A ofensiva de Asturias foi o ataque executado durante a guerra civil española polas tropas sublevadas en setembro de 1937 contra o reduto republicano situado na rexión de Asturias, último territorio non tomado polo bando sublevado na costa do mar Cantábrico. As forzas do Exército Popular atopábanse en inferioridade numérica e atrapadas nunha zona de reducida extensión, aínda que de agrestes montañas. Con todo, non puideron resistir moito tempo o avance franquista, que dispuña de maiores medios de combate en canto a artillaría e aviación.

Antecedentes Tras as derrotas republicanas en Bilbao e en Santander o territorio leal á República na costa cantábrica, popularmente denominado Fronte do Norte, ficou reducido a un enclave constituído pola case totalidade de Asturias. Só Oviedo e o corredor terrestre que conectaba a cidade con Galiza estaban en poder do bando sublevado desde outubro de 1936.

En marzo de 1937 as tropas rebeldes iniciaran a súa ofensiva no norte en dirección leste-oeste. Isto causaba que o seu avance afastase cada vez máis o enclave republicano cantábrico do resto da zona baixo control da República. Así mesmo, as ofensivas do bando republicano de xuño e xullo de 1937 (a batalla de Brunete e a Ofensiva de Zaragoza) non aliviaran a presión do bando sublevado sobre a Fronte do Norte.

O 15 de agosto, as tropas navarras do xeneral Solchaga e a División 23 de marzo, embolsan Reinosa e o día seguinte, cruzan o porto do Escudo. O día 22, os republicanos comezan a evacuar Santander e os batallóns de gudaris vascos chegan a un acordo para se rendiren ás tropas italianas en Santoña. Franco non aceptou o pacto e 14 deles foron fusilados alí mesmo e o resto convertidos en prisioneiros como o resto dos "Rojos".

A caída de Santander o 26 de agosto de 1937 concentrou todas as tropas republicanas da zona cantábrica en Asturias, a rexión máis afastada do resto da España republicana. Resultaba excesivamente difícil a comunicación rápida e o envío de reforzos de aviación e artillaría para resistir. A principal forza republicana era o XVII Corpo de Exército ao mando do tenente coronel Linares Aranzabe, que dispuña de 35.000 soldados, 600 metralladoras e 150 pezas de artillaría. Tamén contaban cos restos do XIV Corpo de Exército de Francisco Galán que lograra escapar do cerco en Santander, mais só dispuña de 8.000-10.000 efectivos e 30 pezas de artillaría.

Desenvolvemento das operacións

Comezo do asalto Os mandos do bando sublevado tomaron un breve descanso tras entraren en Santander e a finais de agosto comezaron os preparativos para a ofensiva sobre Asturias. O 1 de setembro volveron porse en marcha as operacións militares. Mentres tanto, en Xixón os líderes provinciais republicanos formaron o Consello Soberano de Asturias e León. Esta nova institución, dirixida polo mineiro e sindicalista Belarmino Tomás, considerou que as urxencias bélicas impedíanlles o normal acatamento á autoridade do goberno republicano de Juan Negrín, polo que declarou Asturias territorio «soberano». O Consello Soberano destituíu o xeneral Mariano Gamir como xefe do Exército do Norte e as tropas republicanas quedaron baixo o mando do coronel Adolfo Prada Vaquero desde o 29 de agosto. Prada Vaquero tentou reorganizar as súas forzas, unhas dez divisións, conforme as circunstancias, coa axuda do seu xefe de Estado maior, o comandante Francisco Ciutat.

O 5 de setembro de 1937, as avanzadas das tropas sublevadas, formadas pola I Brigada de Navarra do xeneral José Solchaga, chocaron contra unha feroz resistencia republicana no paso montañoso de El Mazucu. Varias unidades do XIV Corpo de Exército de Galán loitaron neste sector, entre eles o veterano Batallón Isaac Puente. Tras unha tenaz resistencia republicana, o bando sublevado puido eliminar as defensas republicanas tras moitos días de combate. O 22 de setembro as últimas tropas republicanas deberon retroceder, deixando unha vía de entrada a Asturias para o bando sublevado. As tropas navarras fixéronse con El Mazucu despois de 33 días de sanguentos combates. Mentres tanto, o sector sur (o dos portos de Montaña) estaba gornecido pola división C que mandaba o maior de milicias Luis Bárzana. Esta logrou atrasar o avance das forzas do xeneral Aranda.

Inicialmente a esperanza republicana era conter os ataques nas montañas polo menos até a chegada do inverno, o que detería o avance sublevado. Pero conforme se desenvolvían as operacións militares, esta posibilidade tornouse practicamente inviábel.

A esmagadora superioridade numérica das tropas rebeldes xunto cunha acertada estratexia lograron abrir o avance das tropas. A situación foi favorecida pola case total ausencia da aviación republicana, malia que no montañoso relevo asturiano a aviación rebelde, axudada pola Lexión Cóndor, debía esperar que os inimigos se concentrasen nunha zona despexada para poder atacalos eficientemente. Ao cesar a resistencia republicana en El Mazucu, as tropas rebeldes avanzan cara ao centro mesmo da zona republicana en Asturias. O 27 de setembro as tropas da I Brigada Navarra toman Ribadesella e o 1 de outubro entran en Covadonga. Puideron ameazar o camiño de todas as tropas da República para se repregaren cara a Xixón. O 14 de outubro, tras seis semanas de combates, seguían en mans republicanas os principais picos e posicións estratéxicas, mesmo algúns na montaña leonesa.

No interior de Asturias a defensa republicana endureceuse, favorecida polo terreo montañoso. Porén, a inferioridade numérica e en especial a falta de municións e protección aérea non permitiu deter por moito tempo os ataques sublevados. O 10 de outubro as tropas franquistas ocuparon as dúas marxes do río Sella e o día seguinte tomaron Cangas de Onís. O xeneral republicano Mariano Gamir Ulibarri comentaría máis tarde que durante a campaña de Asturias producíronse moi poucas desercións nas filas republicanas cara as liñas sublevadas, especialmente se se ten en conta a elevadísima deserción que houbo durante a batalla de Santander. En Asturias a severidade e disciplina nas unidades republicanas foron moi estritas. A situación militar do Exército republicano en Asturias cada vez era peor, o que se traduciu en castigos exemplares. O xeneral Prada chegou a ordenar a execución de 3 comandantes de brigada, 6 comandantes de batallón e outros 12 oficiais para manter a disciplina entre as súas tropas. Chegou a ameazar non só con fusilar os desertores, senón toda a súa familia.

A campaña aérea Durante a ofensiva de Asturias os avións da Lexión Cóndor, uns 50, centráronse no bombardeo dos portos, especialmente os de Xixón e Avilés. O obxectivo era impedir que as tropas republicanas puidesen recibir axuda ou, en última instancia, escapar. Durante as primeiras semanas a Lexión Cóndor estivo destinada na Fronte de Aragón, e a súa ausencia impediu aos xenerais un rápido avance. Cando regresou á Fronte do Norte a súa presenza fíxose notar. Os primeiros ataques da Lexión Cóndor aos portos de Xixón e Avilés producíronse a finais de agosto, afundindo dous barcos mercantes e danando outros. Tamén resultou afectado o submarino republicano C-4 que marchou cara a Bordeos para reparar as avarías, pero xa non regresou. Os bombardeos de agosto sobre Xixón provocaron as últimas represalias por bombardeos da guerra civil. Cada vez que o porto ou a cidade eran bombardeadas, na cuberta do barco prisión Luis Caso de los Cobos eran fusiladas varias decenas dos 500 detidos dereitistas alí recluídos, entre eles algúns sacerdotes. dereita|miniatura|250x250px|O destrutor Císcar afundido no porto de Xixón o 20 de outubro A Lexión Cóndor puxo a proba a técnica do «bombardeo en alfombra». Consistía no bombardeo de obxectivos terrestres mediante ataques por concentración, sobrevoando en formación pechada a baixa altura. Nun terreo extremadamente montañoso como Asturias empregáronse novas técnicas de ataque que demostraron ser moi eficaces. Conforme a campaña de Asturias se achegaba ao seu final, intensificáronse os bombardeos sobre Xixón. O seu porto sufriu bombardeos o 7, o 17, o 18 e 19 de outubro. Ese último día foi alcanzado o submarino republicano C-6, que foi remolcado ao exterior do porto e afundido. O 20 de outubro os bombardeiros Heinkel He 111 da Lexión Cóndor afundiron o destrutor Císcar ancorado no porto, co que desapareceron as posibilidades de fuxida dos dirixentes republicanos asturianos máis sinalados. O día anterior o ministro de Defensa, Indalecio Prieto, dera ordes para que o destrutor partise de inmediato, pero varias contraordes de mandos intermedios e o caos do momento mantivérono no porto.

Afundimento da fronte Na mañá do 15 de outubro as tropas franquistas dirixidos polo xeneral Aranda uníronse ás forzas de Solchaga en L'Infiestu, arrecunchando as tropas republicanas entre La Pola Llaviana e Villaviciosa. Desde o 17 de outubro o Consello Soberano de Asturias e León calculara a posibilidade dunha evacuación final, pero o rápido avance sublevado impediu soster a resistencia. Tras a caída de L'Infiestu e a unificación das dúas columnas de tropas franquistas, Xixón achábase vulnerábel a un ataque directo do bando sublevado. A cidade tampouco tiña opcións viábeis de soster a defensa por máis tempo ante a falta de municións e a desmoralización das tropas. Eran cada vez máis numerosos os casos de insubordinación de recrutas que se negaban a ir loitar á fronte.

Para o 20 de outubro resultaba evidente que a caída de Xixón era cuestión de horas e xa se pensaba na evacuación por vía marítima, a través de Avilés e Xixón, mais resultaba moi problemática pola acción da aviación dos sublevados. E por outra banda, tamén a mariña contraria conseguiu capturar case a metade dos barcos. Con todo, unhas 9.000 persoas lograron chegar ás costas francesas.

O Consello Soberano de Asturias e León convocou á súa última reunión ao mediodía coa presenza do propio coronel Prada. O Consello ordenou a evacuación inmediata por vía marítima ese mesmo día ás 14 horas de refuxiados civís e xefes militares, operativo que se desenvolveu baixo a fustrigación da armada sublevada. Ese día a quinta columna franquista entrou en acción en Xixón e apoderouse pola forza dalgúns edificios públicos. Algúns mandos militares e políticos republicanos (entre eles, o coronel Francisco Galán, Belarmino Tomás e o dirixente anarquista Segundo Blanco) xa fuxiran por vía marítima ou aérea. Os asesores soviéticos fuxiron a través dos poucos avións aínda operativos. O coronel Prada logrou fuxir xunto a outros moitos refuxiados a bordo dun navío británico. Antes de acabar o día rendéronse arredor de 22 batallóns republicanos. O xefe da Fábrica de armas de Trubia, o coronel José Franco Mussió, acordou entregar a fábrica intacta e a continuación rendeuse.

A tarde do 21 de outubro a IV Brigada de Navarra tomou os últimos bastións republicanos de Avilés e de Xixón. Reduciron os niños de resistencia dos soldados republicanos que non puideron ser evacuados. Cando as tropas sublevadas ocuparon finalmente Xixón atoparon unha visión dramática do porto pola cantidade de buques afundidos ou semiafundidos que había nel. Para o 27 de outubro de 1937 toda Asturias estaba ocupada e remataba así á Campaña do Norte iniciada sete meses antes.

Consecuencias