Chelonoidis niger niger é unha subespecie extinta da tartaruga das Galápagos orixinalmente endémica da illa Floreana do arquipélago das Galápagos. O epíteto do seu nome científiico, niger (‘negra’) probablemente se refire á coloración que tiña o espécime holotipo. O nome deste taxon ás veces é escrito incorrectamente como nigra, un erro introducido na década de 1980 cando se creou o xénero Chelonoidis, xa que se pensaba erradamente que era unha palabra feminina, erro que foi recoñecido e corrixido en 2017.
Se ben a subespecie estaba extinta, en 2012 decubríronse híbridos desta subespecie con Chelonoidis niger becki na illa Isabela. Probablemente algúns exemplares foron trasladados no século XIX á illa Isabela e hibridáronse alí. Desde o seu descubrimento estanse facendo cruzamentos para intentar "desextinguir", é dicir volver a crear ou reconstruír a subespecie orixinal coa súa pureza xenética orixinal. En 2025, naceron en catividade 400 tartarugas por este procedemento nas instalacións da illa de Santa Cruz. Porén, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) non lle deu aínda de novo o estado de subspecie viva debido a que no momento da avaliación en 2017 non se conseguira obter un espécime xeneticamente puro.
Taxonomía Esta tartaruga é unha subespecie de Chelonoidis niger ou tartaruga das Galápagos, da cal é a subespecie nomeada.
Descrición As tartarugas macho crecían ata os 138 cm de lonxitude e as femias ata os 88 cm. Tiñan unha coiraza con forma de sela.
Comportamento
Estas tartarugas adoitaban descender ás ladeiras baixas da súa illa para comer na vexetación despois das chuvias estacionais. Alimentábanse de herba, Picramnia e cactos, obendo auga de fontes e da acumulada nas gretas das rochas de lava.
Distribución e hábitat A distribución natural destas tartarugas limitábase a unha área de 173 km2 na illa Floreana (antes illa Charles), onde habitaban en bosques caducifolios e perennens.
Relacións cos humanos
Declive e extinción inicial A poboación da tartaruga de Floreana estimouse que orixinalmente era duns 8000 individuos. A súa extinción ocorreu durante as décadas de 1840 ou 1850 debido á sobreexplotación como alimento dos colonos, así como á predación e degradación do hábitat causada por especies introducidas, como cabras, porcos, cans, gatos, burros e roedores. Tamén se culpou da súa extinción a un enorme incendio forestal que tivo lugar en Floreana en 1820, prendido inicialmente para facer unha broma por Thomas Chappel, un tripulante do barco baleeiro Essex (mellor coñecido por ser afundido por un cachalote pouco despois, o que serviu de inspiración para a novela Moby-Dick). No tempo en que Charles Darwin chegou á illa en 1835, décadas de explotación rebaixaran a poboación a niveis críticos, e Darwin deixou rexistrado que quedarían tartarugas explotables para uns 20 anos máis. As tartarugas desapareceron finalmente contra 1850.
Descubrimento de híbridos e resucitación En 2012 descubríronse varios híbridos entre esta subespecie e Chelonoidis niger becki arredor do volcán Wolf da illa Isabela, aparentemente descendentes dalgunhas tartarugas de Floreana que foron transportadas alí no século XIX. En 2017 empezou un programa de cruzamentos para "resucitar" a subespecie de Floreana. En 2023 obtivéranse por este procedemento aproximadamente unhas 400 tartarugas similares ás de Floreana, e hai plans para reintroducir algunhas na illa Floreana en 2024 como parte dun programa de rewilding despois da eliminación con éxito das especies invasoras nesa illa en decembro de 2023. Non obstante, a IUCN non actualizou aínda o seu status de novo como subspecie debido a que non se obtivera ningún espécime xeneticamente puro na avaliación de 2017 e a subespecie desextinguida aínda non se reproducira de forma natural no medio silvestre.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Taxón lázaro Proxecto Quagga, un proxecto similar ao desta tartaruga para reconstruír unha subespecie extinta de cebra Lista de subespecies da tartaruga das Galápagos
Categoría:Testudínidos Categoría:Animais descritos en 1824