María de la Concepción de Albornoz Salas, nada en Luarca (Asturias) o 29 de abril de 1900 e finada na Cidade de México o 29 de febreiro de 1972, foi unha intelectual feminista española, exiliada por mor da guerra civil. Era filla do político republicano Álvaro de Albornoz Liminiana e irmá do escritor Álvaro de Albornoz Salas.
Traxectoria Foi filla do escritor, avogado e ministro da Segunda República Álvaro de Albornoz y Liminiana e de Amalia Salas Abella-Fuertes. Educouse na Institución Libre de Enseñanza, onde coñeceu a futura escritora Concha Méndez. Con ela mantivo unha prolongada amizade mesmo no exilio mexicano. Licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid, onde coñeceu a quen foi o seu marido, Ángel Segovia Burillo, avogado e futuro deputado (1931-1933) do Partido Republicano Radical Socialista, e a súa amiga a escritora Rosa Chacel. Gañou oposicións a Cátedra e foi destinada como profesora no Instituto Antonio de Nebrija de Madrid. Organizou un salón literario no seu domicilio, daquela no Paseo da Castellana, e foi membro do Lyceum Club Feminino.
En 1922 asistiu como testemuña á voda de Rosa Chacel e o pintor Timoteo Pérez Rubio e logo ao bautizo do seu fillo. En 1927 era secretaria da sección de Filosofía do Ateneo de Madrid, e daquela ambas parellas vivían no mesmo edificio da praza Tirso de Molina onde tamén moraba Valle-Inclán. Concha de Albornoz fíxose moi amiga do poeta da Xeración do 27, Luis CernudaSegundo o pintor Gregorio Prieto e o crítico Antonio Sánchez-Barbudo, foi sen dúbida a amizade feminina máis importante na vida do poeta sevillano, só comparable á que Concha tivo con Rosa Chacel, con quen formaron un «trío inseparábel». e en decembro de 1931 axudou ao poeta Miguel Hernández na súa primeira viaxe a Madrid, introducíndoo nas revistas literarias e presentándoo a outros escritores, como Ernesto Gimenez Caballero. Hernández correspondeuna dedicándolle a oitava XXV do seu Perito en lunas (1933). Foi a París no verán de 1936 con Luis Cernuda para servir como secretarios do seu pai Álvaro de Albornoz, nomeado embaixador en Francia polo goberno da Segunda República. De regreso en España, Cernuda alistouse no exército republicano e Concha traballou no Ministerio de Estado. Logo marchou a Londres, onde o seu marido fora destinado. Porén, a parella non se aveu e en xaneiro de 1937 iniciaron o proceso de divorcio, no que Concha foi asesorada pola avogada Victoria Kent.
Trasladouse a Valencia en 1937 xunto co Goberno da República. Foi unha das asinantes do Manifesto da Alianza de Escritores Antifascistas para a Defensa da Cultura. Volveu a París co seu pai, pero enseguida aceptou a invitación do seu amigo Máximo José Kahn, entón cónsul, e a súa esposa Gertrudis Blumenfeld, para residir en Tesalónica. Retomou a súa carreira diplomática optando a un posto de secretaria na embaixada de Atenas, pero non chegou a ocupalo porque perdeu ou lle roubaron unha maleta en Valencia coas súas credenciais e os códigos de claves das embaixadas, entre outros diversos documentos. O Servizo de Información Militar (a axencia de inteligencia e seguridade da Segunda República Española durante a Guerra civil) prohibiu que asumise calquera función mentres se investigaba o asunto.Cóntao María del Carmen García Antón en Visto al pasar: República, Guerra y Exilio (2002)
En Grecia reuniuse con Rosa Chacel e visitaron o novelista Nikos Kazantzakis. Ao finalizar a guerra marchou a Ascona (Suíza) e logo a Francia, onde coa súa familia organizou o seu exilio a México. Embarcou en xuño de 1939 a Cuba, onde residiu até decembro. Durante ese período impartiu clases de literatura na Escuela Libre de La Habana e fixo amizade co escritor José Lezama Lima. O 25 de xaneiro de 1940, a bordo do buque Monterrey, chegou a México e alí residiu até 1944.
Nese país conviviu con outros exiliados, entre eles o pintor Ramón Gaya. En 1944 marchou aos Estados Unidos e converteuse en profesora do Mount Holyoke College (Massachusetts). Desde alí axudou a moitos españois exiliados, entre eles o seu gran amigo Luis Cernuda, quen tamén foi profesor do mesmo colexio feminino. Foi presentada a Eleanor Roosevelt, a quen respondeu, cando esta lle preguntou cando se iría o ditador Franco, «cando queiras», algo que desconcertou á influente esposa do presidente Roosevelt.
Cando Albornoz regresou a México frecuentaba a Luis Cernuda e a Clara James. Con esta última e con Ramón Gaya volveu a Europa en 1952, e uníuselles o poeta e escritor Juan Gil-Albert. Este grupo visitou Venecia, Florencia, Padua, Vicenza, Verona e Roma. En 1956 Albornoz, Gaya e Gil-Albert atopáronse en París, e os dous primeiros visitaron en Roma a María Zambrano no seu departamento na Piazza del Popolo. En outubro de 1959, despois de pasar as vacacións de verán no Xapón, Concha atopouse con Rosa Chacel en Nova York, onde se atopaba cunha bolsa Guggenheim para escribir Saturnal. Albornoz e o seu curmán, o científico e premio Nobel Severo Ochoa (a irmá de Ochoa era a tía paterna de Albornoz) alentaran a Chacel a pedir esa bolsa.
En setembro de 1960 Albornoz sufriu o primeiro revés físico do que en México se declararía como parálise cerebral, a cal a conduciu á morte alí en febreiro de 1972.
De carácter sumamente sociábel, pero moi discreto, non publicou nada. Proxectou con Nikos Kazantzakis facer unha tradución ao grego de poetas españois e traduciu en 1941 Hombres contra Hitler, de Fritz Max Cahen. Con todo, axudou e foi confidente de numerosos escritores, escribiu un nutrido epistolario e dirixiu varias montaxes teatrais de clásicos españois en Mount Holyoke.
Notas
Referencias
Véxase tamén Bibliografía Luis Cernuda, Años de exilio (1938-1963), Barcelona, Tusquets, 2008. Máximo José Kahn, Apocalipsis hispánica, México, Editorial América, 1942. Nikos Kazantzakis, The Selected Letters of Nikos Kazantzakis, ed. de Peter Bien, Princeton, Princeton University Press, 2012. Shirley Mangini, Las Modernas de Madrid. Las grandes intelectuales españolas de la vanguardia, Barcelona, Península, 2001, pp. 157–158. James Valender, Luis Cernuda: Álbum, biografía, Madrid, Publicaciones de la Residencia de Estudiantes, 2002. José Ramón López García, Magda o de la amistad: Homenaje a Concha de Albornoz de Juan Gil-Albert. Barcelona, Universitat Autónoma de Barcelona, 2013.
Categoría:Nados en Luarca Categoría:Feministas de España Categoría:Nados en 1900 Categoría:Finados en 1972 Categoría:Xeración do 27 Categoría:Alumnos da Universidade Central de Madrid