Maximino Fernández-Gago Martínez, nado na Coruña a finais do século XIX e finado na mesma cidade o 29 de decembro de 1956, foi un médico e deportista galego. Foi o sexto presidente do Deportivo da Coruña, cargo que ocupou entre 1919 e 1920.

Traxectoria Foi o maior dos dez fillos do condecorado tenente da Garda Civil e do Corpo de Seguridade da Coruña Antonio Fernández Gago e da súa esposa Antonia Martínez Vázquez. Estudou Medicina e fíxose cargo do sanatorio de Oza durante a pandemia de gripe de 1918.

En decembro de 1919 foi elixido presidente do Deportivo da Coruña, nun momento de decadencia do fútbol coruñés que levou por diante equipos como o Real Club Coruña. Presidiu o club ata xuño de 1920, cando foi substituído no cargo por Juan Casal Rey. Ademais foi vicepresidente da Federación Galega de Fútbol.

Asiduo aos deportes acuáticos, foi patrón de iate e de traiñeira. En 1926 foi un dos fundadores do Real Club Náutico e exerceu como secretario da entidade durante cinco anos. Organizou varias regatas e foi delegado da Federación Española de Vela, así como secretario da Federación Local de Remo.

Vida persoal Casou con María Jacoba Puga Ramón, filla do célebre alcalde coruñés Manuel María Puga Parga, coñecido como Picadillo. Foi pai de María del Carmen Fernández-Gago Puga, coñecida como Chauchau. Faleceu na Coruña o 29 de decembro de 1956.

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados no século XIX Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Deportistas de Galicia Categoría:Médicos da Coruña Categoría:Presidentes do Deportivo da Coruña