Dickon Amiss Thomas Mitchell, nado en Petit Esperance (Saint David, Granada) o 8 de outubro de 1978, é un político e avogado granadino que exerce como primeiro ministro de Granada desde 2022 e como líder do partido Congreso Democrático Nacional (NDC) desde 2021.

Traxectoria Licenciouse en Dereito pola Universidade das Indias Occidentais en Cave Hill e traballou como asociado no bufete Grant, Joseph & Co., antes de fundar o seu propio bufete, Mitchell & Co., en 2017.

O 31 de outubro de 2021 foi elixido líder do partido Congreso Nacional Democrático. O CND de Mitchell gañou as eleccións xerais de 2022 con algo máis do 51 % do voto popular, conseguindo nove dos quince escanos dispoñibles.

Mitchell reaccionou á vitoria electoral anunciando que lle pediría á gobernadora xeral Cécile La Grenade, que declarase o 24 de xuño festivo nacional para que "os cidadáns poidan celebrar o día da liberación e a vitoria que crearon para Granada, Carriacou e a Pequena Martinica".

O 24 de xuño xurou o cargo como noveno primeiro ministro de Granada, sucedendo a Keith Mitchell (con quen non garda parentesco). Comprometeuse a acabar co nepotismo na sociedade granadina e a reformar o sistema electoral. Asumiu a carteira adicional de ministro de Facenda e creou un novo ministerio chamado Ministerio de Mobilización, Implementación e Transformación. Durante o seu discurso na cerimonia de toma de posesión dos ministros, prometeu pagar aos profesores os salarios retidos.

Partidario de que Granada se converta nunha república, declarou que esperaba que isto sucedese durante o seu mandato.

Notas

Categoría:Nados en 1977 Categoría:Nados en Granada, Caribe Categoría:Alumnos da Universidade das Indias Occidentais Categoría:Primeiros ministros de Granada, Caribe