Tebeosfera é unha publicación electrónica periódica con máis de 2 000 textos publicados, dedicada ó estudo dos medios vinculados á cultura popular gráfica, tales como a historieta e o humor gráfico, a ilustración, a novela popular, o cine ou os xogos. O seu creador e director é Manuel Barrero e o seu subdirector é Félix López, aínda que os contidos son mantidos por un amplo grupo de documentalistas, investigadores, catalogadores, teóricos e coleccionistas autodenominados "tebeditores". A publicación utiliza revisión por pares cega e anónima, conta cun comité científico e está indexada por Latindex, DOAJ, REDIB, DRJI, ERIH PLUS, e Dialnet cun ICDS de 4.3 rexistrado por MIAR. O seu ISSN é 1579-2811.

Traxectoria A súa primeira edición data do 22 de decembro de 2001, constando na súa primeira época de 19 números, o último dos cales está datado o 30 de decembro de 2005. En 2006 Astiberri Ediciones publicou un libro de 304 páxinas titulado Tebeosfera, recompilando ensaios publicados previamente na web, acompañado doutros inéditos, escritos para a ocasión.

O 4 de xullo de 2008 iniciou unha segunda época, na que apareceron 14 números, transformándose tamén nunha base de datos sobre o medio denominada "Gran catálogo de la historieta", cubrindo inicialmente o período 1880-1992 e que posteriormente se ampliou, actualizándose no sucesivo de forma constante. Actualmente conta con máis de 500 000 rexistros (uns 40 000 autores, 40 000 coleccións e 480 000 números catalogados), e preto de 9 500 obras teóricas.

En 2009 Tebeosfera estableceuse como asociación cultural independente sen ánimo de lucro co nome de Asociación Cultural Tebeosfera (ACyT), co obxectivo de promover o estudo e a catalogación da historieta, facendo un chamamento a coleccionistas, teóricos, afeccionados e outros interesados para que se adhiran á mesma, asociándose, para continuar cos traballos de recuperación do patrimonio da banda deseñada en España.

O equipo de Tebeosfera publica ademais dende 2014 o "Informe Tebeosfera", un informe estatístico anual sobre a industria do cómic en España que pronto se converteu no único do seu tipo en Europa, empregada como ferramenta para entender a realidade da industria.

En setembro de 2016, presentouse un novo deseño do sitio web Tebeosfera.com con novas funcionalidades como o apartado "Mi.Tebeosfera" que facilita a interacción con outros usuarios e permite reunir coleccións de cómics en liña; unha mellora do Gran Catálogo, que amplía o seu campo de acción a outros medios afíns da cultura gráfica como a ilustración, a novela popular, os xogos ou o cine; e tamén unha nova etapa da revista Tebeosfera, a súa terceira época, que apareceu a partir dese momento con periodicidade trimestral, ata o ano 2019, no que, por decisión da xunta xeral de socios, cambiou a súa periodicidade a cuadrimestral.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Banda deseñada Categoría:Sitios web