Iago Prada Cortizo, nado en Oleiros o 5 de agosto de 1989, é un cineasta e sindicalista galego, director, produtor e guionista de cine documental. É secretario de Acción Sindical da Unión Anarcosindicalista da Coruña, organización adherida á Asociación Internacional dos Traballadores.
Traxectoria Naceu en Oleiros e criouse en Cambre. En 2010 obtivo o título de técnico superior en Realización de Audiovisuais e Espectáculos pola Escola de Imaxe e Son da Coruña. En 2014 trasladouse a Sydney (Australia), onde traballou como técnico audiovisual en distintas producións locais e colaborou como enviado especial durante a crise de reféns en Sídney de 2014 para a canle de televisión Antena 3 e a emisora de radio COPE.
En 2015 fundou a produtora Mu Producións coa que produciu a súa primeira longametraxe documental, La bahía en pie, centrado no conflito laboral dos extraballadores de Delphi en Puerto Real.Tras este proxecto afiliouse á Confederación Nacional do Traballo da Coruña, onde tras o cambio de denominación da organización ocupou o cargo de Secretario de Organización entre 2021 e 2023 e de Acción Sindical dende 2024, que ostenta na actualidade.
Desde entón desenvolveu unha filmografía centrada no documental social. En 2018 estreou Bullfight, un documental que recolle unha lida completa sen alteracións narrativas nin música extradiexética. A película foi proxectada en salas, festivais e centros culturais de Europa e América Latina, xerando debate en medios culturais e xeneralistas.
En 2019 dirixiu Vida Ártabra, documental centrado no impacto medioambiental do proxecto da Vía Ártabra sobre a zona húmida da Gándara, cuxa difusión xerou debate na prensa galega.
Entre 2015 e 2017 participou no programa radiofónico Xeración Bravú, emitido pola emisora comunitaria Cuac FM, e entre 2018 e 2020 colaborou en La juventud del Papa. Esta vinculación deu lugar ao documental Nada que ver (2022), centrado na historia de Cuac FM e o seu proceso xudicial fronte á Xunta de Galicia.
Tras participar como guionista na primeira etapa da canle de divulgación científica para adolescentes Eres curioso, en 2017, durante a pandemia de COVID-19 realizou a reportaxe documental Afectados por el Covid, no que varios dos primeiros pacientes da enfermidade na Galiza relatan as súas experiencias en primeira persoa.
En 2025, estreou a serie documental Luz, Cinza e Pedra, producida por Nós Televisión, centrada na memoria histórica e cultural da cidade da Coruña.
En 2026, realizou a miniserie documental Romper el bloque. Nela, Sergio Gregori e outros ex-traballadores de Podemos, La Tuerka e Canal Red, explican os supostos abusos laborais que recibiron.
Actividade sindical Ademais da súa labor cinematográfica, Prada participou en conflitos laborais de distintos sectores, mais especialmente no audiovisual e técnico. A súa participación na Unión Anarcosindicalista (antiga CNT da Coruña) como Secretario de Organización –e, dende 2024, como Secretario de acción sindical– centrouse na loita contra a precariedade laboral.
Repercusión nos medios En 2021, foi protagonista dunha historia viral recollida por numerosos medios de comunicación nacionais e internacionais tras publicar un anuncio humorístico sobre o roubo dunha bicicleta invisible na Coruña. Nel, o cineasta contaba como uns carteis cun cadrado en branco e o texto “desaparecida bicicleta invisible” levárono a recibir decenas de correos de persoas que afirmaban habela atopado, destacando o dunha usuaria con quen intercambiou longos textos de negociación até converterse nunha das súas máis próximas amizades.
Filmografía
Longametraxes documentais
La Bahía en Pie (2015) Bullfight (2018) Vida Ártabra (2019) Nada que ver (2022)
Series documentais
Luz, Cinza e Pedra (2025) Romper el bloque (2026)
Curtametraxes documentais
Afectados por el Covid (2020) La receta gallega (2021) Rockambreiros (2021) María Miramontes, tecedora dun país (2021) Vivencias de Cambre (2022)
Outros traballos
El gran piolín (2014) Éxito (2017)
Notas
Categoría:Nados en 1989 Categoría:Nados en Oleiros Categoría:Sindicalistas de España Categoría:Produtores de cinema de España Categoría:Directores de cinema de España Categoría:Sindicalistas da CNT Categoría:Anarquistas de Galicia