Galego para peques é un proxecto educativo creado para estender o uso do galego na infancia. Nace no ano 2023 da man de Álvaro López García e Fátima Suárez Barrantes, ao comprobar coa crianza do seu fillo a gran carencia de recursos audiovisuais e de entretemento que existían en lingua galega para estas primeiras etapas. Canle de Youtube Desde o 2023 soben vídeos animados e educativos á canle de YouTube Galego para peques. Por medio de cancións, contos, vídeos educativos e divertidos conseguiron chamar a atención da comunidade e acadan milleiros de subscritores e centos de miles de reproducións, demostrando a necesidade dun proxecto destas características. Os contidos destacan polo respecto aos nenos cun uso minimalista da imaxe, sen grandes cambios de brillo, planos ou sons e cunha cadencia axeitada para evitar a sobreestimulación dos peques. Todos os contidos introducen ensinanzas adaptadas a estas primeiras etapas da infancia, para que o tempo coas pantallas sexa o máis aproveitado posible.
No ano 2024 incorporan vídeos apoiados en pictos ou pictogramas, unha ferramenta comunicativa aumentativa e alternativa para axudar ás persoas con necesidades educativas especiais a comunicarse e a comprender mellor o mundo que as rodea. Unha ferramenta innovadora e cada vez máis necesaria dado a aumento no diagnóstico de casos de nenos do espectro autista
Tamén incorporan subtítulos en galego-portugués ou galego internacional coa axuda da AGAL nas transcricións das letras das cancións presentes no proxecto.
Xabarín.gal No ano 2025 estréase tamén na plataforma do Xabarín Club unha recompilación de 14 cancións apoiadas en pictogramas, converténdose así na primeira serie de animación inclusiva para persoas con necesidades educativas especiais, principalmente do espectro autista, presente nunha canle pública infantil de España.
Plataformas dixitais de son No 2024 lanzan o seu primeiro disco, chamado Cancións infantís Vol. 1 en todas as plataformas dixitais de son, recompilando as cancións dos vídeos da canle de Youtube. Un total de once temas que permiten o seu desfrute lonxe das pantallas, para tratar de achegar o material a todas as necesidades das familias e docentes. No 2025 engaden un single máis titulado "Co Xabarín aprendín", con motivo da estrea do proxecto na plataforma Xabarín, e no 2026 sacan o seu segundo disco, chamado Cancións infantís Vol. 2, con outras nove cancións.
Fichas de actividades Desde os inicios do proxecto crearon material adaptado aos vídeos presentes na canle de Youtube, para que desde as familias e aulas poidan asentar os coñecementos asociados a cada vídeo mediante fichas para colorear, unir, rodear, etc.
No ano 2026, e en colaboración con Pidopapas, sacan o seu primeiro libro: Caderno de actividades en galego para 4 anos.
Premios e recoñecementos No ano 2025 o proxecto Galego para peques gaña o premio Mil primaveras, convocado pola CTNL, Coordinadora de traballadores pola normalización da lingua.
No ano 2025 gaña o XVI premio Rosalía de Castro de lingua, convocado pola Deputación da Coruña.
No ano 2025 resultan finalistas ao premio á creación galega do Carballo Interplay.
No ano 2025 resultan finalistas na categoría de calidade lingüística nos premios Youtubeiras.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas https://www.youtube.com/@galegoparapeques
Categoría:Canles de YouTube Categoría:Lingua galega Categoría:Infancia