Aitor Bouza Manso, nado en Ferrol o 16 de xullo de 1991, é un político e xurista galego do PSdeG-PSOE.
Traxectoria Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, completou a súa formación cun mestrado en Consultoría, Márketing e Comunicación e outro en Educación. Exerceu a avogacía, así como a docencia en dereito civil e empresarial, tanto en academias privadas coma por conta propia. Dende 2022 é presidente do Comité Galego Arbitral da Federación Galega de Natación, entidade coa que mantén unha longa relación logo de ser directivo do Club Natación Ferrol, no cal competira dende a infancia.
Militante das Xuventudes Socialistas de Galicia e do PSdeG-PSOE. En abril de 2013 foi elixido Secretario Xeral das XSG , cargo no que se mantivo ata novembro de 2017. Porén, a renuncia do seu sucesor en novembro de 2018 obrigouno a volver á fronte dunha dirección provisional, na que se mantivo ata agosto de 2019, unha vez concluído un intenso ciclo electoral de eleccións xerais, europeas e municipais.
En febreiro de 2022 pasou a formar parte da Executiva Provincial do PSdeG na provincia da Coruña como Secretario de Formación, onde se mantivo ata 2025, cando pasou a formar parte da Executiva Nacional Galega como Secretario de Acción Territorial e Formación. Formou parte, en postos de non saída, da candidatura do socialista de Santiago de Compostela nas municipais de 2023. En outubro dese ano foi elixido Secretario Xeral da Agrupación Socialista de Santiago de Compostela. En setembro de 2025 tomou posesión como deputado no Parlamento de Galicia, trala renuncia de Julio Abalde.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha no Parlamento de Galicia
Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Deputados da XII Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Nados en 1991 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes