto coa bossa nova e estudou guitarra na escola fundada por Roberto Menescal e Carlos Lyra. A comezos da década de 1960 iniciou a súa actividade como compositor.
En 1963 publicou o seu primeiro álbum, Sempre Samba. En 1965 editou O Compositor e o Cantor, que incluía a famosa composición «Samba de Verão».
En 1966, diversas versións de «Samba de Verão» acadaron éxito internacional nos Estados Unidos. Durante esa etapa realizou actuacións e gravacións nese país.
Durante o 1967 regresou ao Brasil. Entre finais da década de 1960 e comezos da de 1970 publicou álbums como Viola Enluarada (1968), Samba ’68 (1968), Marcos Valle (1970), Garra (1971), Vento Sul (1972) e Previsão do Tempo (1973), nos que incorporou influencias do rock, o jazz, o soul e o funk á música popular brasileira.
Durante a ditadura militar brasileira, algunhas composicións súas e do seu irmán Paulo Valle foron obxecto de censura. Ambos participaron en iniciativas públicas de oposición ao réxime ditatorial.
En 1975 trasladouse aos Estados Unidos. Residiu primeiro en Nova York e posteriormente nos Ánxeles. Durante este período colaborou con artistas como Sarah Vaughan e Leon Ware.
Para 1981 regresou ao Brasil e publicou Vontade de Rever Você. En 1983 editou o álbum Marcos Valle, que incluía a canción «Estrelar». En 1986 publicou Tempo da Gente.
Durante a década de 1990 a súa obra foi redescuberta por DJs e produtores británicos. En 1998 iniciou unha colaboración co selo Far Out Recordings, co que publicou Nova Bossa Nova. Posteriormente editou, entre outros, os álbums Escape (2001), Contrasts (2004), Jet-Samba (2005), Estática (2010) e Sempre (2019). Marcos Valle gravou para o selo Jazz Is Dead en 2020 Cinzento (2020) Na gravación do disco participaron, entre outros, Ali Shaheed Muhammad, membro de A Tribe Called Quest, e o músico Adrian Younge.
Na década de 2010 diversas composicións súas foron reutilizadas e sampleadas por artistas do hip hop estadounidense. Varias das súas gravacións dos anos setenta foron tamén reeditadas.
En 2024 publicou Túnel Acústico, un álbum desenvolvido a partir de gravacións e demos realizados durante a súa etapa nos Estados Unidos a finais da década de 1970.
Ao longo da súa carreira desenvolveu unha obra vinculada á bossa nova, á MPB, ao jazz, ao soul, ao funk e á música popular brasileira contemporánea.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Da bossa nova ao pop: transformações na obra de Marcos Valle entre 1968 e 1974. Alexei Figueiredo Michailowsky. Universidade Federal de Minas Gerais. 2008-12-17
Ligazóns externas A canción Lugares Distantes, en youtube, do álbum Cinzento
Categoría:Músicos do Brasil Categoría:Nados en 1943 Categoría:Nados no estado do Río de Xaneiro Categoría:Guitarristas de jazz